ENTREVISTA CON XIANA LASTRA, CANTANTE DE A BANDA DA LOBA

"Para nós é moi importante non ter que cinguirnos a un estilo determinado á hora de facer música"

"Para nós é moi importante non ter que cinguirnos a un estilo determinado á hora de facer música"
Xiana Lastra, cantante de A Banda da Loba
Xiana Lastra, cantante de A Banda da Loba  Imaxe: Laura Veiga

A finais do século XIX, unha bandoleira de nome Pepa a Loba, roubaba a caciques e cregos ata se converter nunha figura lendaria. Dela toman o nome Andrea Porto (guitarra e baixo), Inés Mirás (guitarra e teclado), Marcela Porto (batería e percusións), Estela Rodríguez (violín) e Xiana Lastra (voz). Cinco mulleres que decidiron unir as súas traxectorias individuais para dar vida a este grupo de estilo ecléctico e heteroxéneo. 

 

 


Neste momento están a presentar o seu primeiro traballo discográfico, Bailando as rúas, por toda Galiza, no que contaron coa produción musical de Adrián Saavedra e as colaboracións de Guadi Galego e Tanxugueiras. Veñen de recibir o premio aRi[t]mar 2018.

-Como xorde A Banda da Loba?

- Dunha primeira iniciativa que iamos montar entre varias mulleres e ao final non saíu adiante. Varias das que estamos na banda estabamos aí, onde comprobamos que traballabamos moi ben xuntas e que nos levabamos moi ben. Algunhas xa fixeramos pezas que agora son da Banda da Loba, entón decidimos en vez de parar, seguir nós. Despois fomos incluíndo a outras persoas de fóra que non estaban. Xurdiu un pouco da casualidade e un pouco de que non saíse outra cousa adiante.

 

-Quen estabades?

- Eramos Andrea, que toca o baixo; Marcela, que é a súa irmá e toca a batería; máis eu. Despois chegaron Estela no violín e Inés na guitarra.

 

-Que ten Pepa en especial para que decidades facerlle esta homenaxe?

- Son varias cousas. Unha, que queríamos algo vencellado ao imaxinario e cultura galega. Dúas, que é unha muller e bandoleira do século XIX. Tivo unha vida super complicada e soubo saír adiante, derrubando todo tipo de obstáculos, barreiras e demais. E tamén, que sendo unha figura moi forte e impactante da nosa cultura tradicional, non é algo que sexa moi explotado, moi coñecido. Hai moi poucas cousas sobre ela. Así, poñemos o noso gran de area para facerlle homenaxe e intentar contar por aí a súa historia.

 

Temos relación co mundo da poesía. Sempre foi un xénero literario que nos gustou moito e pensamos que quizais ten un acceso máis difícil que a música ao público xeral

 

-Vos sodes moi promotoras da imaxe de muller forte, de reivindicar a nosa figura mediante as vosas cancións. Cales son os vosos referentes?Musicais pero tamén artísticos en xeral.​

- Non é moi corrente ver bandas de mulleres. Si cantantes, pero non músicas. Eu creo que é unha cuestión de educación, o que nos inculcan dende nenas. Si que hai moitas cantantes e por exemplo, pianistas, certos tipos de instrumentos. Entón, esa era un pouco a idea. Mostrar referentes noutros estilos, máis tirando ao rock, tocando batería e baixo. Chegar como estamos chegando á xente nova, é onde pensamos que fai máis falta. Referentes nosas hai moitas. A nivel cantantes, de bandas… sempre falamos de xente como María Manuela. Sobre todo nos 80, 90, foi moi coñecida e unha das mulleres máis importantes da canción protesta galega. Das actuais, coa que nos sentimos máis identificadas é con Guadi Galego.

Xiana Lastra

 

-Non só Guadi Galego, contades no voso historial con colaboracións con artistas como Tanxugueiras. Por que credes que é importante contar con outros artistas?

