Un novo proxecto cultural ofrece viaxes pola historia e a cultura a través do territorio

Un novo proxecto cultural ofrece viaxes pola historia e a cultura a través do territorio
Bóveda
Bóveda  

Pódese coñecer a historia galega a través de viaxes pola xeografía? A Asociación Cultural A Pomba do Arco coida que se pode e por iso bota a andar o programa “Descubre Galiza. Viaxa con nós pola historia, a cultura e a xeografía do país”, un singular proxecto para difundir a nosa historia de maneira lúdica. 


Cada unha das etapas será visitada por medio dunha aula sobre cada período histórico, a lectura de textos sobre a época e unha excursión relacionada co tema tratado. Serán máis de 2000 anos de historia polos que se viaxará a través da Idade Antiga, a Alta Idade Media, a Baixa Idade Media, a Idade Moderna e a Idade Contemporánea visitando o mundo castrexo, a romanización, o Reino, o Priscilianismo, os Suevos, Os Irmandiños, Pardo de Cela, os século escuros, a colonización, os Provincialistas, Rosalía, Curros ou Manuel María, como figuras e fitos históricos relacionados de maneira especial cos territorios visitados. 

O programa comezará cun percorrido pola Idade Antiga con aulas de Marcos Loureiro e o historiador Anselmo López Carreira coa visita ao Castro de Vilalonga, a Santalla de Bóveda do século IV e á Casa Museo de Manuel María. A segunda visita dirixirase á Igrexa Sueva de Santa Comba de Bande (S VI), ao Mosteiro de Celanova coa vinculación con San Rosendo, Bispo que foi de San Martiño de Mondoñedo e ás orixes do reino de Galiza e rematará na Casa dos Poetas de Celanova, coa evocación de Curros. Unha viaxe a Betanzos, para coñecer a fidalguía e a figura de Antolín Faraldo que rematará en Pontedeume, terra dos Andrades e Roi Xordo para se atopar cos Irmandiños será o traxecto pola historia da terceira xornada do programa. Os séculos escuros serán motivo da cuarta xornada coa visita ao Mosteiro de Samos e ás terras de Fiz Vergara Vilariño en Loúzara. O programa rematara co achegamento á época contemporánea coa visita ao Padrón de Rosalía, berce tamén do primeiro camiño de ferro financiado polo capital inglés, o Rianxo de Castelao, Manuel Antonio e Dieste para finalizar no grande mirador de Galiza no monte da Curota. 

 As viaxes comezarán en novembro e terán carácter mensual. Para participar é preciso reservar praza no 606630113. “Trátase de seguir todo o proceso da nosa historia nacional desde o convencemento que só o coñecemento da mesma é esencial para querer e valorar o País”, defenden desde A Pomba do Arco.