FRANCISCO SAMPEDRO, FILÓSOFO

“Nunca se pode identificar unha nación cun sentimento”

“Nunca se pode identificar unha nación cun sentimento”
Francisco Sampedro
Francisco Sampedro  

Filósofo destacado, ademais de tradutor, vén de publicar en Laiovento o seu quinto ensaio, 'Figuras da finitude', no que fai unha reflexión sobre a morte e a conciencia da finitude. Escrito en parte durante unha estadía nunha residencia de escritores, Sampedro traza ademais as derivadas políticas de sabérmonos mortais. 


- O mesmo Alain Badiou recomendoulle non traballar sobre a morte e aínda así vostede teimou... 
- Si, díxome textualmente “pase páxina, diso non hai que falar”, pero é un proxecto que tiña en mente hai moito tempo, que tiña adiado moitas veces, e ao final o propio Badiou, no seu último libro -aínda sen publicar pero ao que tiven acceso- tamén trata da finitude. E, ademais, tres anos despois de dicirme que iso non pagaba a pena, deu unha conferencia en Burdeos no que a morte era un tema central. 

- Para vostede por que era tan importante o tema?
- A finitude sempre foi unha cuestión central en toda a historia da filosofía. Había varias liñas diferentes á hora do seu tratamento, pero simplificando hai dúas diferentes e antagónicas. Unha que sucumbía dalgún xeito á tentación de primar a morte sobre a vida, de facer o centro da existencia humana na finitude, e outra, todo o contrario. Precisamente a liberación do home pasa por superar a sensación mórbida da finitude. A partir de aí investiguei estas dúas liñas e comprobei ademais que tiñan efectos políticos. A primeira tivo efectos políticos desastrosos.

- Por exemplo?
- Heidegger. En Heidegger tivo unha centralidade o que se chama o ser para a morte e, como se di no libro, e determina unha visión do mundo absolutemente pregada ao sentimento de primar unha reflexión sobre a vida baseada na morte. E isto está moi vencellado co seu compromiso nazi. 

- E a outra corrente de pensamento ten algunha interpretación política?
- Unívoca non, pero si como vía de liberación. A outra liña, que estaría representada por Epicuro, retrotraéndonos á noite dos tempos, logo por Spinoza e mais tarde por Sartre e por Alain Badiou. O que conduce é xustamente a unha chamada á pacificación coa alteridade, que determina un compromiso político nidio contra todo tipo de explotación e dominación. 

- Remata o libro dicindo “hai que retomar a potencia de vivir contra a pulsión da morte á que o capitalismo nos obriga”. 
- O capitalismo é un modo de produción sobre todo na súa fase última, que non derradeira...

“O capitalismo xa demostrou ao longo de séculos que pode tomar varias facianas diferentes”

- Non coincide entón cos que cren que estamos a asistir á fin do capitalismo...
- Non, non, non... O capitalismo xa demostrou ao longo de séculos que pode tomar varias facianas diferentes. Hoxe en día estamos en crise, pero pode desembocar en varias situacións. Eu non son optimista, nin pesimista tampouco. Alí onde hai dominación hai resistencia. E xa levamos bastantes anos coa dominación do capitalismo asasino, que é unha dictadura económica, que é a peor das ditaduras, e iso falando do mundo occidental, xa non falo do chamado terceiro mundo. E as consecuencias xa sabemos todos cales son: a precariedade, o empobrecemento. E xa non falo do caso galego porque é terrible, trátase da supervivencia da propia nación, pero -volvendo ao que me preguntabas, e aventurando- pode haber dúas saídas. Que a crise do capital teña unha resolución reformista, aínda que creo que é demasiado tarde. Ou que efectivamente o suxeito político de verdade, o pobo, sexa quen de mudar substancialmente o actual estado de cousas existente. Eu lembro unha frase de Zizek que pode parecer hiperbólica, pero tal e como van as cousas hai que tomar en consideración: é máis fácil que a terra desapareza que a propia desaparición do capitalismo. 

“Eu creo que o piñeirismo é estéril en si mesmo”

- Volvemos ao libro. Nel fai un repaso do concepto de morte e de finitude desde os pensadores clásicos até os contemporáneos, pero tamén en moitos escritores galegos, desde Rosalía até Ferrín, Chus Pato ou Xabier Cordal. 
- Si, non están nin todos os filósofos nin todos os escritores galegos. Non foi algo premeditado por min, senón que ao fío do que eu ía investigando, os seus textos resultábanme útiles para o que eu quería expresar. En concreto Rosalía é fundamental. Xa está superado afortunadamente ese tópico de melancólica, que tamén o é, pero a postura de Rosalía é máis ben unha melancolía como resposta e como protesta contra o estado de cousas daquel momento na Galiza, na situación da muller e dos traballadores. No tocante a Chus Pato interesábame a súa posición respecto ao poema, porque Pato está contra o nihilismo por unha vía que non é dialéctica, e por iso tamén a tratei. No caso de Ferrín, porque trata tacitamente e mesmo, ás veces sen el pretendelo, hai un tratamento da cuestión da morte nunha boa parte da súa obra. E Xabier Cordal no seu último poemario, que é de dor, de loito, expresa unha distancia con respecto á cuestión da temporalidade, que está intimamente ligada coa cuestión da morte. 

“O peor que se lle pode facer a un pobo é proxectarlle a melancolía”

- Tamén contrapón a visión de Rosalía coa do piñeirismo, de quen di que ten unha teima “aburrida e estéril” sobre a saudade. 
- É que eu creo que o piñeirismo é estéril en si mesmo, non só en relación a este caso. E á parte motivado por certa moda que naquel momento había vencellada a autores como Heidegger. En efecto, o piñeirismo acentúa moito de Rosalía o de choromiqueira e a saudade, e iso é terrible para unha nación. O peor que se lle pode facer a un pobo é proxectarlle a melancolía, e eu creo que Rosalía é o contrario diso, é un canto á liberación. Eu son moi crítico con respecto á visión do piñeirismo porque hai que distinguir entre os oprimidos e os melancólicos, no sentido de identificar Galiza primeiro xa cun sentimento. Nunca se pode, porque é perigosísimo, identificar unha nación cun sentimento. Iso nunca, e en segundo lugar, cun afecto melancólico, depresivo e, en definitiva, paralizante social e politicamente. 

- Tamén fala do amor como antídoto da morte, que a afasta e nos proporciona a eternidade do tempo. 
- Ben, dise que o amor é máis forte que a morte. Non me refiro ao un amor cristiano en absoluto, non é un amor inespecífico, senón a unidade dunha persoa coa outra, tamén é a concepción da comunidade como a cerna a partir da cal realizar unha existencia vivíbel e non vou dicir feliz porque sería moi ambicioso. Pero na que a vida sexa algo que se achegue ao goce e non que sexa unha liorta permanente cun mesmo e cos demais.