- Porque nos sentimos identificadas tanto con unha como con outras. Con Guadi, pola defensa do feminismo que sempre fixo e sempre fai na súa canción e no seu día día e no que é rachar as barreiras estilísticas á hora de facer música. Era unha muller xa moi coñecida no mundo da música tradicional por ser a cantante de Berrogüetto. Tiña unha carreira moi popular e decidiu facer outras cousas totalmente distintas. Se fose outra persoa ao mellor dicía “ pois quedo aquí que xa teño o meu espazo, estou cómoda”. Ela rachou con todo. Dixo, “o que me gusta facer é isto, eu compoño” e tirou máis cara o pop. Nós pensamos que é moi valente. Vemos a música dunha maneira moi semellante a ela. Que se che gusta a música, gústache todo tipo de música. Aínda que te sintas máis cómoda nun estilo.

 

-Trátase entón de colaboracións case políticas, mulleres con valores e ideas semellantes.

- Claro, para nós é moi importante non ter que cinguirnos a un estilo musical á hora de facer a nosa música. Guadi entende a música dunha maneira universal. Que cando cando estás compoñendo, no momento sae o que ten que saír. Despois as Tanxugueiras é evidente, porque son tres mulleres rompedoras, moi punkies. Foron unha revolución nos últimos anos na música tradicional galega. Ademais, son amigas.

 

-Falabas un pouco do estilo. Con cal vos sentides máis a gusto?

- Todas mamamos da música tradicional, así que nas nosas cancións sempre hai algo de folk. Despois, realmente todas escoitamos moita música e gústanos a música en xeral. Somos moi parecidas, escoitamos música moi diversa. Como compoñemos case todas, saen cousas ben distintas. Intentamos enmascaralo todo dentro dunha sonoridade propia da banda. Aínda que toquemos estilos moi distintos, todo soa a A Banda da Loba. Sentímonos cómodas en todo o que facemos, se o tocamos é porque saíu así.

 

'Bailando as rúas' pódese entender como unha invitación a mobilizarnos, saír ás rúas, a defender o noso, a espertar do letargo e participar do que é a sociedade.

 

-Parece que é un pouco o voso sinal de identidade. Mulleres diversas, con traxectorias diversas. Porén, nótasevos contentas. Supoño que é algo importante, sentirse a gusto con quen tocas.

- É algo moi importante. Todo o mundo que se adica a isto sabe que a música é algo que leva moitas horas. Se despois, ademais, tes a sorte de actuar como é o noso caso...no último ano tocamos moitísimo, creo que levamos 50 concertos. Pois son moitas horas que pasas compoñendo, nos ensaios e nos concertos. Algunhas situacións son moi agradábeis, pero outras non tanto. Estás cansa e sempre hai diversidade de opinións nunha banda. Ter persoas afíns e con caracteres compatíbeis é moi importante. Niso temos moita sorte, levámonos moi ben. Entendemos as cousas da mesmas maneira. Temos moi claro o que queremos facer e como.

 

-Sentides algunha presión pola vosa dobre condición de galego falantes e mulleres? Para ben e para mal. Se vos sentides un referente e á vez se vos sentides discriminadas ou esquecidas nalgún aspecto.

- Pasan as dúas cousas. Por un lado, somos dos poucos grupos femininos en lingua galega, polo que si nos sentimos moi arroupadas por algunhas institucións. Xente a favor do movemento feminista, da música en galego, si que nos tratan con moito cariño. Recibíronnos cos brazos abertos e abríronnos moitas portas. Despois, polo lado contrario, nalgunha ocasión, nalgún concerto, témonos atopado con situacións surrealistas e comentarios despectivos polo feito de sermos mulleres músicas. Teño que dicir que foi unha soa ocasión na que nos pasou. E non é o xeral. Nese sentido, cada vez faise un traballo máis grande. O tema de falar en galego, pasa o mesmo. Hai sitios que che abren as portas por facer música en galego.  E logo noutro tipo de contextos como festivais, ou á hora de saír fóra de Galiza, si que é moito máis complicado.

