UN VERÁN EN GALEUSCA

"Nadar", por Katixa Agirre

"Nadar", por Katixa Agirre
360_Katixa Agirre
360_Katixa Agirre  

Katixa Agirre (Gasteiz, 1981) publicou o seu primeiro libro, a colección de contos Sua falta zaigu, en 2007. Desde aquela ten publicado, entre outros, o libro de narracións Habitat (2009) e a novela Atertu arte itxaron (2015). Co proxecto Habitat gañou o premio Igartza, e con Atertu arte itxaron o premio da 111 Akademia. Amek ez dute é o título da súa última novela, que, como os tres libros anteriores, foi publicada por ELKAR. Publicamos o relato "Nadar", no marco da sección "Un verán en Galeusca", partillada por Sermos Galiza, Berria e Vilaweb.


Cando chegaron á illa pareceulles lembralo todo: as terrazas cheas, os veleiros no porto, as camisas dos turistas. Eles tampouco eran os de antes: agora deberían saber onde atopar un médico de garda, unha farmacia ou unhas randeeiras antes de comezar as vacacións.

Agora tiñan un neno pequeno.

Quince meses, o seu segundo verán, aínda non camiñaba.

Ao chegar ao dúplex alugado o home fixo unha listaxe -tampas para os enchufes, trampas para os mosquitos, auga mineral, verduras, froita- e saíu cara a un supermercado. A muller quentou o puré que traían da casa e tentou darllo ao neno. Despois cumpría darlle un baño -vomitara no avión-, puxéronlle o pixama e agardaron a que quedase durmido, pegado ao peito da nai.

Despois cearon, eran máis das dez, unha pizza seca, e deron por inauguradas as vacacións.

- Irei a darme un baño- díxolle a muller.

- Perfecto, vai.

Pai e fillo estaban a facer un burato na area. O neno levaba unha camisa para protexelo do sol e coa man teimaba en quitar o pucho da cabeza, tiña a cara cuberta de crema.

-Veña, vai- díxolle outra volta o home á muller, que semellaba non estar moi animada, coas mans á cintura.

Ao final, sen mirar atrás, entrou no mar, a modo. O home quedou mirando para as nádegas duras da súa esposa. Prohibíronlle todos os exercicios físicos despois de parir. O prolapso do útero non era broma. Quirófano. Rehabilitación. Pasado máis dun ano volvía aos poucos a facer exercicio suave. Pilates. Hipopresivos. Agora tamén a natación.

Non semellaba que botase en falta o deporte de elite. A súa única responsabilidade agora era o neno. Quedaron atrás o sufrimento, as lesións, as dietas. Atrás quedou o soño dos xogos olímpicos Agora tiña un neno pequeno.

E ese neno pequeno estaba nese preciso intre a comer area.

-Ei! Non fagas iso!

O neno, ao ver que lle quitaban a merenda da boca, botou a chorar.

-Veña, imos dar un paseo.

O neno dirixiuse cara ao mar collido no colo. O murmurio das ondas causoulle medo e botou de novo a chorar.

-Mi madriña! Si que estamos anoxados hoxe! Veña, avísame se ves á nai, está na auga, aí.

Pero non a viron. O home non estaba tranquilo sen coidar da bolsa e volveron á toalla. A muller levaba case media hora na auga. Non era demasiado? Tentou ver de novo o seu gorro vermello. Sabía que ela adoitaba perder a noción do tempo na auga, pero o cansazo debía estar a facerlle notar o paso dos minutos. Púxose en pé, empregando a man como viseira. Nin rastro do gorro vermello. O neno berraba.

-Tes fame, non si? Veña, vouche dar a comida.

Púxolle o babeiro e abriu o termo. O neno mantivo pechada a boca: non quería o puré, quería galletas.

O home estaba cada vez máis nervioso. Ergueuse de novo, deixando ao neno coa galleta, que axiña encheu de area, para tentar ver de novo á súa muller. Cando sentou na toalla o puré estaba vertido pola toalla.

A muller estaba a participar nunha proba de tríatlon cando se coñeceron na cidade do home. A posibilidade dos Xogos olímpicos estaba viva e a muller non tiña tempo para o amor. Pero o home non desistiu.

