O noso teatro: algo máis que unha esperanza

O noso teatro: algo máis que unha esperanza
Estatuta de Ánxel Fole en Lugo
Estatuta de Ánxel Fole en Lugo  

O 26 de abril de 1936 El Pueblo Gallego publica un artigo de Anxel Fole titulado “Auge y vigor de la Galleguidad”. Visualmente na páxina prevalece, á esquerda, unha información sobre a xornada eleitoral do vinte e seis de abril e máis á dereita un retrato de Solís, seguido dun texto de lembranza sen sinatura, que rememora o noventa aniversario dos mártires de Carral:

“Noventa anos xustos -cantas novas inxustizas, desde aquela, baixo o ceo de Galiza?- que se consumou a traxedia de Carral. Alí ... caeron baixo o chumbo do absolutismo os primeiros mártires das liberdades de Galiza.”

O texto de Fole está situado xusto debaixo do retrato de Solís. “Tal día de abril, unha imborrábel emoción lexitimou a esperanza dun venturoso futuro para Galiza” escribe Fole. O concepto de “Galeguidade” que subxace no artigo de Fole é o mesmo que dez anos atrás, en marzo de 1926, desenvolve Vilar Ponte nas mesmas páxinas de El Pueblo Gallego nun artigo titulado La importancia de la galleguidad. Trataríase dese elemento similar á catalanidade e castelanidade que, sumados coa lusitanidade e a galeguidade, voces todas que conformarían “o grande acorde maior que aínda nunca puido soar no mundo como expresión musical da alma enteira da Península”.

Captura de pantalla (61)

Continúa Fole facendo un repaso, de memoria, polas representacións teatrais activas naqueles días: En Navallos, nas Ribeiras de Piquín, un grupo de rapaces prepara a representación de Nouturno de vida e morte; en Monterroso e no Incio están a ensaiar O Mariscal e Almas mortas, de Vilar Ponte. Hai meses que en Rianxo un grupo de mariñeiros ensaia textos de Dieste. Por fin o noso teatro é algo máis que unha esperanza, exclama Fole que, a seguir, fala dun grupo de escritores “apenas coñecidos pero esplendidamente dotados” que se chaman Díaz Jácome, Marinhas del Valhe, José Velo, Emilio Ferreiro ... Mostra evidente, di, de que “a galeguidade” do pobo avanza, e non só por estas mostras literarias mais tamén pola toma de conciencia que supón que “repetidas veces unha multitude fervorosa entoa o Himno Galego”.

Tres meses despois esa esperanza ficou truncada e aquel grupo de escritoras e escritores tiveron que enmudecer. E o peor é que 80 anos máis tarde o teatro galego que podemos ver é, posibelmente, menos do que en 1936.



x