VERSIÓN DE 'A SANTIAGO VOY' E DOCUMENTAL CON LOIS PATIÑO

Novedades Carminha levan Pucho Boedo á cumbia psicodélica

Novedades Carminha levan Pucho Boedo á cumbia psicodélica
Presentación do 'Espírito de Pucho Boedo' no Festival Curtocircuíto de Compostela este 6 de outubro. Co micro, o director do festival Pela del Álamo. Sentados, o cineasta Lois Patiño e os membros de Novedades Carminha e Esteban & Manuel. Foto: Curtocircuíto.
Presentación do 'Espírito de Pucho Boedo' no Festival Curtocircuíto de Compostela este 6 de outubro. Co micro, o director do festival Pela del Álamo. Sentados, o cineasta Lois Patiño e os membros de Novedades Carminha e Esteban & Manuel. Foto: Curtocircuíto.  

Hai anos, Xurxo Souto teorizou sobre Los Tamara como avanzada da denominada world music. Os de Pucho Boedo e Prudencio Romo, activos durante un cuarto de século desde finais dos 50, visitaron territorios soul, bolero, danzón, baladas, canción lixeira. Con A Santiago voy, talvez o cimo da súa popularidade, estabeleceron o himno oficioso do galego emigrante. Novedades Carminha, trío compostelán, veñen de rexistrar a súa lectura do clásico á luz da cumbia psicodélica.
 


A canción será o avanzo do seu quinto disco. Este sábado presentárona en Santiago de Compostela dentro da programación do Festival Curtocircuíto. Porque ademais da versión, en que colabora o dúo Esteban & Manuel, os Carminha protagonizan un documental dirixido por Lois Patiño. O espírito de Pucho Boedo ateigou o Teatro Principal, que asistiu ao rexistro cámara en man da gravación de A Santiago voy nos estudios La Mina de Sevilla.  

“Nunca amosáramos así a nosa intimidade”, explicou no coloquio posterior Carlos Pereiro, Carlangas, guitarrista e voz da banda. O filme asómase ás costuras da versión. Grava disertacións dos músicos sobre o crooner Boedo ou sobre as diferentes modalidades da cumbia como ritmo global. Levanta acta da artesanía da repetición e do ensaio-erro a partir do que se constrúen as cancións en estudio.

Patiño, premiado autor de obras como Costa da Morte en que o plano longo e fixo centra a linguaxe, modificou a súa escritura para esta peza. Así o explicou ao público do Principal. Case cinema de guerrilla -rodado en tres días de convivencia cos músicos, montado en catro-, é ao tempo unha homenaxe aos autores de A Santiago Voy. Porque máis alá do folcore de orquestra, Los Tamara foron pioneiros en cantar pop en galego, vestiron de elegantes arranxos poemas de Curros Enríquez, serviron de educación sentimental para varias xeracións.

“Non pode soar a broma”, vén advertir Carlangas na mesa de mesturas. Nos tempos mortos de La Mina, os Novedades Carminha e mais Esteban & Manuel -dúo tamén compostelán especialista en cumbias e cuxa carreira despega a gran velocidade- ven vídeos de Boedo. Este canta na TVG poucos meses antes de morrer, ou é sometido á investigación de Xurxo Souto no documental Un crooner na fin do mundo (2003). É xusto cando a outra cara de historia se entremete no Espírito de Pucho Boedo. Antón Patiño Regueira, avó de Lois, relata a Souto a súa participación na fuga de republicanos despois do golpe fascista de 1936. Entre eles, os irmáns de Boedo. Manuel Rivas afirma que, cando este canta, a dor emerxe na súa voz. Como un blues, ao cabo. Os Carminha e os técnicos -andaluces- escoitan atentos.

Pero estes traducen A Santiago voy ao seu particular, suave, post punk filtrado por músicas de baile. Neste caso, á cumbia psicodélica. Aqueles Novedades Carminha que iniciaron o seu traxecto hai dez anos e catro discos como maquinaria punk son hoxe unha banda para danzar. E A Santiago voy, o seu tributo á cidade e unha celebración do ritmo. Que O espírito de Pucho Boedo captura en construción.



x