O MARCO de Vigo atopa apoio no Parlamento

O MARCO de Vigo atopa apoio no Parlamento
O futuro do Museo de Arte Contemporánea de Vigo pende dun fio e o BNG ven de reclamar á Xunta que garanta a súa continuidade, sumándose á recén creada Plataforma de Apoio ao Museo. A saída do padroado da Deputación e a antiga Caixanova xunto coa falta de apoio por parte do PP na Xunta e a redución de orzamentos no Concello fan perigar o futuro do centro de arte da Rúa do Príncipe.

Con dez anos recén cumpridos, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo está a pasar por un momento complexo no que mesmo se dubida de que poda continuar aberto. O BNG, a través da súa deputada Carme Adán, ven de instar á Xunta a que sente a negociar coa dirección do centro co fin de recoller nos orzamentos a partida necesaria para garantir o seu futuro.

Desde o propio centro botouse a andar unha campaña co fin de acadar apoios dos distintos grupos políticos e máis da propia cidadanía para reforzar a súa posición diante da redución de orzamentos aos que se ve sometido. Con máis de 110.000 visitantes no 2011, o Marco conseguiu un lugar destacado nos centros de arte contemporánea galegos ao tempo que se converteu nun espazo de referencia na cidade de Vigo, amparado tamén pola súa céntrica situación na rúa do Príncipe.

Fronte ao Gaiás

Carme Adán lamentou o “desleixo” co que a Xunta trata ao centro de Vigo diante duns orzamentos culturais que teñen como destino privilexiado a Cidade da Cultura que contou como previsión cuns 17 millóns de euros, cifra que equiparou ao que gasta a Xunta en arquivos, bibliotecas, museos e equipamentos culturais ou mesmo a protección e promoción do patrimonio histórico, artístico e cultural. “Os gastos do Gaiás cuatriplicaron o que se investiu en patrimonio cultural ou multiplicaron por once a cifra destinada a adquirir novidades editoriais para as bibliotecas públicas galegas, unhas cifras que ilustran ben a desproporción de fondos e a grave situación que se albisca para o futuro da cultura galega co goberno do PP” sinala Carme Adán na súa iniciativa parlamentar ao tempo que denunciou a “grave situación que se albisca” para a cultura galega.