FERMIN MUGURUZA / MÚSICO E AUTOR DO FILME 'BLACK IS BELTZA'

“Non sei enfrontarme a un traballo sen chegar ao límite, ao bordo do precipicio”

“Non sei enfrontarme a un traballo sen chegar ao límite, ao bordo do precipicio”
O músico vasco Fermin Muguruza. Foto: Álex Rademarkers.
O músico vasco Fermin Muguruza. Foto: Álex Rademarkers.  

Na mente de Fermin Muguruza (Irún, Euskal Herria, 1963) todo está relacionado con todo. É como se pensase por constelacións. Alxeria, o país dos vascos, Otis Redding, os servizos secretos cubanos en apoio dos Black Panthers, as cantigas de berce de Pancho Villa, o No-Do, Mikel Laboa. O planeta vasco, todos somos Malcolm X. O triángulo musical do Caribe.
 


Por esas rutas transita a súa última incursión artística: un filme. De animación. Que nace dunha fotografía e ramifícase nun cento de direccións, de Iruña a Nova York, de Alxer a Madrid. Black is beltza entrou nos cinemas galegos hai dúas semanas. Mantense nas carteleiras de Vigo, da Coruña e, a partir do 9 de novembro, tamén na de Compostela.

Este “thriller guerrilleiro”, como o define o seu director e guionista, é tamén unha viaxe musical da que participan Manu Chao, Maika Makovski ou Anari. “Despois de Black is beltza podo dicir que estou esgotado, baleireime completamente”, confesa a Sermos Galiza, vía telefónica e desde Irún —onde pasará a súa primeira semana de descanso en meses.

-Como nace a idea de Black is beltza?

-Todo comeza cunha foto, moi impactante, dos xigantes da comparsa de Pamplona desfilando pola Quinta Avenida de Nova York en 1965. O pé de foto dicía que, debido á discriminación racial da época, as autoridades norteamericanas prohibiron participar no desfile aos xigantes negros. Isto pareceume un sinal, reunía todo o que traballo desde hai anos: o racismo, a situación internacional, as conexións internacionais de cada pobo. O pobo vasco que se traslada a Estados Unidos e de súpeto sofre tamén o racismo.

Fermín Muguruza 2

-E que indica ese sinal?

-Que teño unha historia que debo contar. Xa traballara no cinema, sobre todo documental musical: o que fixen sobre Xamaica [Bass-que Culture, 2006] ou Checkpoint Rock (2009) arredor da música en Palestina. En 2008, hai agora dez anos, xunteime co escritor Harkaitz Cano para escribir o que sería un guión para un filme de animación.

-Até agora.

-Ese foi o inicio histórico do asunto. Mais Black is beltza é tamén toda unha viaxe: a que fai un dos portadores deses xigantes negros dende Cuba para poder dar cobertura e refuxiar un Pantera Negra na illa. É unha historia real. Tiña esas dúas informacións e escribín o guión con Harkaitz Cano. Cando rematamos, vemos que é dificilísmo facer un filme de animación, por toda a loxística de estudios, o financiamento... e decidimos facer unha novela gráfica. Coñezo a Jorge Alderete, un debuxante arxentino que vive en México e coméntolle a idea. O cómic edítase en 2011. Á vez, inauguramos unha exposición en Bilbo que contextualiza esta historia, presenta o proceso de creación e de documentación, e propón unha viaxe por todas as cidades que visita o protagonista. Tamén organizabamos actividades paralelas en que discutiamos sobre antirracismo, multiculturalidade, defensa das linguas... Esta exposición itinerou a Barcelona e agora está en Donostia até o 18 de novembro.

-Por que, despois de traballar maiormente co documental, escolleu a animación como medio de para expresarse?

black is beltza 2

-Sempre fun un tolo do cómic. Desde que vin Vals con Bashir [Ari Folman, 2008], cunha parte documental moi importante, entendín que tamén se podía traballar a animación dende ese punto de vista. Pensaba nunha animación para adultos, o que me ía dar a oportunidade de xogar con esa fantasía de estar en 1965 en Nova York, cos xigantes desfilando, e estar na Cuba revolucionaria do Che de antes de marchar ao Congo. Son eses cinco meses que fan tremer a humanidade e que comezan coa Guerra dos Seis Días en xuño de 1967 e rematan coa morte do Che Guevara o 9 de outubro dese ano.

-Que hai na década dos 60 que aínda esperta fascinación?

