FEIRA DAS INDUSTRIAS CULTURAIS

A nova edición do Culturgal fará unha reestruturación “profunda” de espazos e contidos

A nova edición do Culturgal fará unha reestruturación “profunda” de espazos e contidos
Apresentación da XII edición do Culturgal
Apresentación da XII edición do Culturgal  
A XII edición do Culturgal, a feira das industrias culturais da Galiza, regresará ao Pazo da Cultura de Pontevedra cunha "reestruturación profunda" dos espazos expositivos e os contidos que conforman a programación. A feira apresentouse na cidade do Lérez e abrirá as súas portas do 29 de novembro ao 1 de decembro.

O Pazo da Cultura de Pontevedra volverá acoller a feira das industrias culturais da Galiza, o Culturgal, desde o 29 de novembro ao 1 de decembro. O grande evento, apresentado esta cuarta feira 31 de xullo na cidade do Lérez, chegará á súa XII edición após realizar unha "reestruturación profunda" dos espazos expositivos e os contidos que conforman a programación, segundo destacou o seu director, Xosé Aldea.

Coa idea encamiñada cara a mellorar a circulación no recinto feiral, estrearase un novo sistema de montaxe e, para que sexa unha feira "máis flexíbel e actual", as paredes modulares substituiranse con separacións de policarbonato que ofrecerán unha imaxe "máis  translúcida", de modo que se poida "fomentar o contacto humano, tamén entre empresas e proxectos", sinalou Aldea na rolda de prensa quen que se apresentou o Culturgal.

Outra das novidades da feira que adiantaron será a "gran incorporación" da cultura interactiva á programación, coa participación de "entidades con alto compoñente tecnolóxico" dedicadas á creación de videoxogos, aplicacións e realidade aumentada. Para Xosé Aldea, a relación entre a tecnoloxía e os produtos culturais é "un dos retos da cultura galega hoxe en día".

A nova edición pretende consolidar o espazo de arte contemporánea, comisariado por Paula Cabaleiro, que se suma ao espazo familiar, o foro, o espazo libro e o audiovisual, aínda que as aulas do Pazo da Cultura permitirán "expandir a programación" ao acoller tamén charlas e outras actividades.

O director de Culturgal anunciou que xa se abriu o prazo para que as empresas poidan contratar as súas casetas e enviar propostas de contidos -tamén por parte de persoas a título particular- para a programación, que volverá roldar as 130 actividades nos tres días de duración da feira.

Aldea sinalou que o orzamento mantense ao redor dos 170.000 euros, dos cales o 65 por cento corresponde a financiamento público e o 35 por cento restante á achega das empresas.

Os prezos de acceso á feira serán de 3 euros para as persoas adultas, 2 euros para as crianzas e haberá abonos familiares. Así mesmo, Aldea anunciou que aumentará o número de cidades desde as que haberá autobuses que se despracen até o recinto do Culturgal.

No acto de apresentación tamén participaron o director de Agadic, Jacobo Sutil, e a deputada provincial de Cultura, Vitoria Alonso. Ambos salientaron a aposta da Xunta e deputación por crear e difundir cultura.

A concelleira de Cultura de Pontevedra, Carme  Fouces, coincidiu en que o Culturgal contribúe a "construír o relato da nosa historia e do que somos", incidiu, polo que reivindicou que Pontevedra siga sendo "o epicentro e a vangarda da cultura galega".

O presidente da Asociación Culturgal, Víctor López, confiou en que os cambios "estéticos, de circulación e de espazos" que se van a realizar atendendo as "suxerencias" do público e dos expositores, sirvan "para que o público se sorprenda unha vez máis".