ENTREVISTAMOS XOSÉ M. NÚÑEZ SEIXAS

"O nacionalismo nunca pasa de moda, e aínda menos na conxuntura actual"

"O nacionalismo nunca pasa de moda, e aínda menos na conxuntura actual"
O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas (RTVE)
O historiador Xosé Manoel Núñez Seixas (RTVE)  
O catedrático da Universidade de Santiago de Compostela, Xosé Manuel Núñez Seixas (Ourense, 1966), gañou o Premio Nacional de Ensaio por un volume denominado Suspiros de España: o nacionalismo español 1808-2018. Nunha entrevista a Sermos Galiza o historiador reflexiona sobre a concepto de nación, a situación do nacionalismo en Galiza e en Catalunya ou o por que das connotacións negativas que ten o termo para algunhas persoas.   

Co proceso soberanista catalán en marcha e ocupando portadas, o Premio Nacional de Ensaio non podería recaer en nada máis oportuno que un análise sobre o nacionalismo, non é?

O nacionalismo nunca pasa de moda, e aínda menos na conxuntura actual. É de valorar que o xurado tivese en conta unha obra que ten un propósito divulgativo, e que ten ademais como obxecto un nacionalismo do que sempre se fala menos, como é o español.

En que cambiou o nacionalismo de 1808 con respecto ao nacionalismo de 2018?

O nacionalismo de 1808 nacía nun contexto imperial, esgazado dende as súas orixes entre liberais e partidarios do Antigo Réxime, e ao longo dos séculos XIX e XX o nacionalismo español foise adaptando e combinando con moi diversas ideoloxías políticas.

Eu diría que unha nación é unha colectividade de persoas definida territorialmente que considera que ese territorio e esa comunidade é a titular da soberanía

En que momento pasou o nacionalismo a ter connotacións negativas para algúns?

Desde a súa orixe, sobre todo nalgúns ámbitos como Francia, os nacionalistas eran vistos como aqueles que non só pensaban que había que defender a nación, senón que tamén pensaban que Francia era a mellor nación do mundo e que non estaba aberta a todo o mundo. Pero logo tras a IGM o termo adquire maior polisemia, desprestixiándose na era dos fascismos até o punto de que na Europa posterior a 1945 considerábase que había unha contradición entre nacionalismo e democracia, agás en aqueles que se distinguiran por loitar contra o fascismo, como o nacionalismo galego, vasco, catalán, sardo ou escocés. Por exemplo, o Partido Galeguista en 1931 chamouse así, e non Partido Nacionalista Galego, porque consideraron que o concepto nacionalista podía ser malinterpretado.

núñez seixasCara onde camiña o nacionalismo da terceira década do século XXI?

Parecía que camiñaba cara unha sorte de definición posnacional, pero nos últimos tempos asistimos, sobre todo en Europa, a unha corrente de reforzamento dos estados nación, xa sexa creando novos estados nación ou ben reforzando as fronteiras e as atribucións dos estados nación tradicionais. E isto ten que ver cos medos e as incertezas da globalización, co feito de que Europa cada vez conte menos no contexto mundial ou coa crise económica.

A sociedade é nacionalista de base ou son os políticos os que a impulsan?

Trátase dunha interacción, non se pode impoñer desde arriba polos políticos ou as institucións. Xa non é tan fácil como no século XIX, onde bastaba con enviar os nenos á escola e ensinarlles o himno a bandeira ou unhas nocións sobre historia para que saíran nacionalizados.

Que é unha nación e quen a compón?

Unha nación é un conxunto de persoas que cren que son unha nación. Como dicía Ernest Gellner, grande estudoso dos nacionalismos, se os ruritanos cren que son unha nación, son unha nación, teñan ou non cultura, lingua, historia, etc. Eu diría que unha nación é unha colectividade de persoas definida territorialmente que considera que ese territorio e esa comunidade é a titular da soberanía. Logo, claro, todos os que partillen esa idea central poden ter moi diferentes concepcións arredor de cales son os criterios para ser membros da comunidade nacional.

O nacionalismo galego agora mesmo está nunha sorte de impasse

Cal é a situación do nacionalismo galego na actualidade?

Agora mesmo está nunha sorte de impasse. O nacionalismo galego coñeceu unha implosión desde 2011-12 da que non dá saído, e boa parte del está desartellado politicamente. Creo que aquel proxecto que no seu momento tivo o nacionalismo maioritario nos anos 90 e comezos do século era un moito máis inclusivo, ilusionante e moito máis plural do que é o proxecto maioritario actual, pero hai moitos nacionalistas que se senten orfos, de siglas e dunha opción que sexa quen de recoller un concepto de nación propio para afrontar os desafíos da globalización na terceira década no século XXI.

Non obstante, se poñemos o foco no nacionalismo catalán, temos unha multiplicidade de siglas. Onde está a diferenza co caso galego?

En que hai unha cultura política moito máis inclusiva. Un dos grandes éxitos do soberanismo catalán foi non preguntarlle á xente de onde ven, senón a onde vai, e definir un proxecto de nación cívica e multicultural. Definir ese independentismo en clave pouco nacionalista foi un grande éxito e un paso teórico moi importante que se xestou xa nos anos 90 da man de xente como Carod-Rovira e parte da Esquerra Republicana. De feito, se un se fixa, nos lemas do independentismo actual falase moito de república, de democracia e de soberanía, pero moi pouco de nación e de nacionalismo, o que tampouco significa que non estea presente. Penso que no caso galego faise necesaria unha reflexión así.

O premio recoñécelle a calidade expositiva. Cre que hai que explicar mellor o pensamento nacionalista e deixar atrás as análises simplistas ‘tipo Twitter’?

O problema é que estamos na era do Twitter, do pensamento feble, dos lemas, dos slogan... e se non me gusta o teu slogan, respóndoche con outro, porque en Twitter non se dialoga, non se debate, basicamente é un intercambio de golpes, e o debate político comeza a parecerse excesivamente a iso. Son bastante pesimista porque no debate tuiteiro priman as emocións e as adscricións, e así non hai maneira de entenderse e chegar a solucións.