A HISTÓRICA REVISTA FAI 99 ANOS

'Nós' ao bordo do século

'Nós' ao bordo do século
O 30 de outubro de 1920 saía do prelo o primeiro número da revista Nós. Dezaseis anos e ducias de persoas colaboradoras, entre elas o máis significado do galeguismo da época, conformaron a primeira achega do movemento ao que se denominaba “alta cultura”. Este semanario lembra o histórico cabodano mentres prepara a saída o 2 de xaneiro de Nós Diario. Eis un estrato da peza publicada no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza.

Nós ha ser a representación no mundo da personalidade galega na sua ansia de s’afirmare coma valor universal, autóctono, diferenciado, dentro ou fora da Terra”. Esta frase do editorial do primeiro número da histórica revista, publicado en Ourense o 30 de outubro de 1920, condensa toda unha perspectiva, a do galeguismo que, por primeira vez, se reunía arredor dunha cabeceira de “alta cultura”. Só a precedera como publicación periódica A Nosa Terra, voceiro das Irmandades da Fala, pero máis orientada ao xornalismo activista.

Dirixida por Vicente Risco e con Xavier Prado Lameiro como “redautor xefe”, o seu primeiro consello de redacción fórmao a plana maior do movemento: Ramón Cabanillas, Alfonso R. Castelao, Antón Losada Diéguez, Ramón Otero Pedrayo e Florentino L. Cuevillas.  “Nós foi unha columna estrutural, capaz de aglutinar e poñer en danza tres xeracións intelectuais”, explica a este semanario o investigador e ensaísta Antón Capelán, “atrae colaboradores con independencia da súa ideoloxía concreta, só con que escriban en galego. E fano desde fóra da universidade e do oficialismo”. A cultura galega, autocentrada e en galego, era rexistrada e pensada en papel, de maneira máis ou menos regular -a periodicidade era teoricamente mensual-, dun xeito inédito. “Foi o torreiro, a ágora onde dialogaban e onde visibilizaban as súas arelas”, resume Miguel Anxo Seixas, autor da monumental biografía Castelao. Construtor da nación (Galaxia, 2019). 

mini-NosA secesión de Risco Mais

Nós distou de reducir o seu campo de interese ao territorio galego. Esa “ansia de s’afirmare como valor universal” do editorial mencionado constrúe vías de realización. “Eles querían ir a Europa sen pasar pola peaxe de Madrid”, entende Seixas. Traducións de autores coetáneos, atención a todo o que se movía nas artes continentais, a incesante procura de conexións entre a cultura nacional e a internacional. Era a consecuencia do que Capelán denomina “secesión”, acontecida na mudanza de década entre os 10 e os 20, capitaneada por Vicente Risco a partir dunha fórmula de Xaime Quintanilla: a soberanía estética da nación galega.

“É moi importante a intención da revista de estar ao tanto das novidades e as tendencias de fóra que se xulgaban podían servir para a  cultura de aquí”, comparte o historiador da literatura Xosé Ramón Pena, “mais cómpre non esquecer que esa apertura foi condicionada. Transmitíase apenas aquilo que se consideraba propicio para o programa do grupo Nós”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 369 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]