MARIO REGUEIRA, AUTOR DUNHA TESE SOBRE A NARRATIVA DE POSGUERRA

"Nos primeiros momentos da guerra consúmase a destrución de todo o escenario editorial precedente na Galiza"

"Nos primeiros momentos da guerra consúmase a destrución de todo o escenario editorial precedente na Galiza"
Mario Regueira, coa súa tese
Mario Regueira, coa súa tese  

Mario Regueira (Ferrol, 1979) é o crítico literario de Sermos Galiza.  O seu último libro é O silencio (Xerais, 2012). En xaneiro de 2015 defendeu a súa tese de doutoramento, A narrativa na reconstrución do campo literario de posguerra. Repertorios e imaxinario nacional no proxecto de Galaxia. Nesta entrevista, fálanos do contido da súa tese.


Como autor literario, Mario Regueira debutou no ano 2004 co volume de relatos, Rebelión no inverno. Desde entón ten publicado varias novelas, tres poemarios e un ensaio. O seu último libro é O silencio (Xerais, 2012). A súa tese de doutoramento ten sido dirixida por Arturo Casas dentro do programa de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da Universidade de Santiago de Compostela

Que foi o que o levou a elixir a narrativa galega entre 1936 e 1966 á hora de abordar a súa tese?

O meu interese inicial era o panorama da narrativa de posguerra. En parte, porque sempre considerei que os seus repertorios e o conflito político ao que ían ligados eran bastante específicos e non tiñan un correlato evidente noutros contextos peninsulares. Porén, ao comezar a tese tiven que facer dúas matizacións. A primeira, situar en 1936 a gran modificación no campo literario galego. Como é sabido, na Galiza non houbo fronte, e xa nos primeiros momentos da guerra se consuma a destrución de todo o escenario editorial precedente.

A literatura que se publica durante o conflito ten unha serie de características que a fan relevante para o que vai acontecer despois. Se cadra o máis destacábel é que existe unha mínima permisividade por parte das autoridades franquistas cara a estas obras, sempre que non se movan dun contido lírico ou folclórico. Comeza, deste xeito, a caracterización da cultura galega nuns termos rexionalizadores e que apelan a elementos supostamente inherentes ao pobo galego, unha caracterización que non deixa de ter fortes connotacións coloniais. A segunda matización que realicei foi fixar dúas etapas na posguerra, cunha fronteira fluída e que pode localizarse entre os anos 1963 e 1966, coincidindo cun relaxamento das políticas represivas da ditadura e cun momento no que o proxecto de Galaxia comeza a consolidar o seu poder simbólico.

" A novela de Carvalho Calero é publicada por gañar un concurso cunhas bases bastante peculiares, onde aparece xa unha das problemáticas: Que é a literatura galega?"

Que caracterizou esta etapa? Houbo que agardar até 1951 para que saíse a luz a primeira obra narrativa posterior á guerra, A xente da Barreira, de Ricardo Carvalho Calero.

Xustamente esa publicación é moi indicativa de como foron as cousas neste contexto. A novela de Carvalho Calero é publicada por gañar un concurso cunhas bases bastante peculiares, onde aparece xa unha das problemáticas de delimitación da literatura galega neste período. Que é a literatura galega? A escrita en galego, a escrita por persoas galegas ou a que trata sobre temas galegos? O concurso permite a participación de obras que teñan polo menos unha destas características. A novela de Carvalho Calero gaña por reunir simultaneamente estes tres elementos, aínda que é o primeiro o máis relevante e o que ten unha carga política máis grande nese contexto. A novela do ferrolán é a única escrita en galego que se presenta a ese certame, algo que é aproveitado polos galeguistas do xurado para propiciar a publicación da primeira novela en galego desde 1936. Tamén é rechamante que a entidade que convoca o premio sexa a editorial Bibliófilos Gallegos, promovida por persoas próximas ao franquismo como Filgueira Valverde e Sánchez Cantón coa intención, ao igual que outras das súas iniciativas, de xestionar a identidade cultural galega baixo a ditadura.

Que implica esa xestión?

