NOVA NOVELA DE MAR GUERRA

'Norteáns', “unha epopea á castrexa”

'Norteáns', “unha epopea á castrexa”
[Imaxe: cedida] Mar Guerra
[Imaxe: cedida] Mar Guerra  

Mar Guerra propón unha novela de aventuras ao tempo que reconstrúe con minuciosidade a sociedade castrexa que poboou Galiza e o norte de Portugal


Mar Guerra, escritora e xornalista, foi galardoada en 2008 co Premio Merlín de literatura infantil por Xenaro e o misterio da mochila verde. A este seguíronlle Xenaro e a hucha do indiano, Xenaro e a negra sombra e Señor Meco –editados na colección Merlín de Xerais-. Agora, tras a publicación de Norteáns, novela editada na colección Fóra de Xogo da Editorial Xerais, tivemos o pracer de conversar coa autora para coñecer máis en profundidade o que se agocha detrás das máis cincocentas páxinas que conforman esta grande novela e que, con certeza, fará gozar a aquelas persoas que teñan interese na cultura castrexa.

"Trátase dunha novela coral e o que é o fío argumental da novela é unha sorte de viaxe a Ítaca, lugar que todos tiveron que abandonar, uns obrigados e outros por vontade propia"

Norteáns é unha novela histórica na cal se reconstrúe con detalle a sociedade castrexa. En que se centra o libro? Cal é o argumento principal?

Norteáns é unha epopea á castrexa desenvolvida cos modos de pensar, sentir e actuar actuais. O ambiente arranca cun capítulo inicial contemporáneo e despois toda a narración desenvólvese no século I antes de Cristo. Trátase dunha novela coral e o que é o fío argumental da novela é unha sorte de viaxe a Ítaca, lugar que todos tiveron que abandonar, uns obrigados e outros por vontade propia. Unha Ítaca que mudou durante ese tempo que estiveron fóra, mais que continúa a ser ese lugar ao que todos devecen por volver. Con Norteáns eu tentei realizar unha achega non só de contexto histórico, senón tamén da miña filosofía vital, esas pequenas pegadas que imos deixando polo camiño e que espero que poidan achegar algo a quen as reconstrúe.

Como foi o proceso creativo para a construción de Norteáns?

O proceso foi longo e complicado. Hai cinco anos que traballo nesta novela. Parte da miña admiración e interese pola época, polo que foron os castrexos, a iconografía, a historia en si mesma. Sempre tiven curiosidade por esa cultura, sempre estaba aí roldando na miña cabeza e de aí xurdiu. Para poder crear Norteáns realicei un labor de investigación moi grande. A verdade é que estes cinco anos estiven a traballar non tanto desenvolvendo a historia ou amañando as personaxes, construíndo enredos… Mais sobre todo iso, foi un proceso de documentación. Cando comezas a procurar información sobre esta temática logo te decatas de que non hai moita base, e a que hai é moi confusa. Ás veces desesperei porque o que tiña como claro a partir duns autores de súpeto comprobaba noutro documento, noutro libro, como se contradicían por completo. Entón, non pretende ser unha novela histórica stricto senso, mais si quero presumir de que é verosímil, mal que ben, documentábel. É complicado conseguir iso, a miña pretensión é que sexa amena, unha novela de aventura con esa pinga de revolución social, de ideoloxía e mesmo de filosofía, pero verosímil e ben asentada na época castrexa. Por riba, a linguaxe, a forma de contar as cousas, debe ser coidadosa, porque se pretendes que te entendan tes que adaptarte un pouco ao público ao que te dirixes pola liña editorial, xente moza a partir dos 13 ou 14 anos.

"Calquera persoa que guste da época ou que teña curiosidade probabelmente goce con Norteáns"

Nese senso, como pode influír iso na concepción dunha obra como Norteáns?

