MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO

"A nosa nación precisa un cambio cultural enorme"

"A nosa nación precisa un cambio cultural enorme"

Profesora da UDC, autora de numerosas obras ensaísticas e de investigación e colaboradora de Sermos Galiza, María Pilar García Negro (Lugo, 1953) foi recoñecida pola AELG co premio “Escritora na súa Terra”, que recibirá en Lugo o 10 de xuño. Conversamos con ela sobre literatura galega e feminismo, sociolingüística ou didáctica.


-Non resulta común que se premie unha escritora pola súa traxectoria no xénero do ensaio e da investigación.

-Segundo me dixeron, a AELG deu a valer esta modalidade literaria, acompañada da condición feminina, e tamén co valor concedido a unha vontade continuada de moitos anos por socializar o valor irrenunciábel da lingua de noso, non só no ensino, senón abrindo o abano da forma máis ampla posíbel. O ensaio, na tradición literaria galega, é importantísimo e non por causalidade, xustamente porque nacemos, en toda a historia contemporánea, tendo que explicarnos, tendo que defender que somos unha patria e unha nación con dereito á permanencia no mundo e na humanidade.

Por tanto, aí hai unha carga didáctica, discursiva, apoloxética, xa desde Rosalía de Castro, nos ensaios que anteceden as dúas obras maiores, Cantares Follas novas, e esta vontade ten a ver cunha proclama da nosa propia existencia e da necesidade de evidenciala tanto para dentro como para fóra. Non é de estrañar, por estas razóns históricas, que exista toda unha continuidade, xa con moito afán alentada na literatura do primeiro terzo do s. XX e con presenza renacida a partir dos 60. Ora, eu non son máis que unha peza dun mosaico que debe medrar...

-Cal é a situación do ensaio? Cando menos a nivel certames e de edición non semella ter demasiada difusión.

-Hoxe partimos dunha situación bastante confusa. En xeral, hai unha determinación do capitalismo globalizado en que se desestiman por enteiro as humanidades e se concebe a literatura como algo inútil ou ornamental, non sendo a dos intelectuais orgánicos e comercialmente rendíbeis. No noso caso, isto dobremente determinado ou condicionado polo imperio do español co auxiliar do inglés.

Por tanto, nese esquema, nós, galegos e galegas, con vontade de permanencia e de normalización da nosa lingua e exteriorización da nosa cultura, pintariamos moi pouco ou mesmo nada. Mais hai un outro factor, unha pulsión nos últimos tempos moi forte de individualismo, de presenza pública, de ver o nome impreso, haxa algo que dicer ou non. Aí o ensaio pode resentirse aínda máis porque, por ruín que sexa, precisa dun traballo previo de documentación, de consulta bibliográfica e, desde logo, de coñecemento de todas as fontes relevantes realmente excelsas que ten a nosa tradición literaria.

Dáme a impresión de que nunha parte grande da chamada literatura de creación actual galega hai unha grande ignorancia da historia literaria, que é explosivamente boa e valiosísima, hai un descoñecemento grande desa tradición. Insisto, non xulgo, é a miña impresión. Hoxe non está de moda o ensaio, que é pensamento, discurso reflexivo, oferta de elementos para un debate, interpretación, e risco nesa interpretación. E iso non interesa porque hoxe é o que se impón, nunha forma omnímoda, é ese pensamento único de que se falaba hai tempo.

O ensaio requere de valentía, argumentos, non argumentarios, e iso non está na moda. Hai moito lareta e moito lingoreta, dito con palabras nosas moi expresivas, pero, despois, valentía para diverxer, para se afastar de dogmas ou supersticións impostas, moita non vexo. Hai que abrir as fontes de leitura. No caso de Galiza, da literatura galega ou do panorama bibliográfico, se non temos en conta o producido, e todo o que supuxo de incremento para o avanzo do coñecemento, por parte de asociacións culturais, da ASPG, de semanarios como este,de organizacións políticas, do nacionalismo galego... se non se abre ese abano, se nos cinximos a ler só no ámbito académico e se o reducimos ao universitario, e a só unha universidade –e xa sabemos a cal me refiro- entón o resultado desa metonimia é absolutamente sectario e pobre, porque non se ten en conta o realmente producido.

