CRÍTICA DE CINEMA

'Nosoutros', por Andrés Castro

'Nosoutros', por Andrés Castro

Adalaide Wilson volve á casa onde adoitaba pasar as vacacións estivais de pequena cos seus pais. Agora ela está casada e é nai de dous fillos. Tras un intenso día de praia comezan aparecer vellos recordos dun suceso que marcou a súa infancia, un suceso que ten moito que ver coa presenza de catro estraños que aparecen no medio da noite fronte á porta da casa.


Na súa segunda longametraxe como director (produtor e guionista), Jordan Peele retoma a senda tenebrosa do terror psicolóxico que tan ben lle funcionou no seu debut como director de cinema en Déixame saír, filme que lle proporcionou, entre outros recoñecementos, un Óscar a Mellor Guión Orixinal. Como daquela, segue a colocar a familia no epicentro para desenvolver unha trama escura e opresiva chea de suspense, sorpresas e xiros inesperados.

Lupita Nyong’o (Óscar a Mellor Actriz Secundaria por 12 anos de escravitude) interpreta a Adelaide Wilson, unha nai casada e con dous fillos que decide pasar as vacacións na casa na que veraneaba cos seus pais cando era pequena. Un terríbel suceso que lle aconteceu de nena fai que reaparezan as pantasmas e os medos infantís. De súpeto catro estraños axexan no exterior. Algo terrorífico está a piques de acontecer... E até aquí podo ler.

Nosoutros é desas películas ás que é preferíbel acudir sen saber moito do asunto. Xa sabedes: “o número de spoilers é inversamente proporcional á calidade do filme”. Basta con saber que ao longo do filme veñen á cabeza ecos de O resplandor, Funny Games, It Follows, Invasores de Marte ou A invasión dos ultracorpos. Apostas seguras para calquera amante do xénero.

A proposta inicial apunta a filme de terror puro e duro, mais Jordan Peele non deixa puntada sen fío e non abandona a súa marca da casa: os “filmes cebolas”. Filmes que son máis do que aparentan cheos de capas que debemos quitar para chegar ao eixe da historia. Nesta ocasión deixa entrever varias cuestións: que é o que fai realmente ao ser humano ser como é? É a xenética determinante? O entorno? Nacemos? ...ou facémonos?

Unha achega moi estimulante que perde algo a frescura con respecto a Déixame saír. En troques, conta cun desenlace moito máis traballado e cun guión máis complexo onde todo semella encaixar á perfección... ou, cando menos, está xustificado a través das actitudes, accións ou detalles para nostálxicos (os anos 80 van estar omnipresentes directa e indirectamente). Malia que, por momentos, haxa que facer un pequeno esforzo para deixarnos levar por unha arrevesada historia que, a cada minuto, se vai facendo máis e máis incríbel, se entramos no xogo e nos deixamos levar, a diversión estará asegurada.

Peele acumula bastantes papeletas para se converter nun referente do xénero. Consolida en Nosoutros un estilo moi particular e (xa) recoñecíbel a pesar de contar só con dúas longametraxes no seu haber. Un estilo que aglutina xéneros e referencias nun conglomerado que mestura terror psicolóxico, crítica social, relacións humanas, suspense, humor e moita cinefilia... Un cóctel irresistíbel.

Nosoutros

Us

(EUA 2019, 116 min.)

Dirección e guión: Jordan Peele

Fotografía: Mike Gioulakis

Música: Michael Abels

Elenco: Lupita Nyong’o, Winston Duke, Elisabeth Moss, Sahadi Wright Joseph, Evan Alex, Tim Heidecker, Madison Curry, Yahya Abdul-Mateen II, Anna Diop