PRIMEIRA TRADUCIÓN DE PHILIP K. DICK

A novela que inspirou 'Blade Runner' publícase en galego

A novela que inspirou 'Blade Runner' publícase en galego
Fotograma de 'Blade Runner' (1982), o filme de Ridley Scott inspirado na novela 'Soñan os androides con ovellas eléctricas?', de Philip K. Dick. Imaxe: cedida.
Fotograma de 'Blade Runner' (1982), o filme de Ridley Scott inspirado na novela 'Soñan os androides con ovellas eléctricas?', de Philip K. Dick. Imaxe: cedida.  

Aínda que en vida non foi un escritor excesivamente recoñecido, sobre todo en comparación coa súa fama póstuma, Philip K. Dick é un dos autores máis influentes na literatura contemporánea de varias linguas. A súa ciencia ficción paranoide con recado humanista, político, chega agora ao galego coa tradución de Soñan os androides con ovellas eléctricas?, a novela que inspirou o filme Blade Runner (1982).


soñan os androides cuberta

O libro, orixinal de 1968 e traducido para Faktoría K por Fernando Moreiras, relata un planeta Terra “devastado por unha guerra nuclear e cuberto por unha nibe radioactiva”. O escenario é apocalíptico, e ao tempo de historia alternativa, dúas paisaxes polas que Philip K. Dick (Chicago, USA, 1928-California, USA, 1982) se movía a miúdo na súa extensa obra. 

Na narración de Soñan os androides con ovellas eléctricas?, ambientada en San Francisco (USA), a vida artificial e a vida humana fúndense e confúndense. O seu protagonista, Rick Deckard, é un cazarrecompensas dedicado á procura da retirada de androides, os célebres replicantes. Na película, dirixida por Ridely Scott e convertida en peza de culto da ciencia ficción negrofilosófica, o personaxe interprétao Harrison Ford.

O revalorizado labor literario de Philip K. Dick inclúe novelas como O home no castelo (1962), Ubik (1968) ou Unha ollada á escuridade (1977), ademais dos seus igualmente celebrados relatos curtos.