_MG_4894

 

-Tedes unha forte influencia da poesía. Cal é a orixe desta relación?

- É moi doado. Eu nunca escribín poesía de maneira profesional. Mais Andrea e Marcela si que teñen as dúas publicacións feitas e gañaron varios premios. Ademais, temos moitas amigas poetas. Rosalía Fernández Rial ou Celia Parra son dúas delas, das que foron os poemas neste primeiro disco. Tamén Helena Salgueiro ou Antía Otero. Temos relación co mundo da poesía. Sempre foi un xénero literario que nos gustou moito e pensamos que quizais ten un acceso máis difícil que a música ao público xeral. Pensamos entón tirar desa dobre faceta que temos no grupo, dun xeito menos rebuscado. A poesía normalmente está vinculada a unha canción de autor máis intimista.  Queríamos que a poesía, que nun primeiro momento é máis difícil de desentrañar, fose acompañada dunha música sinxela e pegadiza. Así entras a un maior número de persoas. Falo máis polo ritmo, mais non deixan de recibir a mensaxe.

 

-Cando unha musica unha letra doutra persoa, sente a canción menos súa?

- É un proceso totalmente diferente. Cando ti escribes é algo que sae de ti, ti buscas as palabras. Entón si que tes máis claro que significa cada unha. Utilizas imaxes vinculadas ao teu maxín e as túas vivencias. Nese sentido, temos moita sorte, porque ao seren amigas coas que temos moita confianza, déixannos moita liberdade para esnaquizarlles os poemas. A métrica da poesía contemporánea é máis complicada á hora de facer cancións. Entón, ou ben lles dicimos “interésame esta idea, esta parte, esta estrutura”. Por exemplo, Rosalía adaptou ela. Entón, ou o adaptan directamente elas ou nos collemos a historia que nos transmite, reescribimos e reconfiguramos o poema. Mandámosllo para que elas digan se pensan que quedou fiel ou non e traballamos a partir de aí. Nalgún sentido acaba sendo tamén noso.

 

-Que queredes contar con Bailando as rúas? Cal é a mensaxe que o público debería sacar del?  

- Hai moitas mensaxes. No caso de Bailando as rúas, pódese entender como unha invitación a mobilizarnos, saír ás rúas, a defender o noso, a espertar do letargo e participar do que é a sociedade. Tamén, dunha maneira máis intimista, pódese entender o tema da vida e a morte. O que existe e o que non existe. O bonito está en que cada quen entenda como queira.

 

-Que canción cantades con máis cariño? Cal sentides que é a favorita do público?

- A favorita dos concertos, a que mellor funciona, é Pepa, a que conta a historia de Pepa a Loba. Cariño témoslle a todas, A que máis alegría nos trouxo nese sentido foi Bailando as rúas .Aparte de darlle o nome ao CD, gañamos o premio aRi[t]mar con ela e estivemos de finalistas nos premios de opinión. Despois, para as Letras Galegas, sacamos Anagnórise, que non está neste CD pero estará no seguinte. Gustounos sobre todo o traballo que fixeron nos centros educativos. Tivemos moita retroalimentación co profesorado que nos escribía dando as grazas. Sentimos que funcionaba. No ensino secundario, na adolescencia, é máis difícil que escoiten música en galego. Nos concertos tamén funciona moi ben. Que o público aplauda máis, diría Pepa e Anagnórise .

 

-Falando do aRi[t]mar, que se sente ao recibilo tras unha curta traxectoria?

