As novísimas da poesía galega, reunidas no volume 'No seu despregar'

As novísimas da poesía galega, reunidas no volume 'No seu despregar'
Presentación de 'No seu despregar' o pasado sábado en Compostela. [Foto: Carlos Rey]
Presentación de 'No seu despregar' o pasado sábado en Compostela. [Foto: Carlos Rey]  

O pasado sábado presentouse en Compostela 'No seu despregar', unha antoloxía que reúne as voces máis novas da poesía galega, sen etiquetas, sen trazos xeracionais pero tamén sen complexos e sen  corsés. 


'No seu despregar' son 18 autores e autoras que naceron entre 1985 e 1997. No volume, publicado por Apiario, podemos atopar poetas xa recoñecidos e con obra publicada como Gonzalo Hermo, Rosalía F. Rial ou Ismael Ramos, entre outros, aínda que tamén novos valores curtidos en fanzines, blogs ou na propia revista Dorna. E un caído en combate, Fran Cortegoso, finado o pasado outubro. 

Elas e eles son, por orde alfabética: Afonso Traficante, Afra Torrado, Alba Cid, Alicia Fernández, Antón Blanco, Celia Parra, Francisco Cortegoso, Gonzalo Hermo, Helena Salgueiro, Ismael Ramos, Jesús Castro, Lara Dopazo, María Vilas, Noelia Gómez, Olalla Tuñas, Paula Antía Rey Baliña, Rosalía Fernández Rial e Tamara Andrés. 

Antía Otero: “Estamos ante autores que forman parte das xeracións mellor preparadas que tivemos nunca que non están atopando os lugares que lle son lexítimos en relación á súa calidade”

Como xornalistas que somos buscamos unha traza común, unha etiqueta para os nomear, até que nos demos de fuciños coa realidade en forma de editora, Antía Otero, que negou a maior: “No seu despregar' nace como unha idea de recompilación, de antoloxía, non con ningunha vontade de etiquetar. O propio título refírese a iso tamén, como unha idea de despregable, de mostra. No texto das editoras falamos precisamente disto. Creo que son autores que comparten un tempo, seguramente un espazo e seguramente uns referentes, unha ollada ou non. O único é que hai é un marco cronolóxico, pero non hai máis”.

E abonda: “Este libro, desde logo, non quere marcar unha xeración. Nace como unha mostra de cales son eses novos impulsos na escrita, pero sen vontade de xerar ningún nome nin etiqueta. É máis, nace con outra vontade, de que sexa o lector/a quen descubra os vasos comunicantes entre eles, que os hai”.

Antía Otero: “Eu creo que agora se está recoñecendo, pero a tradición literaria potentísima vén de atrás. E non falo só do caso de Gonzalo, falo dunha literatura, dun sistema literario”. 

A respecto da escolla das autoras e autores, Otero afirma que “non queriamos antologar só autores que tivesen premios e que neste momento poden soar máis, senón tamén aqueles outros que nós sentimos que están agromando e que non teñen aínda obra individual publicada, pero que fan un traballo exquisito e xenial en fanzines, blogs, nas redes... Tamén por iso non queremos falar de xeración. Non queremos etiquetar para nada nin encorsetar outras maneiras de facer. Dito isto, creo que estamos ante autores que forman parte das xeracións mellor preparadas que tivemos nunca, que non soamente eles, que non están atopando os lugares que lle son lexítimos en relación á súa calidade. Pero tamén os hai que si, que xa están a ser recoñecidos”. 

Un bo exemplo de recoñecemento é Gonzalo Hermo, que acadou o Premio Nacional de Poesía Xove Miguel Hernández. “Con casos como o de Hermo os premios veñen colocar o foco nalgo que xa estaba ocorrendo”, explica a responsable de Apiario. “É que ás veces esquecémonos disto e cremos que algo xurde da nada, e non é así. Hai moito traballo por detrás. Eu creo que agora se está recoñecendo, pero a tradición literaria potentísima vén de atrás. E non falo só do caso de Gonzalo, falo dunha literatura, dun sistema literario”. 

Preguntada polas diferenzas desta xeración coa anterior, Otero considera que “para min a xente que escribe agora está moito menos encorsetada, moito menos acomplexada, que cren moitísimo máis no que fan, e cunha altísima calidade. Pero sobre todo esa idea de que non teñen corsé nin o queren. Creo que as voces deben ser individuais, compartes un tempo físico e non significa que sexas igual que o teu compañeiro. Non quere dicir nada que nazas parello a alguén. Por iso nos gustou a idea de despregar. Interesanos moito a idea non xerárquica, a idea transversal do despregable, coma quen desprega un mantel nunha mesa e séntanse todos a comer. E non hai postos de mellores nin peores e xenéranse sinerxias entre eles. Esa é a vontade deste libro. Non é a de buscar unha etiqueta en ningún caso”.