-A min tamén me fascinan outras épocas. O meu traballo anterior foi unha homenaxe á Revolución Rusa. Fascíname a época de entreguerras, ou a Guerra Civil, un recurso moi impresionante, a unidade contra o fascismo malia que se perdeu. Mais, neste caso, estou a falar da miña infancia, de onde veño eu. En 1965 teño dous anos e acontece o feito histórico dos xigantes. A acción do filme transcorre en 1967, a través dunha elipse de tempo en que o protagonista está en Cuba. Xa tiña eu catro anos. A memoria é, ao cabo, un exercicio de creación persoal. Aí xa teño moitas lembranzas.

-Por exemplo?

-No ano 1969, ETA fai a primeira acción e mata Melitón Manzanas [policía franquista español e torturador]. No filme hai unha chiscadela a ese personaxe aterrador. En Irún lémbrase aquel día como o máis chuvioso que nunca houbera. Meu pai sempre dicía “hoxe chove case tanto como o día en que mataron Melitón Manzanas”. Todo queda gravado na memoria. Pero é que en 1967 había unha morea de puntos realmente intensos, quentes, cos que podía contar moitas cousas, o relato do que sinto que pasou nesa época e afectou ao que eu fixen despois.

-A que se refire?

-A Guerra dos Seis Días, por exemplo. Logo traballei en Palestín e vivín en carne propia esa grande inxustiza, ese xenocidio que aínda hoxe practica o Estado de Israel. Ou a morte do Che, que será sempre faro das loitas internacionalistas do mundo. Ao tempo, xorde Ez Dok Amairu, o movemento cultural vasco de poetas, cantantes e artistas tan importante para nós. Ou o festival de Monterey, en Estados Unidos, que agrupa por primeira vez artistas distintos e tan importantes para min como Jimi Hendrix, Janis Joplin, The Who ou Otis Redding -quen é un fío condutor deste filme. E eu tiña que unilo co campionato de improvisadores vascos en Gipuzkoa xusto na semana anterior. Estes xogos, portas que podes abrir para despois descubrir outras cousas, son un exercicio que fago no filme. Que é un filme de entretemento pero tamén un thriller guerrilleiro.

-Un elemento central en Black is beltza, pero que tamén acompaña o seu traballo desde hai décadas, é a cultura afroamericana: o soul, os Black Panthers, Malcolm X... De onde procede este interese?

-Aínda non se fixo xustiza cos millóns de escravos secuestrados en África para levalos a América, todo un exrecicio de capitalismo europeo. Porque hoxe unha morea de xente segue emigrando e seguimos escravizando esa xente. Interésame non soamente en Estados Unidos. A música é unha das cousas máis ricas que existe. Toda a cultura musical de Brasil -hoxe é un día escuro pola vitoria de Bolsonaro- ten relación con África. E toda a de Cuba, a de Xamaica ou a de Nova Orleáns -outra das cidades de USA en que traballei [no disco Nola? Irún meets New Orleans, de 2015]. Non en balde, Nova Orleans foi o gran porto de venda de escravos de Estados Unidos. Tamén está Haití e a súa revolución de escravos a finais do século XVIII. Todo isto apaixóname. E a música soul: cando escoitas Otis Redding faiche tremer o corpo porque está cantando a voz dunha persoa que sabe que os seus antergos foron escravos. El foi dos primeiros que reivindicaba tanto Martin Luther King como Malcolm X, líderes que podían axudar a acelerar a fin da discriminación racial.

black is beltza 3

-E Xamaica, que xa mencionou e á que dedicou o disco Euskal Herria Jamaika Clash (2006).

-Se non existise a música de Nova Orleáns, tampouco existiría o afterbeat ou a síncopa da música xamaicana. Tampouco existiría a música de Nova Orleans sen a clave cubana. Ese triángulo caribeño paréceme tan interesante... Eu monto a miña primeira banda porque hai unha música que me fascina, o punk rock, pero é a época do ska. Xúntanse brancos influenciados polo punk e negros que veñen de Xamaica e de súpeto revolucionan esa música de celebración da independencia xamaicana. Que foi no ano 62, o mesmo que a independencia de Alxeria. Esa mestura é a que me interesa, reivindicativa, que sabe onde están as orixes e muda en músicas bastardas para denunciar o stablishment.

-O filme emprega outra das súas estratexias habituais, a conexión do vasco co mundo. A súa obra desminte certos discursos da ideoloxía dominante que ven niso unha contradición.