Esa xestión implica a asociación da literatura galega á lírica, ao folclórico e á bibliofilia, isto é, a un pasado máis ou menos brillante do que non se agarda continuidade nin futuro. A editora é bastante fiel a este programa excepto por dous dos premios que convoca, o de “novela gallega”, gañado de forma bastante inesperada por Carvalho Calero, e o de tradución, que propicia a aparición da tradución, realizada por Ramón Piñeiro e Celestino Fernández de la Vega, dun volume de poesías célticas recollidas (e traducidas á súa vez ao alemán) polo estudoso Julius Pokorny. Estes dous ámbitos, a narrativa e a tradución, tensionan un tanto os límites nos que a nova situación situara a literatura escrita en galego e son precedentes directos do que despois será a actividade de Galaxia.

“Galaxia arrebatou a Bibliófilos Gallegos o papel de xestora da identidade galega ante o franquismo”

Aliás, estuda a importancia da editorial Galaxia na eclosión da narrativa. Como foi ese papel dinamizador de Galaxia?

O papel de Galaxia nesa conquista de ámbitos para a literatura escrita en galego é, como dis, innegábel. Aínda que a editora non publica esa primeira novela de Carvalho Calero, as persoas que a conforman participan do seu proceso e inflúen en Bibliófilos para adoptar unha política aperturista que eles mesmos continuarán desde Galaxia. Ademais da narrativa, Galaxia tamén apunta a outros xéneros e ámbitos, como o ensaio, que permite a divulgación dun pensamento con certa base galeguista, ou as publicación periódicas, que teñen na Colección Grial, prohibida polas autoridades tras catro números, a súa primeira tentativa.

O realmente peculiar da actividade de Galaxia é como esa conquista de novos ámbitos vai parella a unha caracterización da identidade galega que ten moitos elementos en común coa que está promovendo unha parte do franquismo. Galaxia renuncia a centrarse na lírica para privilexiar a narrativa e os ensaios. Pero son ensaios e narrativas os que subliñan a natureza lírica do pobo galego. Esta toma de posición sitúa a editora a medio camiño entre a resistencia ante a ditadura e a convivencia posíbel con ela. Poderíamos dicir que Galaxia, entre a década dos cincuenta e mediados dos sesenta, arrebata a Bibliófilos Gallegos o papel de xestora da identidade galega ante o franquismo, cunha aposta máis ambiciosa, pero que segue cedendo ante este en moitísimos aspectos. A participación de figuras que colaboraron ou, cando menos, participaron dalgunha forma no bando franquista, como o polémico Álvaro Cunqueiro, poden ser analizadas tamén baixo esta perspectiva.

De que modo o legado ideolóxico condiciona as primeiras narrativas publicadas por Galaxia?

Galaxia é un proxecto cultural xestionado por antigos dirixentes das Mocedades Galeguistas e persoas vinculadas a outras organizacións xuvenís do galeguismo. Estas organizacións manteñen certas discrepancias co Partido Galeguista, en especial no referente ao pacto deste coa esquerda republicana. Pódese dicir que as organizacións xuvenís están, en liñas xerais, moito máis próximas ao legado do primeiro Vicente Risco, máis en sintonía cun nacionalismo inmanente, que entende a nación como un fenómeno natural ao que se accede por unha revelación que a aproxima a unha especie de relixión. Estas tendencias son moi escépticas respecto da noción social das comunidades nacionais e tamén respecto do materialismo histórico que defenden as teorías marxistas. O proxecto de Galaxia continúa esa liña ideolóxica, tanto nos repertorios literarios que defende, como no seu proxecto ensaístico ou nos seus artigos e entrevistas. É notábel a proximidade das nocións de Ramón Piñeiro e outros membros da editora ao pensamento de figuras como Martin Heidegger, ao que editan traducido ao galego, e a outros filósofos vinculados ao que se coñece como “revolución conservadora”, unha corrente próxima á extrema dereita europea na que non custaría moito encadrar o propio Vicente Risco.

A galeguidade é definida así como algo baseado nunha serie de esencias inmanentes e como un elemento que permanece alleo ao curso histórico. Por outra parte, os repertorios literarios tamén deben axustarse a este programa étnico. A literatura galega ten que definirse, como di Piñeiro nunha entrevista dos anos 50, pola súa “galicidade”, é dicir, ten que estar virada cara ás esencias como o lirismo, o humorismo, a imaxinación e o sentimento da paisaxe e non contaminarse da influencia das literaturas estranxeiras. Nun momento inicial, Álvaro Cunqueiro e Ánxel Fole conforman dous repertorios privilexiados para a editora. O primeiro representa a fantasía inherente ao pobo galego e o segundo a vinculación a un mundo rural que reflicte esa realidade a-histórica onde afloran as características da verdadeira identidade galega.

