ENTREVISTAMOS O LEO DE MATAMÁ

«Non creo na autoría individual e máis se falamos da música popular»

«Non creo na autoría individual e máis se falamos da música popular»
O Leo de Matamá
O Leo de Matamá  

Arremecághona’s produçións, o selo discográfico autoeditado do Leo, acaba de publicar o novo traballo do alter ego de Leonardo Fernández Campos, esta vez asinado polo Leo de Matamá. Sé [mente de vencer] é, polo momento, unha fita dixital con dez temas acústicos que interpreta el só, ao vivo, seguindo o concepto de monobanda. Sermos Galiza conversa co cantautor que se agocha tras unha das personalidades musicais máis senlleiras da música galega actual.


Os traballo publicado en bandcamp ten o formato dunha fita dixital, con face A e face B. Vai haber tamén edición en físico?

Si, de feito foi gravado en fita nun catro pistas dos anos 80, a unha casete das de antes. De cromo e con calidade, pero o proceso basicamente foi a partir do analóxico. Despois a mestura e a masterización fixéronse en dixital, pero o obxecto final que vai haber é unha fita. Nin CD nin nada.

Por que esta decisión de voltar á fita?

Eu quería un son analóxico, mais gravar dese xeito ben é caro. Non hai moitos estudos que o fagan

Pois, para comezar, porque me era práctico ao ser barato. Eu quería un son analóxico, mais gravar dese xeito ben é caro. Non hai moitos estudos que o fagan. Entón ocorréuseme que unha boa solución era intentar gravar en lo-fi, a unha versión barata que era este catro pistas, procurando tamén ese son maqueteiro do punk, do «Do It Yourself» dos 80, que recorda tamén ás gravacións tradicionais de campo de comezos do século pasado.

Hai unha certa nostalixia?

Nostalxia sempre hai. Iso na música popular está funcionando sempre. De feito, por iso existen os revival e está volvendo todo cada vinte anos.

Como se vai poder adquirir ese formato físico?

Deixareino nalgúns sitios estratéxicos que xa son salas amigas ou espazos nos que eu teño tocado, como o Batallón en Vigo ou a Arca da Noe en Vilar de Santos, e tamén nalgún sitio de Compostela. Fixen unha primeira tiraxe (ou estou facendo, que aínda non me chegaron, estanse fabricando en Portugal) de 300 copias e ireinas vendendo polos concertos, que xa me están saíndo varios.

Este traballo chega, como aconteceu con outros previos como A neurona na patineta, desde o directo?

Hai un fío neste disco, a escolla das pezas está bastante meditada, moito máis ca no resto

Si, pero este ten algo máis. Hai un fío neste disco, a escolla das pezas está bastante meditada, moito máis ca no resto. A Neurona, por exemplo, buscaba o caos, a lóxica era a do directo caótico. Ostia, por exemplo, si que ten unha certa lóxica, pero máis de tese-antítese-síntese. Neste caso hai un fío subterráneo, unha historia que é consciente. O que si, está gravado en directo, porque eu sempre o fago dese xeito, cos Labregos [do tempo dos Sputniks] tamén, aínda que sexa no estudo. Son unha monobanda, ergo toco todo á vez. Estes temas, en principio, nunca os probara diante da xente. Metinme a gravar xa hai tempo unha primeira versión disco e non saía, non me convencía. O que pasaba é que me faltaba o contraste co directo. Entón, decidín facer unha maqueta en directo no Batallón e na Arca da Noe. A xente foime acompañando no proceso, mandeilles un rexistro que fixen cunha gravadora dixital e fóronme dicindo que lles parecía. Dalgunha forma sé [mente de vencer] é un produto comunitario, pois deime de conta do importante que era o feedback que eu recibía do público á hora de armar as cancións e sobre todo de gravalas, até tal punto que non era capaz de plasmalas sen contrastalas antes co público.

Metinme a gravar xa hai tempo unha primeira versión disco e non saía, non me convencía. O que pasaba é que me faltaba o contraste co directo

Por iso se di que «foron armadas polo pobo»?

Si, pero tamén porque eu non creo na autoría individual e mais se falamos da música popular. Tanto no blues como no folk son tres acordes e eu non os inventei. Con que dereito podo daquela rexistrar ou declararme dono dunha peza na que, aínda que escribise eu a letra ou a melodía, estou usando unha roda de acordes que inventou o pobo? Partindo de aí, penso que son o último elo da cadea. E oxalá que esta siga despois de min.

Cal é esa historia que atravesa sé [mente de vencer]?

Hai un subtexto que a min me sorprendeu. Eu coloquei os temas como nos outros traballos, mais sendo consciente de que tiña que ser un disco máis pechado. A medida que ía mesturando, dábame conta de que saltaba esa narrativa que tiñan por debaixo das cancións. Non cha vou dicir porque sería roubarlle á xente a posibilidade de elucubrar con iso. Pero si que é certo que agromou a serendipia e de súpeto todo encaixaba e tiña lóxica. Dinme de conta despois de escoitalas xuntas.

A medida que ía mesturando, dábame conta de que saltaba esa narrativa que tiñan por debaixo das cancións

Nesta dimensión da música colectiva, resulta difícil determinar cales dos temas son versións e cales propios.

Versións son tres, pero cambiei a letra de arriba para abaixo. Certo que ten unha certa conexión coa orixinal, ás veces con chistes, como «Terra Cha» en vez de «Bella Ciao». Xunto a esta, hai outro tema popular, «O paseo», recollida de Herminia Miramontes entre Compostela e Trazo, das poucas cancións líricas populares comprometidas politicamente que coñezo. Despois está unha versión de «Love me, I’m a liberal», na que Phil Ochs fai unha historia dos liberais americanos, mentres eu reviso o Piñeirismo, que me parece o equivalente da nosa cultura política. Ao «Partisano» de Anna Marly, popularizado por Leonard Cohen, chámolle «X guerrilleirx». O resto son orixinais, até o punto que che digo, porque eu creo que orixinal non hai nada, mais nesas non hai uns elos anteriores tan evidentes.

sé [mente de vencer]Consolida este traballo un paso no seu percurso de cañautor a cantor de intervenção?

Eu sempre combinei todos os paus. O que teño son heterónimos, coa súa personalidade tamén. Eu sinto que o Leo de Matamá é unha persoa diferente de Arremecághona e do En-Riquinho. Enfoco o meu labor de cantautor tamén cunha dimensión teatral. Son eu quen arma todo en última instancia, pero está feito desde personalidades e lóxicas diferentes. Certo que o Leo de Matamá preocúpase máis pola música ca os seus irmáns, pero teño pensado volver a facer punk se a dita é boa, e tamén resucitar ao En-Riquinho, facerlle disco é algo que xa leva moitos anos pendente.

Enfoco o meu labor de cantautor tamén cunha dimensión teatral

É complexo tratar con tantas personalidades musicais diferentes?

Non, eu de feito fágoo porque me sinto máis cómodo. A min sáenme cancións de moi diferente índole e considero que non son miñas, cada unha é da súa personaxe, o que me permite poder facer moitas cousas distintas. Para min é máis doado.

Todas estas personalidades, con todo, teñen un forte compromiso social. Cres que a arte pode non ser política?

Non, eu non creo que exista nada que sexa apolítico. É como ser amoral. Non se pode, nin sequera querendo. Aínda que a xente diga que non, ao fin e ao cabo está influíndo politicamente coa súa postura ou coa falta dela, coa ausencia de compromiso. Resúmeo esa famosa frase: «o que tememos é o silencio dos neutrais».