OENACH ESTA FIN DE SEMANA

Narón volve á época celta

Narón volve á época celta
[Imaxe: Turismo de Narón]
[Imaxe: Turismo de Narón]  

O Oenach Atlántico de Sedes, en Narón, é unha das citas de verán ineludíbeis da comarca, un encontro ao redor do mundo celta que congrega milleiros de persoas cada edición, que xa suma XIX. Do 28 ao 30 de xullo terá lugar esta festa máxica, que bebe da tradición da Galiza e que foi declarada Festa de Interese Turístico.


Co ritual do acendido de lumes dará comezo o 28 de xullo o Oenach Atlántico de Sedes, un evento de marcado carácter etnográfico e cultural que devolve Narón ao mundo celta. Trátase dunha cita que xa vai pola súa XIX edición e que naceu no seo dun programa de cooperativas de traballo comunitario cuxo obxectivo era lograr a participación da veciñanza e facela protagonista do seu desenvolvemento rural. Os traballos de investigación do arqueólogo municipal, André Pena, deron pé para sentar os alicerces desta festa participativa hai xa vinte anos.

Organizado polo Padroado da Cultura de Narón, do que é vicepresidenta a concelleira de Cultura, Marián Ferreiro, e pola Asociación Veciñal Rosa dos Ventos da parroquia de Sedes, o Oenach –palabra que significa lugar de encontro­­ da comunidade– afonda na didáctica do patrimonio de Galiza, “queremos que as persoas coñezan e valoren o patrimonio propio”, indican fontes da Concellaría de Cultura.
 

“Aínda que con moitas licenzas, reconstruímos en Sedes a Idade de Bronce e a Idade de Ferro, para iso apoiámonos en museos e fundacións, como no Castro de Viladonga e, en base a estudos e publicacións, fomos contribuíndo á formación das veciñas e veciños”, explican a Sermos Galiza fontes da Concellaría de Cultura. A participación é tal que é a propia veciñanza quen elaborou a vestimenta e mesmo as pallozas, unha delas a escala real. “Sen esa concepción de festa participativa, o Oenach carecería de sentido”, engaden.

"Trátase dun evento integrador de diversas áreas do patrimonio en que teñen cabida, alén da recreación teatral popular, artesanía, música, gastronomía e obradoiros"

Deste xeito, o Oenach transcende a recreación dunha aldea celta e vén constituír un evento multidimensional con base etnográfica a través dunha didáctica museística dinámica e viva, cuxas protagonistas son as veciñas e veciños de Sedes. Trátase, así, dun evento integrador de diversas áreas do patrimonio en que teñen cabida, alén da recreación teatral popular, artesanía, música, gastronomía e obradoiros. Un amplo abano de actividades que permite que cada ano se reúna na antiga Feira do Trece máis de 15.000 persoas.

O programa

Após o acto de inauguración, que terá lugar o día 28 ás 21h e que consiste no acendido de lumes, terá lugar ás 22h a Noite de Música Galiciana, en que o protagonista será Davide Salvado.

A xornada do sábado, 29 de xullo, abrirá ás 11h coa Feira de Artesanía e co Mercadiño Artesán. Á mesma hora comezará o Castro Miúdo, que abrangue actividades lúdicas enfocadas ás crianzas, que aprenderán a facer a súa propia escavación arqueolóxica. Ás 13h iniciarase o vermú do Oenach, amenizado co concerto de Pesdelán e ás 14h será a quenda do Oenach gastronómico, con numerosos postos de comida.

Os xogos populares terán lugar a partir das 16h e ás 17h Títeres Tropicallo representará a obra de teatro “Jiñol”. Ás 18.30h comezará a Parada Etnográfica da Música e o Baile Tradicional e ás 22.30h abrirase a Noite do Castro, unha das citas máis atractivas do Oenach: a representación teatral da veciñanza, que garda con celo o argumento en que leva meses traballando. O Castro de Eiravedra, o castro matriz, símbolo da parroquia de Sedes, acollerá a función teatral, en que están postas todas as miradas, pois o ano pasado congregou máis de mil persoas.

O domingo, 30 de xullo, o Oenach abrirá ás 11h coa Feira de Artesanía e Mercadiño Artesán, hora á que dará comezo a Carreira Popular ao Castro e o Castro Miúdo, as actividades lúdicas enfocadas ás crianzas. Ás 13.30h encetará a recreación teatral na Campa Castrexa e ás 14h as persoas asistentes poderán gozar do Oenach Gastronómico.

Os xogos populares terán lugar ás 16h e ás 17h o Deporte Rural. A Parada Etnográfica da Música Tradicional comezará ás 18h e ás 19.30h, a entrega de trofeos. Unha tarde ateigada de actividades que concluirá ás 20h.

O contexto

Preguntámoslle ao historiador de Narón André Pena, experto en celtismo, polo contexto histórico en que se enmarca a Oenach. O investigador defende que “os celtas non morreron nin desapareceron nin lle botaron ácido sulfúrico, nin son un trisquel nin un castro. O celta é a cultura do Atlántico, a nosa cultura, nós somos un país celta vivo que na Idade Media era dunha forma e na Idade de Ferro, doutra”. “Dentro de Europa, os celtas funcionan da mesma maneira, organízanse exactamente igual, fala linguas emparentadas e teñen a mesma relixión e organización social”, sinala, “a nobreza mandaba un fillo a unha especie de seminarios internacionais onde estudaban vinte anos todas as ciencias e cando volveron ás súas terras feitos doutores aplicaban o dereito en cada sitio exactamente igual”.

André Pena: "Os celtas non morreron nin desapareceron nin lles botaron ácido sulfúrico, nin son un trisquel nin un castro. O celta é a cultura do Atlántico, a nosa cultura"

Salienta os ciclos festivos de 90 días en que os pobos celtas organizaban o ano, “era como o calendario actual, tiña catro festas principais, que hoxe se cristianizaron”. Así, o primeiro oenach –xuntanzas e lugares de encontro­, unidade– do ano era a Candeloria (febreiro), “unha festa moi celebrada por ser a época en que casaban os paxaros, abríase a temporada de pesca, voltaba o leite ás ovellas, derretíase a neve...”. Despois chegaban Os Maios (maio), “cando facían os lumes dos maios” e o primeiro de agosto, “cando a deusa nai paría os froitos da terra, as colleitas”. Finalmente, tiña lugar o 1 de novembro, “cando a terra morría”. “Esas xuntanzas dan os ciclos, pero ademais había outras dúas festas: o solsticio de verán e o de inverno”, afirma.