Norteáns é unha novela coral, mais o protagonista principal ten trece anos, e a idade dos protagonistas dalgún xeito marca a liña editorial. A novela ten todos os ingredientes dun best-seller á castrexa: paixón, ambición, vinganza, sexualidade... Entón, é para persoas un pouquiño máis formadas, non é que necesites unha grande bagaxe mais si un pouco de formación, porque tamén hai unha revolución social, hai clases sociais… Mais calquera persoa que guste da época ou que teña curiosidade probabelmente goce con Norteáns. Todo depende da predisposición do que queiras buscar nestes contos.

Como e cando descobres a túa faceta de escritora?

Desde pequerrecha sempre gocei coa lectura e a escrita. Sempre escribín para min, para os meus, nada que pensase que fose publicábel… Até que un día me atrevín a presentar un orixinal ao premio Merlín. Non pensaba que puidese interesar, mais finalmente parece que si. En Xerais, após gañar o Merlín, tiven a oportunidade de ir presentando a miña novela polos coles, e é fantástico porque falas coas crianzas e son uns lectores absolutamente radicais, moi eficientes e moi críticos. Están atentos a todo, ao que escribes e ao que non escribes, son moi perspicaces. Ter a oportunidade de falar directamente con eles, de forma distendida, nun ambiente relaxado, permitiume facer feedback, porque como non teñen vergoña dinche cousas de fronte. Foi fantástico porque, por exemplo, o Xenaro non ía ser máis que un conto e a partir de falar cos cativos e cativas acabei facendo tres xa. E foi así, a partir de facer feedback coa rapazada, de responder ás súas preguntas e ao seu interese.

"A literatura infantoxuvenil, independentemente de que sexa boa, mala ou regular, directamente asóciase a baixa literatura"

Cal é o teu diagnóstico a respeito do estado de saúde da literatura infantil e xuvenil en Galiza?

Non vou dicir nada que non se saiba. É fantástica, de primeira liña, nacional e internacional, temos escritores e escritoras fabulosos, que é para sacarse o sombreiro. O que ocorre é que a literatura infantoxuvenil, independentemente de que sexa boa, mala ou regular, directamente asóciase a baixa literatura. É para crianzas, é doada, non ten grandeza (intelectual), non ten profundidade, non pretende mover á acción… De entrada descártase, é só mirar os caderniños literarios, as críticas literarias, os grandes nomes que se asocian coas primeiras filas das editoriais ou da escrita… Cantos escritores de literatura infantoxuvenil hai? Están apartados, nun caixón. Algúns destacan, claro que si. Mais de entrada… Aínda así atreveríame a dicir que é de mellor calidade que a literatura para adultos, penso que en Galiza hai máis grandes e universais escritoras e escritores de literatura literatura infantoxuvenil. A realidade é que é a que está tirando do carro e movendo a literatura no noso país, sementando novos lectores e traballando máis pola lingua, no día a día, no seu uso cotián.

Recentemente realizouse unha campaña en Francia para concienciar sobre a precariedade laboral que sofren escritores e ilustradores de literatura infantoxuvenil [La Charte des auteurs et des illustrateurs pour la jeunesse]

É unha lacra mundial. Hoxe en día non se le moito, as novas xeracións son nativos dixitais, está o pirateo… Tampouco se merca. Entón as editoriais tampouco publican. É a pescada que morde a cola. Non é polo prezo do libro, senón o que ti sacas como escritor. Xa me gustaría vivir do conto! Ti tes que comer, mais da escrita non comes, por iso tes que compaxinar este oficio con outro. E de onde sacas tempo? Quítasllo ao sono, ao ocio… É moi desalentador, e máis para as mulleres. As escritoras por riba temos o muro da invisibilidade manifesta, é loitar contra muíños e contra xigantes. O público non ten tanto que coñecer a miseria que hai detrás de cen páxinas, nin se trata de reivindicar o oficio. Ninguén che obriga, mais se o pensas calquera pode vivir do seu traballo, menos nós. A porcentaxe que levas de cada libro é, como moito, do 10%. É dramático. E a bohemia que hai entorno á escritura e á literatura está moi ben, mais todos comemos no mínimo tres veces ao día.