ESTA FIN DE SEMANA EN PADRÓN

Nós Diario estará presente no festival Abride a Fiestra

Nós Diario estará presente no festival Abride a Fiestra
[Imaxe: Casa de Rosalía] Abride a Fiestra, na edición de 2018.
[Imaxe: Casa de Rosalía] Abride a Fiestra, na edición de 2018.  

O festival Abride a Fiestra realiza a súa segunda edición este sábado 13 e domingo 14 de xullo. Un amplo programa de actividades con música, performances, visitas guiadas, regueifas, feira e moita poesía enchen a grande festa rosaliana. Abride a Fiestra celébrase na Casa-Museo da Matanza, en Padrón, para lembrar o pasamento da poeta nacional e está organizado pola Fundación Rosalía de Castro. Nós Diario estará presente cun posto para difundir o novo proxecto de comunicación de intereses galegos.


ProgramaChega á Casa-Museo da Matanza, en Padrón, a segunda edición do festival rosaliano Abride a Fiestra. O sábado 13 e domingo 14 de xullo sucederanse múltiples actividades conmemorando o aniversario do pasamento da poeta nacional. Concertos, performances, visitas guiadas, regueifas, conferencias, feira e moita poesía enchen unha programación de dous días organizada pola Fundación Rosalía de Castro.

Nós Diario estará presente cun posto para difundir o proxecto de comunicación de intereses galegos, onde se distribuirán, entre outros materiais, a publicación de 12 páxinas con información sobre o diario galego, que inclúe, ademais, unha reprodución da maqueta da capa real do xornal que verá a luz ao iniciar o ano 2020. Ademais, o posto tamén contará cos produtos e libros xa editados por Sermos Galiza e os catro cadernos monográficos De Nós, incluído o último, Antroidos e máscaras.

“Aproveitando as palabras que parece ser que dixo Rosalía no leito de morte: Abride a fiestra que quero ver o mar”, o festival abre as fiestas e as portas para que as e os visitantes poidan realizar actividades de todo tipo", afirma Angueira

O presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, remarca en declaracións a Sermos Galiza, que, “aproveitando as palabras que parece ser que dixo Rosalía no leito de morte: Abride a fiestra que quero ver o mar”, este festival abre as fiestas e as portas precisamente para que as e os visitantes poidan realizar actividades de todo tipo no interior e exterior da casa, na horta e no auditorio con actividades para todas as idades.

A primeira edición “tivo moito éxito”, sinalou Angueira, quen agarda que esta edición tamén obteña grande participación.

O sábado arrincará o festival ás 19 horas cunha visita teatralizada a cargo dos Quinquillán, e dará paso ao recital poético con poetas da Galiza e internacionais que lerán poemas de Rosalía no Auditorio da Casa-Museo. O sábado porán o broche as actuacións musicais de Cristina Pato e Roberto Comesaña.

O domingo pola mañá continuará o festival cunha feira de produtos rosalianos que durará toda a xornada e mais unha ludoteca para nenas e nenos. Tamén se realizará unha visita guiada pola horta da Casa-Museo a cargo de Carlos Dacal, así como polo interior da casa da man de Pedro Feijoo.

A primeira edición “tivo moito éxito”, sinala Angueira, quen agarda que esta edición tamén obteña grande participación

Ao medio día Paco Nogueiras ofrecerá o concerto de carácter familiar Brinca vai e o escritor Xosé Luís Méndez Ferrín impartirá a conferencia Rosalía, A Matanza e Rodríguez del Padrón. Posteriormente comezará a visita guiada pola casa, co grafista e deseñador da maqueta de Nós Diario, Pepe Barro, e o “mini-concerto” de Secho no Piano de Rosalía.

A xornada da mañá rematará coa conferencia de Carlos Castelao sobre As fotografías de Rosalía, a actuación regueifeira con Lupe Blanco e Kike Estévez, a performance poética de Andrea Sanjurjo e Fabián Niño e o concerto de Secho.

A sesión da tarde arrincará coa proxección do filme Contou Rosalía, ás 16 horas. Tamén se realizarán visitas guiadas pola Casa, a primeira ás 16,30 da man do escritor e ensaísta Francisco Rodríguez, a segunda ás 18.30, que será guiada por Olga Novo; e haberá unha terceira para crianzas con Manuel Lorenzo Baleirón. Contra ás 17.30 horas iniciarán os concertos de Paco Nogueiras, Radio Bule Bule; o “mini-concerto” de Ugia Pedreira e Cristina Pato no Piano de Rosalía e posteriormente unha performance musical de ambas as dúas,

Así mesmo, apresentarase o proxecto Amigos/as da Casa de Rosalía da man do presidente da Fundación, Anxo Angueira.

A xornada achegarase á súa clausura coa apresentación do libro do Premio Escolar de Poesía, a entrega da Rosa de Galiza á familia de Villar Granjel e á Coral de Padrón. O broche corre a cargo do artista Davide Salvado.