ALBERTE BRANCO, DIRECTOR DA 1º ESCOLMA DE CINEMA GALEGO

“A nivel creativo estamos no mellor momento”

“A nivel creativo estamos no mellor momento”
Alberte Branco, director da Escolma de Cinema Galego
Alberte Branco, director da Escolma de Cinema Galego  

Mañá sexta feira comeza en Sarria a primeira Escolma de Cinema Galego, que incluirá unha ducia de proxeccións, tres coloquios, un concerto e un roteiro que se celebrarán Casa da Cultura até o domingo. Falamos co seu director, Alberte Branco. 


- Que é a Escolma de Cinema Galego?
- É unha mostra de cinema, dun cinema vangardista que se fai desde Galiza e que está multipremiado en festivais de todo o mundo. E apetecíanos facelo na parte oriental de Galiza porque no eixo atlántico hai moitos festivais e o noso cinema está bastante visto, pero en Lugo e Ourense non tanto, entón desde unha inquedanza da Concellaría de Cultura de Sarria, pois apoiaron esta proposta. Queremos chegar a un público que non tivo posibilidade de acceder de ver estes filmes que teñen un discurso vangardista que é a antítese do cine de 'entertainment'. Pero o importante é que o cinema que se fai desde o corazón, cunha mirada especial, chegue tamén á cidadanía. Non todo vai ser 'Star wars', 'Spiderman', etc. 

- Ten vocación anual?
Esta é unha primeira edición, totalmente de balde, grazas á área de Cultura da Deputación de Lugo e á Concellaría de Sarria, é algo totalmente experimental. Pode haber máis edicións, se hai público. É como unha edición cero e queremos ver como responde o público na vila. 

"Galiza non é só o eixo atlántico, é moito máis. E as actividades culturais teñen que chegar ao resto do país tamén" 

- Cal é o voso obxectivo?
- Para min o gran obxectivo é que Galiza non é só o eixo atlántico, é moito máis. E as actividades culturais teñen que chegar ao resto do país tamén. O máis interesante é abrir unha ventá nova para a cidadanía luguesa e sarriá. Para nós tamén é moi importante, ademais de exibir filmes, achegarnos á sociedade sarriá a través de asociacións. Dentro da Escolma van participar a Rúa da Música, unha asociación de músicos, o cineclube Leslie Nielsen, vai haber un roteiro que vai ter un perfil reivindicativo, pois chegou a haber seis salas de cine. Para min o máis importante da Escolma, á parte das mesas redondas e os filmes, é a conexión coa sociedade sarriá. 

- Cres que é certo iso de que estamos a vivir o mellor momento da historia do cinema galego?
- Eu creo que hai unha contradicción aí. Dentro do cinema galego estamos a vivir unha moi boa época porque hai unha serie de cineastas moi bos como Alfonso Zarauza, Ángel Santos, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Jaione Camborda, Sonia Méndez... e en cine máis comercial Dani de la Torre. Están recollendo moito público e sendo recoñecidos en festivais galegos pero tamén internacionais de moito nome, como Playdoc, Cineuropa, Bafici, Locarno, etc. Estamos vivindo unha fase cunha creatividade absoluta e cunha mirada moi formada e con moita consistencia, pero hai outro proceso que é o financiamento dos filmes, que é moi complicado. Desde a Xunta, en vez de apoiar a estes cineastas, que están arrasando polo mundo adiante, non se lle están apoiando, nin na produción nin na distribución. A nivel creativo estamos, para min, no mellor momento. A nivel de apoio, eu creo que non, creo que debería haber moita máis involucración. Digamos que o xermolo de todo isto foi a xestión de Manolo González, na Consellaría de Cultura, cando creou as axudas ao talento, que foron referencia non só aquí senón tamén fóra. 

"O Novo Cinema realmente non mira cara a industria, nin lles interesa, está máis orientado a festivais dentro do seu discurso vangardista e experimental"

- Beli Martínez, que fixo a primeira tese sobre o Novo Cinema Galego, dicíanos que Galiza se sitúa por primeira vez grazas a este movemento nas vangardas da creación cinematográfica. 
- Totalmente. A primeira Escola do Cinema Galega non vai poñer o adxectivo novo, e eu creo que é un movemento que efectivamente se sitúa na vangarda mundial, pero a min gustaríame tocar máis frentes. Nós, por exemplo o sábado, temos unha xornada dedicada á non ficción no Novo Cinema alego, porque é o que predomina. E temos a directores como Victor Hugo Seoane, Eloy Enciso, Oliver Laxe, Lois Patiño... é curioso porque son catro cineastas que están emigrados, pero fan un cinema que traballa sobre a memoria, sobre a etnografía, a nosa paisaxe, a nosa cultura. Os catro son galegos pero traballan desde a emigración e teñen unha mirada moi interesante do país. 

- Cal é o futuro deste movemento tendo en conta as dificultades de distribución que ten e a redución das axudas?
- Actualmente, o Novo Cinema Galego está tan recoñecido que pode ser autónomo e independente das axudas ao talento, que están focalizadas en cineastas que fan a súa opera prima e que poden inserirse no cinema galego ou non. No bipartito focalizáronse as axudas nunha serie de cineastas que consideraban interesantes, pero actualmente esas axudas, que son continuístas, pero non se busca un fin de vangarda. Agora mesmo, a nosa vangarda e as axudas, non se tocan, van en paralelo. O que fai AGADIC é dar axudas para primeiras obras, pero non están axudando a que o Novo Cinema se desenvolva. Este xa ten o seu camiño armado no circuíto de festivais, algúns xa son directores consagrados e eles independentemente seguirán adiante. 

"O Novo Cinema Galego está tan recoñecido que pode ser autónomo e independente das axudas ao talento"

- A distribución destes filmes unha vez que a industria non os apoia e a TVG polo visto tampouco. Que saída poden ter?
- O Novo Cinema realmente non mira cara a industria, nin lles interesa, está máis orientado a festivais dentro do seu discurso vangardista e experimental. En principio para eles non é un obxectivo obteren unha distribución comercial. Se acceden a algún gran premio dentro destes festivais se cadra algunha distribuidora se fixe neles e teña unha distribución  comercial pequena, con poucas copias. Foi o caso de 'Las altas presiones', do que eu fun director de fotografía, saíu con vintepico copias pero que se moveu por salas independentes. Non é un cinema ao que sequera lle interese ir a salas de centro comercial. Non é ese obxectivo para nada.