38 ANOS DO FESTIVAL DO EMIGRANTE

O folclore que viaxa a Barreiros

O folclore que viaxa a Barreiros
Imaxe dunha recente edición do Festival Folclórico Internacional do Emigrante de Barreiros. Foto: Concello de Barreiros.
Imaxe dunha recente edición do Festival Folclórico Internacional do Emigrante de Barreiros. Foto: Concello de Barreiros.  
Das Illas Canarias, Rusia e Tahití proceden as agrupacións folclóricas que este sábado 3 de agosto ofrecerán as súas artes na 38ª edición do Festival Folclórico Internacional do Emigrante. Organizado pola Asociación Folclórica Arco da Vella de San Miguel de Reinante (Barreiros), cuxo grupo tamén actuará, o encontro, explica a alcaldesa Ana Ermida, “homenaxea o peso que tivo na zona a emigración a Europa e América”.

Bisbarra de indianos e arquitectura americanista, na Mariña Oriental era habitual que, nos veráns, retornasen temporalmente algúns dos emigrantes. Desa circunstancia naceu o festival. “Arco da Vella fundouse en 1980”, explica o seu membro Henrique Penabad, “dos 17 que a montamos, sete ou oito tiña os pais na emigración, en Francia ou Suíza. Sabían que o noso grupo existía e, cando viñan no verán, querían vernos”.

cartaz barreirosAsí naceu a primeira edición do certame, unha cuarta feira na Praza do Souto de San Miguel e sen máis participantes que Arco da Vella. “Puxémoslle I Festival como lle puidemos poñer outro nome, porque non pensabamos seguir”, engade. En 1981 non houbo, pois, segunda edición. Pero a demanda popular fixo que, en 1982, volvesen, desta volta con agrupacións foráneas: de Burela e Cervo.

No sétimo ano, a primeira mudanza importante: Arco da Vella pasa a raia e convida grupos de Asturias. Despois viñeron de León, Portugal... “Xa estabelecemos a idea do que logo foi o festival. Se todas as agrupacións fosen galegas, a xente aburriríase”, sinala Penabad. O festival internacionalizouse.

A segunda gran mudanza derivou dunha viaxe de Arco da Vella a Xixón. “Vimos que o festival era no estadio do Molinón. O gran cambio foi cando nós pasamos ao campo de fútbol de San Miguel. A nivel de público, todo mudou de branco a negro”. A audiencia xa non se atopa nunha praza e marcha e regresa cando lle parece. Agora está sentada e atende ao que sucede nas táboas.

E o que sucederá este 2019 comeza xa na sexta feira, coa Foliada do Emigrante na Praza do Souto, onde se reúnen “gaiteiros e pandeireteiras da zona, e distintos grupos de música tradicional para amenizar unha noite con petiscos e queimada”. Ao día seguinte, sábado 3 de agosto, o XXXVIII Festival Folclórico Internacional do Emigrante acollerá, a partir das dez da noite no campo de fútbol As Valgas de Reinante os espectáculos da Agrupación Folclórica El Moral, de Canarias; Song Dance Belgorie, de Rusia; Hei Show, de Tahití; e Agrupación Folclórica O Arco da Vella. Unha verbena co grupo Lecer porá o ramo a esta Festa de Interese Turístico Galego (desde 2007).