"A gran discrepancia virá, inicialmente vinculada á xestión da influencia doutras literaturas europeas na literatura galega"

Que ten en común a Nova Narrativa?

A Nova Narrativa non parte, polo menos inicialmente, dunha postura completamente contraria nun sentido ideolóxico. Algunhas dos postulados filosóficos defendidos dende Galaxia son compartidos por autores como Gonzalo Rodríguez Mourullo, e o propio Xosé Luís Méndez Ferrín fai gala dunha grande influencia cunqueiriana. A gran discrepancia virá, inicialmente vinculada á xestión da influencia doutras literaturas europeas na literatura galega. Os primeiros autores novos que se expresan en galego acusan especialmente a condena que Galaxia fai das súas influencias foráneas e do emprego de correntes experimentais procedentes de Europa, tamén da obriga de remitirse constantemente a unha única realidade, a galega, e o deber de presentala como detida nun tempo arcaico. Na década dos sesenta, co achegamento dalgúns destes autores ao marxismo, as diferenzas literarias tomarán aspecto de confrontación política.

De todas formas, máis alá das tensións destas novas voces con Galaxia, hai que resaltar tamén as propostas, a miúdo infravaloradas, que proceden do exilio galeguista e da emigración, especialmente no que respecta a figuras como Luís Seoane e a propostas literarias como a de Eduardo Blanco Amor. Este contexto era moito máis fiel ao legado do Partido Galeguista e ao seu compromiso republicano e parte dunha distancia ideolóxica con Galaxia moito máis marcada que a que inicialmente teñen os novos autores do interior, que aínda tardarán anos en confluír ideoloxicamente con eles.

Non existe un criterio uniforme á hora de delimitar que autores pertenceron a este movemento. A que se debe?

Eu mesmo preferín a denominación “novas narrativas”. “Nova Narrativa” é unha etiqueta creada a mediados dos anos sesenta dende a revista Vieiros, é dicir, dende un medio da emigración, probabelmente coa intención de acentuar a confrontación entre un grupo de escritores marxistas e a editorial Galaxia, xa identificada cunha postura conservadora. É polémica porque persoas como Carlos Casares, que fan unha literatura de ambición innovadora pero que manteñen boas relacións coa editora, non se senten nunca integradas nela, a pesar de que outros autores si que os inclúan. Tamén porque os primeiros roces entre as novas propostas do campo literario e Galaxia non forman parte dun movemento coordenado nin coherente. Aínda así, boa parte da crítica literaria galega aceptou e empregou a etiqueta nas últimas décadas, moitas veces distinguindo esas dúas fases que estarían delimitadas pola propia aparición desta.

"A propia Galaxia acaba aceptando o criterio filolóxico nun proceso longo que queda indiscutibelmente fixado en Historia da Literatura Galega Contemporánea de Ricardo Carvalho Calero"

Na tese defende que a configuración das fronteiras do campo literario galego neste período segue vixente a día de hoxe. Por que?

Dentro da propia Galaxia, que nos seus primeiros anos publica varias obras en castelán, existen vacilacións respecto do que se considera literatura galega. Piñeiro e Fernández del Riego valoran en distintas fontes as posibilidades de fixar un criterio territorial (que incluiría autores como Valle-Inclán ou Pardo Bazán), repertorial, baixo o que se consideraría literatura galega aquela que se axustase ao programa étnico do que falamos antes, ou filolóxico. As novas voces, pola súa parte, sempre farán unha defensa fechada do criterio filolóxico, en parte porque é o que mellor pode combater a asimilación rexionalizadora que propugna unha parte da crítica literaria franquista.

A propia Galaxia acaba aceptando o criterio filolóxico nun proceso longo, que comeza cun par de antoloxías de poesía que aparecen en 1955 e que queda indiscutibelmente fixado en Historia da Literatura Galega Contemporánea de Ricardo Carvalho Calero, en 1963. Ese criterio, que marca as fronteiras do campo literario galego en función da lingua, segue sendo maioritariamente aceptado nos nosos días. É certo que a súa validez é impugnada ciclicamente e, aínda que non existe unha razón científica para defendelo (como se ten dito algunhas veces), creo que é relevante analizar o seu proceso de conformación e destacar as súas raíces como unha ferramenta de anti-colonial que ten un papel relevante na resistencia da cultura galega a ser asimilada polo centralismo.