-Concédenche o premio apenas uns días antes do Día de Rosalía, epicentro das túas investigacións literarias. Que vixencia ten a súa obra?

-Tena toda e cada vez máis. A min admírame sempre e non canso nunca de reler pezas dela que sempre me levan a concluír que soubo moito máis de nós, das galegas e dos galegos, e mesmo da humanidade, do que nós chegaremos a saber dela. Iso é porque nesta grande escritora conflúen de xeito invulgar varias cualidades: un enorme talento artístico; unha gran cultura, non só formal, libresca, en literatura, filosofía e historia, senón empírica, dun intenso coñecemento do país e das súas xentes; un patriotismo galego unívoco, e unha vontade até o fin dos seus días de manter sempre ergueita a bandeira do amor e defensa deste país, a pesar de que el non lle ofereceu nunca en copa dourada a gloria que ela merecería, como escrebeu Wenceslao F. Flórez.

Moitos fenómenos que non fixeron máis que aumentar, como a dependencia da Galiza a respeito do Estado; a crítica profunda que ela fai da burguesía como clase social ascendente e do seu arsenal de novas imposicións e dogmas; o sexismo; a cousificación das mulleres; o individualismo egoísta... todo ten unha actualidade extrema. E despois, en todo o que é a súa lírica, a modernidade é absoluta. Hoxe falan algúns da hibridación de xéneros literarios, mais se ela xa o practica desde o principio! Fálase da creación dun novo suxeito feminino e iso está nela. Ela dálle unha volta completa á épica tradicional de heroe individual masculino, cuase divino e redentor das masas: o suxeito é colectivo; o protagonismo, feminino; as clases sociais dignificadas son as traballadoras e con preferencia pola maioría social feminina. E tamén é pioneira nunha ruptura da preceptiva métrica.

-Dis que o país non lle deu a gloria que merecería. Está o suficientemente recoñecida?

-Non, estao en termos simbólicos e afectivos. A primeira exposición sistemática do feminismo rosaliano está na tese de doutoramento de Francisco Rodríguez, defendida e publicada en 1988, e, ademais, a primeira análise sistemática de toda a súa obra. Xa en 1980 e 1985 (centenario da súa morte), editamos un cartafol de difusión masiva: “Rosalía de Castro, a primeira feminista da nación galega”. Hoxe ninguén cunha mínima solvencia dubida dese feminismo da autora por moito que sexa incluída ou non na serie de mulleres destacadas no s. XIX. Ese avanzo no coñecemento si que se produciu.

"Para os poderes hoxe dominantes, en coñecéndoa ben, Rosalía é intragábel"

Da súa radicalidade tamén se fala hoxe con toda naturalidade, cando hai 35 anos eramos catro, mais ao que me refiro, máis que a recoñecemento, é á falta coñecemento directo da súa entraña verdadeira, e isto só o dá a obra lida penetrando na súa intención e ruptura. Para os poderes hoxe dominantes, en coñecéndoa ben, Rosalía é intragábel, como foi para os poderes de seu tempo. Non cabe, non sendo rompéndoo, no marco actual. Unha persoa que, en terras castellano-españolas, no fin da súa obra, di que se sente estranxeira e ousa definir o agresor... Até ela iso non se fixera con esa clareza e contundencia. Vixencia tena toda.

-Outra das túas facetas como escritora ten a ver coa sociolingüística. Cal é o diagnóstico do galego na actualidade?

-En simil telefónico, coa batería fraca. Temos 17-17, é dicir, 17 anos do século pasado desde que se promulga a Lei de Normalización Lingüística e 17 deste século, por tanto, tres décadas longas. Aquela lexislación era xa moi “temerosa de Deus”, axustada á forza a un marco antigalego, o determinado pola Constitución española e o seu fillo, o Estatuto: regular, tolerar o que se determina como dereito e conceder dereitos a condición de non os exercermos. A política oficial dedicouse a un control estrito desta regulación, desta admisión absolutamente limitante.

