CRÍTICA DE CINEMA DAS SEXTAS FEIRAS

O home araña en Europa

O home araña en Europa
Tom Holland en acción
Tom Holland en acción  

SPIDER-MAN: LONXE DA CASA

Spider-Man: Far from Home (EUA 2019, 129 min.); Dirección: Jon Watts; Guión: Chris McKenna e Erik Sommers; Fotografía: Matthew J. Lloyd; Música: Michael Giacchino; Elenco: Tom Holland, Jake Gyllenhaal, Zendaya, Samuel L. Jackson, Jon Favreau, Marisa Tomei, Cobie Smulders, Jacob Batalon, Angourie Rice, Tony Revolori, Remy Hii, Numan Acar

 

SINOPSE

Peter Parker marcha a Europa de vacacións co instituto. Mentres están en Venecia aparece un enorme Elemental de Auga que destrúe todo o que está no seu camiño. Mysterio, un novo súper heroe de outro multiverso, semella o único capaz de acabar co ser xigantesco. Pero hai máis deses monstros e Mysterio precisará a axuda de Spider-Man para acabar con todos.

CRÍTICA

Segundo spin off do trepamuros no que Tom Holland viste as mallas blaugranas e tamén segunda vez que confían en Jon Watts a tarefa de conducir o leme.

A acción sitúase uns oito meses despois dos feitos acontecidos en Vingadores: Endgame. Peter Parker marcha a Europa cos seus compañeiros de instituto. A súa idea é aproveitar a ocasión para tomarse unhas vacacións de Spider-Man. Quere ser só el mesmo, e non o súper heroe, pasándoo ben cos seus amigos... aínda que todos e todas sabemos que iso non será posíbel.

Após a pertinente presentación e posta ao día, comezan os tópicos sobre Europa, a adolescencia e as hormonas disparadas. A rapazada anda revolucionada, incluso Spider-Man... pero ollo, tampouco pode moito que as mallas marcan todo. Ben, unha vez apuntalados estes conceptos (que se irán debullando despois) entra en acción un Elemental, un colosal ser mitolóxico con ansias de destrución que casualmente aparece onde están eles. Será un tal Mysterio (Jake Gyllenhaal), e non o “querido Watson”, o encargado de acabar co Elemental. Resulta que hai máis deses monstros e Mysterio, malia que ten un acuario na cabeza, bota fume verde polas mans e tamén pode voar, non é capaz de acabar só con eles, así que... co ben e prace de Nick Furia (Samuel L. Jackson), pedirá axuda Peter Parker/Spider-Man.

Após a pertinente presentación e posta ao día, comezan os tópicos sobre Europa, a adolescencia e as hormonas disparadas

Salvo o comezo, que é moi paveiro, e algunha que outra brincadeira atinada, a historia de Spider-Man: lonxe da casa perde fol respecto da súa predecesora. Certo que hai un xiro á metade que, malia que vexamos vir, está bastante ben resolto, e que hai escenas xeniais (a das alucinacións/pesadelos de Spider-Man son verdadeiramente inquietantes), pero o conxunto queda moi descompensado. Moito efecto especial, moito CGI e moita acción trepidante en detrimento dun guión sólido e de personaxes críbeis.

Loxicamente funciona á perfección como o filme palomiteiro que é pero non pode ser que os personaxes (e non só Spider-Man) estean tan pasados de voltas que anden a un tris da caricatura. Fan graza si, pero pasáronse un pouquiño de freada.

Haberá moitos e moitas que ao remate queiran saír pitando da sala pero debo advertir que nunca un final post-créditos dunha peli Marvel tivo tanta repercusión e información chave para o propio filme en cuestión e para os vindeiros (que os haberá). Así que, aínda que non queden moitas ganas, sería interesante permanecer sentado até o final dos títulos de crédito.