O CGAC exclúe a arte galega no programa do seu XX aniversario

O CGAC exclúe a arte galega no programa do seu XX aniversario
exposición de Miguel de Palma
exposición de Miguel de Palma  

A arte galega é a grande ausente da programación especial que o Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) preparou para conmemorar o seu XX aniversario. Vai case medio ano deste complexo 2013 en que se conmemoran as dúas décadas da súa apertura e ningunha exposición ten como protagonista a arte galega. 


A Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anunciou para este 2013 un programa de exposicións que tiña como reclamo precisamente a conmemoración do aniversario da creación do Centro. En todo el, a arte galega fica relegada á mínima expresión, á pequena participación na mostra de adquisicións e incorporacións recentes á colección que está agora aberta e á obra de tres artistas que se recolle na antolóxica 93, título que fai referencia ao ano de apertura do Centro. Nesa mostra, que abrirá en outubro, a obra de Joan Anleo, Berta Cáccamo e Jorge Barbie entra a facer parte do grupo seleccionado para dar conta da creación artística dese 1993. Berta Cáccamo, Din Matamoro, Carme Nogueira, Álvaro Negro, Diego Santomé e Mar Vicente son os nomes de quen o CGAC adquiriu obra recentemente e que entran na mostra colectiva composta por pezas de 23 artistas. 

As mostras de Miguel Palma e James Welling darán paso á de Víctor Grippo o 7 de xuño, Graham Gussin o 28 de xuño, Ricardo Basbaum o 28 de xuño e finalmente 93 en outubro, todas menos unha comisariadas polo director do centro Miguel von Hafe Pérez. 

Cunha redución de orzamentos en máis da metade, a programación do aniversario tampouco excede na súa dimensión dunha axenda normal do centro. O CGAC atravesa momentos delicados, período no que a Consellaría de Cultura deu mostras de desatención para o que estivo chamado a ser o buque da arte contemporánea no país. A fuga de orzamentos cara á Cidade da Cultura ou mesmo a situación pola que atravesa o padroado, sen presidencia desde hai máis de seis meses pola dimisión de Fernández de Sousa e a renuncia de dous dos seus vogais -Méndez e Gayoso- e mesmo así sen convocar desde entón, está a dar idea dun centro sen pulso. A Consellaría de Cultura cesou hai dez días o xerente do CGAC, Manuel Arroyo e alegou precisamente a necesidade de renovar a xestión do centro. 

De Maruxa Mallo a hoxe 

En 1993, o CGAC abríase cunha exposición antolóxica da artista Maruxa Mallo, nacida en Viveiro e daquela aínda viva en Madrid. Era a grande oportunidade de dar a coñecer a obra dun dos nomes galegos que máis relevancia ían ter na historia da arte, mais aínda case completamente ignorada no país no que nacera. Con maior ou menor fortuna, desde entón a arte galega foi atopando o seu oco e protagonizaron algunhas exposicións de grande formato como as de Ignacio Basallo, Manuel Moldes, Leiro, Lamazares ou Quintana Martelo, alén doutras moitas propostas de carácter máis experimental. 

De todas maneiras, o obxectivo de servir de plataforma de promoción da arte galega en poucas ocasións se cumpriu. Artistas de Galiza entraban no edificio de Siza maiormente de forma subalterna, en antolóxicas e espazos reservados para as súas propostas, mais de maneira claramente menor que a arte internacional á quen o CGAC lle dedicaba os grandes esforzos en case toda a súa historia.