O conselleiro de Cultura afirma que a Cidade da Cultura, onde se programa flamenco, serve para aforrar alugueres

O conselleiro de Cultura afirma que a Cidade da Cultura, onde se programa flamenco, serve para aforrar alugueres
Cidade da cultura
Cidade da cultura  SG
Un obradoiro de flamenco para crianzas. Esta é a última actividade da Fundación Cidade da Cultura que voltou ser debate no pleno. A deputada Ana Pontón reclamou apoio para un sector cultural que atravesa un momento crítico e o conselleiro Xesús Vázquez afirmou que a CdC aforra alugueiros.


O conselleiro de Cultura afirmou que un 44% do gasto procede doutros organismos e aforra alugueres á Xunta de Galicia. Un 66% dos artistas son da Galiza, dixo o conselleiro, diante da crítica da deputada Ana Pontón que denunciou o abandono do tecido cultural galego nun momento crítico no que en só dous anos as funcións de teatro mermaron en dous milleiros e en só un ano se perderon 2.800 postos de traballo.

A deputada Ana Pontón sinalou que o Gaiás leva en mantemento 7.000 euros ao día e consome un 16% dos fondos de Cultura, máis do que se inviste na compra de libros ou en apoiar o teatro. “Vostedes están estrangulando a cultura e concentrando todo nun valeiro que nin ten público”, criticou Pontón poñendo sobre a mesa as só 80.000 persoas que asistiron á exposición Gallaecia Pétrea, a máis custosa das que se lembran no país.

“A cultura galega atravesa un momento crítico e todos os seus representantes o acusan de levala a unha situación crítica e empregar o argumento da crise para o seu desmantelamento”, denunciou a deputada nacionalista diante dun conselleiro que defendeu que a Cidade da Cultura era unha posibilidade de futuro para o propio sector cultural. Pola contra, Pontón retrucou que á cultura galega, no Gaiás só lle quedan “migallas” e citou o obradoiro de flamenco que anuncian na programación para xente miúda.