-Efectivamente. Dentro dese xogo de pistas do filme uso a estratexia de colocar os vascos no mundo. Por caso, os pais de Pancho Villa viñan do Duranguesado, xente que emigrou pola fame. Pancho Villa sabía cantigas de berce en vasco. O propio apelido Guevara é un apelido vasco que significa “a chaira”. Ou na Avenida da Revolución en Tijuana hai un [restaurante vasco] Jai Alai. Ou en San Francisco un hotel que se chama El Vasco Hotel, onde se hospedaban os pastores que ían traballar durante longas tempadas sen ver a ninguén. Ou Alxeria, da que moita xente non sabe a gran relación que garda co País Vasco.

-Cal é?

-Non vou recorrer á teoría de que o euskera tiña moita relación coa lingua amazigh, que ao final non se demostrou aínda que haxa moitas palabras en común. Pero en Alxeria moitos movementos de liberación adestraron e tiveron cobertura, tamén o vasco. E se moitos vascos loitaron cos alxerianos pola independencia, tamén adestraron para a loita armada contra o franquismo. Non soamento iso. O movemento cultural alxeriano de recuperación da lingua e da cultura árabes despois de cen anos de imperialismo francés ten os seus reflexos no movemento de recuperacioón da lingua no País Vasco a través do grande ideólogo e lingüista Txillardegi. E tamén a nivel cultural: a música que se facía nesa época, a través desa homenaxe á gran cantante Cheikha Rimitti, a madriña do rai, que nese tempo actúa nos cabarés e invita as mulleres árabes a que perdan a virxinidade e gocen do seu propio corpo. Ao mesmo tempo que a liberación sexual de Europa.

black is beltza 1

-A súa obra adoita funcionar como termómetro social e político da época. Black is beltza sucede nos anos 60. Como se relaciona co presente?

-Ten unha relación moi directa. Ademais do proceso de paz que non concluirá ate que todos os presos políticos vascos estean libres nas súas casas, a gran discusión neste intre no País Vasco é a creación dunha comisión da verdade como se creou en Sudáfrica, en Irlanda, en Colombia ou no Salvador. Haberá que falar das vítimas, do sufrimento e da reparación da verdade -que, ao cabo, son as verdades de cada un. O filme tamén vai ás orixes da loita armada, ao franquismo. De feito, escóitase o No-Do en que paradoxalmente se fala do ascenso de Carrero Blanco como sucesor de Franco. Por que a loita armada para combater o fascismo? Porque a ditadura combátese tamén coas armas. Achega isto, pero tamén a reivindicación da xente que decidiu militar no frente cultural a prol do esukera, xente que foi censurada.

-Agora tamén existe a censura.

-Seguimos censurados os que defendemos esa cultura insurxente en euskera, o idioma que o fascismo prohibiu e intentou roubarnos. Seguen a censurarnos e por iso na actualidade, se vou falar a un programa de Televisión Española [El Gran Quilombo], ao día seguinte é tanta a presión neofranquista -malia o cambio que din que hai- que o propio xornalista ten que pedir perdón por entrevistarme.

-O son do seu último disco con The Suicide of Western Culture -B-Map 1917+100- supuxo un punto de inflexión, coa súa electrónica industrial e escura. Prepara algo novo?

-O de B-Map eran sons que eu xa traballara había vinte anos cando fixen Ireki Ateak [Abrir as portas] con Dut, sons máis que electrónicos, industriais. Pareceume interesante facer outro disco de combate para presentar o que era para min o estado das cousas en 2017, no centenario da Revolución Rusa. Mais despois de Black is beltza podo dicir que estou esgotado. Sempre me ocorre. Non sei enfrontar un traballo sen chegar ao límite, sen estar ao bordo do precipicio e intentar non caer. Fixen algunha cousa dub, con Chalart58, de formato máis pequeno, concertos de proximidade. Ou o día da estrea do filme en Barcelona, cando cantei con Toots & the Maytals na Sala Apolo. Ou en Valencia, no aniversario de Ca Revolta, co picadiscos de Orxata Sound System. Estas cousas danme moita vida. Pero novo non teño nada e creo que vai pasar tempo ate que empecen a fluír ideas. Baleireime completamente.

Nota: de arriba a abaixo, o documental Beltza Naiz, sobre como se fixo Black is beltza; Fermin Muguruza nunha imaxe de Mariana Eliano, e tres fotogramas de Black is beltza.



x