- Foi sorprendente. Cando nos vimos de finalistas con xente como Uxía ou De Vacas, amigas cunha traxectoria moi potente na música, nós, que estábamos empezando, non lle fixemos moito caso porque nos parecía totalmente imposible. O voto viña do público e non levabamos nin catro concertos. Démolo por imposible. Compartimos o nomeamento pero non insistimos porque nos parecía inviable. Imaxina a sorpresa cando nos chaman para dicirnos que gañamos. Foi sorprendente e ao mesmo tempo dáche moita forza. A xente preocupouse por escoitar o que había e votaron a un grupo que acababa de empezar. Par nós é moito máis importante que nos vote a xente que un xurado. Ao final é quen vén aos concertos, quen te escoita cada día e quen vai mercar os teus discos.

 

-Vides de presentar o voso disco en espazos moi diferentes. O Agorason na Coruña, Noites en Vela en Ames ou o Armadiña Rock, en Combarro. Que diferencia pode haber entre tocar nunha vila ou nunha cidade, nun festival de maior tamaño compartido con outros grupos ou nun máis íntimo no que sexades as protagonistas?

Cando tocas ti soa, sabes que as persoas que veñen verte, veñen ver A Banda da loba. De primeiras é un público que sabes que é receptivo. Despois, se o espazo é aberto ou pechado, tamén inflúe. Causa máis nerviosismo tocar nun teatro que tocar nunha praza con moita xente. Os espazos pechados, coa xente pechada, en silencio e atenta ao que pasa son moito máis impoñentes, independentemente do número. Cando estás nun concerto, de verán, nun ambiente máis distentido estás a gusto, pero o outro tamén é bonito, é como que compartes máis de perto. Todo ten a súa parte positiva. Gústannos as dúas opcións, é moi diferente.

_MG_4902

 

-Quizais os festivais son máis para darse a coñecer e é nos concertos propios cando vedes o voso valor real.

- Si, aí é onde está o termómetro. Cando das ese tipo de concertos, cobrando unha entrada, é cando sabes canta xente tes interesada no que fas. É a eterna barreira no mundo da música, pagar. Nós quixemos probar ese termómetro no principio da xira, antes de que ninguén nos vise noutros espazos de forma gratuíta. A verdade é que foi moi guai, porque dende o momento 0 tivemos moita xente en todas as salas, fixemos algún concerto en todas as cidades de Galiza. Dende decembro, ata mediados de febreiro fixemos todo salas. Cando compartes cartel é diferente, dependes da hora a que te programen, do resto de cartel. Cando hai un cabeza de cartel potente sabes que a xente vai por el.

 

-Agora vides dun momento de moito traballo. Gravación e produción de Bailando as rúas. Xira de presentación por todo o país. Presentación do tema Anagnórise polas pasadas Letras Galegas. Que agradecedes máis ter vivido nos últimos meses?

- Todo. Cando saes cun produto novo, sen formarmos parte ningunha de nós dunha formación relevante e coñecida, tocando cancións propias, saes con todos os medos. Pode ser que empece a funcionar moi pouquiño a pouco ou que non te vexa ninguén e sexa moi difícil saír adiante Nós sentímonos super arroupadas dende o principio, así que xa desfrutamos todo o proceso. Non é o mesmo saír e que haxa catro a que haxa cen. Tocamos en moitísimos sitios,  nunca pensamos tocar tanto o primeiro ano. A xente recibiunos xenial en todas partes e vendimos moitísimos discos. Cando o teu traballo gusta ao final é o que queres, que a xente espalle a túa musica, Ademais, nós estamos moi a unha, cos obxectivos e as prioridades moi claras. Todas estamos moi envorcadas neste proxecto, traballando no seguinte disco.

 

-Foi entón un pulo de enerxía, cales son os plans de futuro?

Xa temos algúns concertos pechados para o inverno de 2019. No verán temos tamén algún pero xa logo entraremos gravar o disco para que saía en decembro de 2019. Tamén, ao mesmo tempo, temos a responsabilidade despois deste primeiro disco que saíu tan ben, de manter o tirón. É tan difícil manterse como empezar. Cando un primeiro traballo gusta moito, o segundo ten que gustar igual.

 


 



x