Numax, Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo 2015

Numax, Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo 2015
numax
numax  

Meses despois de que conseguiran que o cine volvera ao centro de Santiago, NUMAX vén de recibir o Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo concedido pola Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Xunta. 


Cinema, unha libraría e un laboratorio de deseño, comunicación e produción audiovisual. Todo iso é NUMAX, a cooperativa cultural que vén de recibir o Premio ao Mellor Proxecto Cooperativo 2015 que concede a Consellaría de Traballo, a través da Subdirección Xeral de Cooperativas e Economía Social da Xunta de Galicia,

 Desde a cooperativa, promovida por Ramiro Ledo, Irma Amado, Pablo Cayuela e X. Carlos Hidalgo ademais de Margarita Ledo, dedícanlle o premio a todas as persoas que se moven arredor dun proxecto que conseguiu volver o cine en pantalla grande ao centro de Santiago, despois do peche de todas as salas comerciais da cidade. “Ás persoas avalistas, abonadas, a aquelas que enchedes o Cinema, mercades na Libraría ou nos encomendades traballos no Laboratorio, a quen nos destes e dades ánimo, soporte e apoio de tan distintas maneiras. A quen, en definitiva, vides por NUMAX, entrades e saídes, falades connosco e facedes deste proxecto algo vivo e polo que paga a pena seguir traballando”, sinalan a través do seu facebook no que deron noticia do premio que recibirán o vindeiro 4 de xullo e que está dotado con 5.000 euros. 

Un espazo composto por sala e libraría e situado en pleno centro de Santiago -ao pé da sala Capitol- converteuse na única sala independente e privada de Galiza, con actividade diaria e proxección de películas en versión orixinal ou subtituladas. 

Canda NUMAX, na convocatoria da Consellaría de Traballo foi recoñecida a Sociedade Cooperativa Galega Zocamiñoca como proposta de premio aos valores cooperativos e Amarelante, como promoción do cooperativismo.