Non habendo, por tanto, unha política favorábel á implantación e á expansión gradual do galego no ensino, na administración, igrexa, xustiza, meios de comunicación... confírmase o que tiñamos xa analisado: a realidade lingüística nunca é unha foto fixa; se non hai avanzos normalizadores, hai moito máis progreso do dominante, o español. E iso recae sobre unha sociedade cunha baixa autoestima, con moitos preconceitos. Esa é a grandísima crise en que estamos hoxe e de aí deriva un descenso de falantes, por morte directa de falantes iniciais e porque non se practicou a reintegración no galego de quen ten o español como lingua inicial. A situación é, pois, agudamente crítica.

"Endexamais falarei de desaparecemento da lingua, pois Murguía, predicalo é xa inicialo"

 

Endexamais falarei de desaparecemento da lingua, pois para Murguía, predicalo é xa inicialo. O que seguimos a observar é represión directa do idioma no ámbito laboral, por exemplo, e exclusión xeneralizada de moitísimos ámbitos sociais e públicos. Quen pensar que a lingua se pode retirar dunha conciencia afectivo-patriótica, eu coido que non entenderá nada. O moderno é o galego. Hai que revirar ese autodesprezo inoculado como droga durante centos de anos e hai que tomar conciencia de nós mesmos e exteriorizar a lingua, poñela en práctica. Se falamos e escrebemos en galego estamos proclamando que somos galegas e galegos. E o que medrou moito son os capataces internos que aínda intensifican ese labor de destrución. A respeito da mínima lexislación favorábel, cabe falar sen máis de prevaricación gobernamental.

-Tes escrito en relación á didáctica da lingua e literatura. En O ensino da língua. Por un cambio de rumo publicado con Xoán Costa e editado pola ASPG en 1995, defendes que a través do texto literario podemos explicar practicamente todo.

-É extremadamente útil. Contamos cunha arte literaria magnífica, moi amena, moderna. Temos o caso de Castelao, unha fonte inesgotábel de suxestións. Tendo ouro, que sentido ten utilizar purpurina? Dispondo dese tesouro enorme na nosa man, collámolo e a partir de aí a lingua vai quedar mellor absorbida e conectada á historia do país.

A vella pedagoxía, que eu penso que é modernísima, sempre falaba de que a boa profesora ou profesor debería contaxiar o público escolar do seu coñecemento e paixón para que o alumnado os faga seus e a partir de aí se dea unha bilateralidade positiva. Se practicarmos a metonimia perversa de facer equivaler lingua a gramática, gramática a ortografía, e ortografía a normativa, pois entón... despidámonos de calquer entusiasmo ou adhesión.

-Outro aspecto que tamén se premia é o teu labor como escritora de artigos de opinión, un ámbito en que as mulleres estamos infrarrepresentadas.

-Eu supoño que a esta altura xúntanse dous factores: a non ruptura dunha tradición que supuxo un monopolio masculino e tamén existe probabelmente unha menor vontade de participación feminina. Do punto de vista da problemática das mulleres, complexa, e súa exteriorización, Sermos merecería un alto premio. Pola miña experiencia como leitora, o subxénero xornalístico de opinión é utilísimo. Un bon artigo requere coñecemento, estilo e, sobre todo, ter moito en conta o motivo escollido, con interese transpersoal.

-Es a presidenta da federación de asociacións culturais Galiza Cultura. En que estado se atopa?

-Queremos neste ano revitalizala na dirección de iniciativas nacionais. Por exemplo, interesa contemplar a un máximo posíbel a obra de Castelao, independentemente dunha exposición temporal que se lle dedique, ou potenciar certas efemérides de valor histórico que axuden a podermos coñecer as fontes directas, primarias. Permítesenos ser dunha aldea, concello, lugar, bairro..., pero obrigadamente temos a única nacionalidade imposta e permitida que é a española, e a identidade real que nos vincula a todas e a todos é a que fica sepultada ou ignorada. No sentido amplo do termo cultura, esta nosa nación precisa un cambio cultural enorme.

[Esta entrevista viu a luz no número 235 do semanario Sermos Galiza, publicado o 23 de febreiro de 2017]