Cando quedou fóra dos segundos xogos o home propúxolle vir a vivir con el. El non podía deixar a cidade, acababa de tomar a responsabilidade de dirixir a empresa do seu pai. Entón, veu o embarazo. Non houbo dúbidas. A muller trasladouse á casa do home. Viñeron a aquela illa, por vez primeira, na viaxe de noivos. Daquela a muller tamén pasou a meirande parte das vacacións na auga. Durante o embarazo seguiu adestrando suave, coas náuseas. O home pasaba cada vez máis horas na empresa. Mentres, co ventre inflado, a muller saía a correr, en bicicleta, á piscina.

Na semana 31 comezaron as contraccións e o deporte rematou. Descanso absoluto. Na semana 38, despois de 48 horas de parto, chegou o neno. Os fórceps. Desgarro de nivel 3, 16 puntos de sutura entre as pernas. Un neno de catro quilogramos.

O neno na cadeira, todo recollido e tentando avanzar a través da area, baixo a aperta do sol. O pau apenas escoitaba os choros do fillo, tiña un zunido nos oídos. Pasaran tres cuartos de hora dende que a muller saíra a nadar, quizais unha hora, iso foi o que lle explicou ao socorrista loiro. Describiulle o aspecto da muller. O loiro falou polo walkie e pediulle ao home que agardase na caseta dos primeiros auxilios. Fóra, a conversa nerviosa dos socorristas, o movemento. Viu unha lancha laranxa, ían na procura da súa muller.

Deulle outra galleta ao neno, non tiña outra cousa. A teta era imposible. O neno, a pesar de todo, estaba feliz, xogando cun grupo de xente.

Entrou outro socorrista, o supervisor da praia, e díxolle con voz seria que sería mellor que agardase na casa.

El tíñase por unha persoa áxil, afeita a traballar baixo presión. Pero aquela tarde, ao chegar ao dúplex, cando o neno comezou de novo a chorar de fame, quedou no medio da cociña, en calma, pensando en cal sería o seguinte paso. O neno tiráballe da sandalia pero o home non o podía mirar.

Non. Tiña a necesidade de poñerse en marcha. Colleu o neno no colo e, sen decatarse, deulle auga da billa, na illa tiñan o costume de beber só auga embotellada.

Non era un acordo, era decisión da muller. A dieta equilibrada, os costumes hixiénicos, boas rutinas para a autoestima, xogos para traballar a psicomotricidade. Todo nas mans da muller. Nas fins de semana sentíase un puro amateur, deixáballe facer á muller, algunha vez aprendería algo dela.

O neno deu un longo trago. Ben. Animado, deulle unha pera dividida en dúas metades na bandexa da trona. O neno mastigou a froita con moitas ganas e despois, axiña, botouno todo. A auga era a culpable.

Despois de limpar deulle auga ao neno (da botella), cambioulle o cueiro e a roupa, foi na procura do termómetro e púxollo baixo o brazo. Recolleuno do chan e púxollo de novo baixo o brazo mentres buscaba na televisión os debuxos animados. Mirou o aparello 7 minutos despois: 37,6. Non era moito, non?

Daquela, o teléfono que estaba sobre o moble do recibidor fixo a máis terrible das cousas: soou. Viña, daquela, a noticia. Co neno quente nos brazos foi cara aló, correndo.

Atreveríase a coller? Si. Non. Viuno cando tiña a man preparada para coller: o post-it amarelo, cuberto pola caligrafía da muller, o corazón.

A muller adoitaba facer iso, deixar notas de amor aquí e acolá. Pero en canto naceu o neno deixou de facelo. E hoxe, precisamente hoxe, ocorréuselle facer o mesmo, esa nota, en plural, quérovos.

Era casualidade. Si. Non.

Premonición. Si. Non.

Premeditación. Si. Non.

O tempo pasaba lentamente. O teléfono soaba sen parar. Pero o home non tiña présa. Para que? Sabía o que lle dirían: que non había rastro da muller, que había que seguir buscando, que iría a policía á casa.

Mirou o neno: triste, cos ollos vermellos, estaba deshidratado, famento e enfermo.

Tiña moito traballo por diante.