HOMENAXE AO ESCRITOR O 3 DE NOVEMBRO EN LUGO

Nostalxia de Isidro Novo

Nostalxia de Isidro Novo
O escritor Isidro Novo. Foto: cedida.
O escritor Isidro Novo. Foto: cedida.  

A súa morte repentina o pasado febreiro deixou un oco na literatura galega. A obra de Isidro Novo, poeta, narrador que se interesou por xéneros populares como o western e a ciencia ficción, colaborador de Sermos Galiza e defensor da tradición oral, foi múltiple. Como múltiples as adhesións á homenaxe que, na súa lembraza, decorrerá en Lugo o sábado 3 de novembro.
 


A comisión organizadora, da que os escritores Lois Pérez e Antonio Reigosa exercen como portavoces, conta coa colaboración da Asociación de Escritoras en Lingua Galega (AELG) e máis do Concello de Lugo, cidade onde naceu o autor en 1951 e onde residía á súa morte.

Isidro Novo homenaxe

Así, o programa homenaxe comezará ás 10.30 horas no auditorio do Vello Cárcere cun faladoiro arredor do seu traballo literario. José Luis Calvo elaborará un “retrato robot” de Novo. A Freixeiro Mato corresponderalle expoñer o seu traballo lexicográfico con Isidro Novo no ronsel das palabras fuxidías. Yago Rodríguez ocuparase da narrativa e Marica Campo disertará sobre a poesía do homenaxeado.

A mañá pechará a partir das 12.15 horas cunha mesa de lembranzas compartidas “alén da escrita” e na que participarán o narrador Paco Martín e os poetas Darío Xohán Cabana, Cesáreo Sánchez Iglesias e Xosé Henrique Rivadulla Corcón. Moderarán Reigosa e Pérez. Quince minutos antes das dúas do mediodía, na céntrica rúa Bispo Aguirre, descubrirase unha “placa-homenaxe”.

Xa de tarde, de novo no Vello Cárcere a partir das 17.30 horas, será a quenda da poesía. Dezaseis poetas lerán as súas composicións: Xoán Neira, David Otero, Xosé Lois García, Lois Diéguez, Toño Núñez, Alberte Momán, Xoán Xosé Fernández Abella, Martiño Maseda, José Blázquez, Joaquín Carballido, María Xosé Lamas, Paco Reija, Sánchez Iglesias e Luís Valle.

A música de Tundal, Minhotos e Pilocha porá o ramo á xornada.