BENITO VILAS, EXPERTO EN ASTRONOMÍA CULTURAL

“Nós somos a primeira sociedade que viviu de costas ao ceo”

“Nós somos a primeira sociedade que viviu de costas ao ceo”
Petróglifo en Campolameiro [Foto: PAAR]
Petróglifo en Campolameiro [Foto: PAAR]  

O Parque Arqueolóxico de Campo Lameiro volve celebrar, logo do éxito acadado, ao longo de todo o mes máis ‘Noitepedras Astronómico’ arredor dos petróglifos e as constelacións. Unha actividade impartida por Benito Vilas, experto en astronomía cultural e autor de varias publicacións no eido da arqueoastronomía e megalitismo.


- En que consiste o ‘Noitepedras Astronómico’?
- Pois imos ver os petroglifos de Campolameiro de noite e ademais salientar a relación que teñen co ceo, coas estrelas, co sol e coa lúa. Porque ao fin e ao cabo nós somos a primeira sociedade que viviu de costas ao ceo, para as sociedades pasadas comprender o ceo era parte do seu día a día, de como establecían calendarios, rituais, festividades, etc. A propia importancia que tiña na sociedade galega os ciclos de cultivo e noutras cousas, establecíanse en base ás relacións coa lúa. Explicaremos todo o que se pode saber en base aos petróglifos. Tamén explicaremos as constelacións que temos hoxe en día, que non teñen por que ser as mesmas que as que tiñan as sociedades de hai 4.000 anos, o por que dos seus mitos e como son. Ensinaremos tamén a ver o ceo nocturno, a orientarse, etc. 

Hai certos tipos de motivos como son as coviñas, que poden simbolizar constelacións.

- Que teñen que ver os petróglifos coas constelacións?
- Precisamente hai certos tipos de motivos como son as coviñas, que poden simbolizar constelacións. O que pasa é que non hai unha forma segura de sabelo, porque ás veces podemos estar querendo ver o que nós queremos. Non deixan de ser hipóteses que hai que seguir estudando. 

- Hai unha curiosa teoría de interpretación da cornamenta do cervo de Laxe dos Carballos, cal é?
- É unha teoría bastante interesante que di que está marcando un calendario de tipo lunisolar, mesturando o calendario luar e o solar, porque ten unha cornamenta de 15 astas en cada punta, que non é para nada natural, entón pode estar marcando outro tipo de relacións. Ademais, o que vén a a ser a crenza do cervo solar é bastante típica dentro da fachada atlántica europea durante algunhas épocas. Na propia cultura posterior celta, o propio Cernnunos [deus celta] tamén ten cornos. No mundo celta existe esa tradición do cervo que marca o inicio solar. Hai veces que os círculos concéntricos ou os labirintos se poden entender tamén dentro destas narracións, como símbolos do sol e da lúa. 

O que faciamos en Galiza de entender que os ciclos lunares tiñan que ver cos cultivos, cos peixes, etc. iso é en parte astroloxía, aínda que hoxe sexa unha ciencia completamente denostada.

- Tes un máster en Astronomía Cultural e Astronomía.
- É un máster da Universidade de Gales, e o que alí se estuda precisamente son as relacións que existían no pasado entre as sociedades pasadas e a astronomía, o que pasa é que falar de astronomía e de sociedades megalíticas, ou da propia Roma ou Grecia non se pode desligar da astroloxía, porque a astronomía é algo moi recente, provén da Idade Media, desde Copérnico, anteriormente os termos significaban o mesmo. De feito, en culturas non occidentais as palabras astronomía e astroloxía siguen sendo iguais. É que ao final o que faciamos en Galiza de entender que os ciclos lunares tiñan que ver cos cultivos, cos peixes, etc. iso é en parte astroloxía, aínda que hoxe sexa unha ciencia completamente denostada. No Máster estudabamos as orientacións dos monumentos en función dos astros, os ciclos de observación do ceo, os solsticios, etc. E como recrear o ceo pasado. En arqueoloxía ou en historia non podes recrear o territorio pasado, porque está moi modificado polo ser humano, sen embargo o ceo é igual. 

No Estado a astronomía cultural é unha disciplina incipiente, apenas existe.

- É unha disciplina pouco coñecida por estes lares.
- No Estado é unha disciplina incipiente, apenas existe. Desde hai poucos anos estase facendo algo no CSIC ou no Instituto Astrofísico de Canarias, pero pouco. É que aínda está moi relacionado tristemente con estudos non moi serios. 

- Nas culturas celtas máis, non?
- Si, no mundo británico isto ten moita máis tradición. Levan desde os anos 70 con estas inquedanzas. Que exista un máster dedicado a esta temática xa é indicativo, mentres que en todo o mundo hispano non existe nada semellante.