ABUMS DE AQUÍ E ACOLÁ / O LEO

“Non!' de Korosi Dansas foi o máis parecido ao 'grunge' que houbo por aquí”

“Non!' de Korosi Dansas foi o máis parecido ao 'grunge' que houbo por aquí”
O Leo. Foto: cedida.
O Leo. Foto: cedida.  

O Leo (Matamá, Vigo, 1974) ten mil caras, como o verdugo de Negu Gorriak. En Labregos do Tempo dos Sputniks, disoltos hai uns meses, practicaba rock de axitación e combate. Para Das Kapital puxo voz ao xeo electroindustrial. Como O Leo de Matamá reivindica con actitude punk os cantautores politizados de todo o mundo. E vestido de Arremecághona pasea por palcos de toda Galiza unha versión radical, e múltiple, do antifolk.
 


korosi dansas non! (cuberta, 1996)

Nunca ben ponderado, o seu proxecto é militante, vagabundo, a pé de loitas concretas e co humor como mecanismo para desmontar lugares comúns. Ademais, o seu coñecemento crítico do medio e a historia musical é amplísimo. “Non!, de Korosi Dansas, foi o máis parecido que houbo ao grunge por aquí”, sinala para Albums de aquí ou acolá. A banda de Arousa editou dous discos. Non! (1996) foi o segundo.

O Leo relaciónao con certa xeración maldita do rock galego, aquela que xurdiu despois da movida e antes do bravú. “O proto todo compostelán”, resume nunha simpática etiqueta: “De Nicho Varullo ao Narf de Nas tardes escuras (2013), o que implica Os Quinindiola, A Psicofónica de Conxo e toda unha pléiade que dá idea do viva que está esa semente”.

Música torcida, riso con segundas, rock estomballado, ao Leo préstanlle proxectos heterodoxos, vías secundarias, aproximacións oblicuas. Como as que realizaba a segunda banda do australiano Nick Cave, The Birthday Party.

the birthday party - hits

Adoito adscritos ao rock gótico, en realidade The Birthday Party recompuñan o blues a partir de salvaxes presupostos post punk. “Hits (1992) foime un disco dificilísimo cando o coñecín”, explica O Leo, “e que escoitei a hostia de veces até que me molou”. Con dous elepés de estudio e numerosas gravacións menores, foi o grupo co que Nick Cave dixo adeus a Australia antes de partir cara a Berlín.

O Leo procúralle unha xenealoxía, que conecta coas súas propias investigacións actuais. “O blues do Delta e o krautrock”, indica, “e a única vía aberta para a evolución da gama harmónica do rocanrol”. Ao fondo, as pedras basilares de, outra volta, o blues -“Bukka White ou Son House”- como fundamento de toda a arte que lle interesa e que pode sintetizar a palabra punk.