'Os nomes do terror' e o xornalista Daniel Salgado, finalistas na Gala do Libro Galego

'Os nomes do terror' e o xornalista Daniel Salgado, finalistas na Gala do Libro Galego
As gañadoras dos Premios da Gala do Libro Galego do pasado ano. Foto: cedida.
As gañadoras dos Premios da Gala do Libro Galego do pasado ano. Foto: cedida.  

O primeiro libro sobre os nomes e os enderezos dos criminais fascistas do 36, Os nomes do terror -de autoría colectiva e editado por Sermos Galiza- é finalista na Gala do Libro Galego na nova categoría de divulgación. O redactor de Sermos Galiza Daniel Salgado opta ao premio de xornalismo cultural. Os gañadores se darán a coñecer o 19 de maio.
 


Os Premios Gala do Libro Galego celebran a súa terceira edición. Promovidos pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), a Asociación Galega de Editoras e a Federación de Librarías de Galicia, nesta ocasión amplían o número de categorías ao crearen galardóns á obra de divulgación, á banda deseñada e ao libro mellor editado.

No medio dunha intensa discusión coa Xunta a respecto da súa desidia na política do libro, o sector “pretende recoñecer a excelencia do traballo realizado no ámbito editorial ao longo de 2017 en Galiza”. “Estas distincións, sen dotación económica, xorden en primeira instancia das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes para logo seren sometidas a fallo por un xurado”, engade.

Um elefante no armário (Através), de Teresa Moure, A nena do abrigo de astracán (Xerais), de Xabier P. Docampo, O xardineiro dos ingleses (Galaxia), de Marcos Calveiro, e mais o volume colectivo de relatos eróticos escrito por mulleres Abadessa, oí dizer (Através) son os finalistas en narrativa. As candidaturas na categoría de poesía corresponden a Camuflaxe (Chan da Pólvora); de Lupe Gómez; a Cervatos (Faktoría K), de Lucía Novas; a Culpable (Xerais), de Eli Ríos, e mais a Na casa da avoa (Galaxia), de Marta Dacosta.

No apartado de teatro, Marcha fúnebre para un monicreque (Baía), de Roi Vidal; Na butaca (Galaxia), de Esther Carrodeguas; Río Bravo (Positivas), de Chévere e Suite Artabria (Xerais), de Manuel Lourenzo optan ao premio. Baixo o epígrafe de ensaio e investigación aparecen obras de Bernardo Máiz -Amada García e os seus arredores (Embora)-, Xosé Luís Axeitos -Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía (Xerais)-, Antón Figueroa -Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia (Laiovento)- e de María Xesús Lamas -Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863) (Galaxia).

En divulgación, ademais de Os nomes do terror, figuran Cociña galega tradicional (Xerais), de Matilde Felpeto; Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo (Xerais), de Xurxo Mariño e Universo Matemático (Xerais), de Antom Labranha. Á traxectoria en xornalismo cultural están nominadas Ana Romaní, Montse Dopico e Montse Pena Presas, amais de Daniel Salgado.

A maiores, a gala outorga recoñecementos ao libro infantil, ao xuvenil, ao libro ilustrado, á iniciativa bibliográfica, á tradución, á iniciativa cultural, ao proxecto literario na rede e ao xornalismo cultural.