CRÍTICA DE CINEMA

Crítica de cinema: 'O que arde', por A. Castro

Crítica de cinema: 'O que arde', por A. Castro

Tras cumprir condena por pirómano, Amador é posto en liberdade. Ao saír do cárcere, ninguén o agarda. Nunha aldea perdida das montañas lucenses, volverá convivir coa súa nai Benedicta, a súa cadela Luna e tres vacas. A vida transcorre a ritmo sosegado no medio da natureza, pero todo cambia cando un lume violento arrasa o lugar. 

 


Terceira longametraxe de Oliver Laxe que chega aos cines comerciais como un dos filmes máis agardados do ano.

Con Todos vos sodes capitáns sentou bases como cineasta; con Mimosas (ver Sermos Galiza nº223) sorprendeu a propios e estraños cunha extraordinaria viaxe de aventuras a través do Atlas marroquí; agora, con O que arde, volve Os Ancares cunha pequena gran historia de perdedores na que aproveita para reivindicar as súas orixes, o rural e ademais rompe unha lanza en prol da importancia das especies autóctonas e do perigo que supoñen as especies invasoras (léase “eucaliptos”) para a supervivencia da flora e fauna dos montes galegos.

Ao igual que en Mimosas, a trama está escrita por Santiago Fillol e Oliver Laxe. Podería dividirse en dúas partes ben diferenciadas, máis un espectacular prólogo e rematando nunha desenlace que deixará a moitos e moitas como se lle deran as largas. Na primeira metade seguimos os pasos de Amador. Un perdedor. Un home coa alma quebrada. Un tipo de mirada esquiva e ombreiros cargados de culpa. Sae do cárcere após cumprir condena por prender lume ao monte. Volve a aldea natal coa súa nai Benedicta, unha velliña octoxenaria que leva soa a casa, a leira e o gando cunha destreza que xa quixeran moitos e moitas coa metade dos seus anos. A segunda parte céntrase no devastador incendio que precipita todo.

Detalles, silencios, costumismo e sensibilidade a flor de pel ata que estoupa todo. O hospitalario primeiro encontro entre nai e fillo, após de tantos anos sen verse, non pode máis que sacar o primeiro sorriso. Os sons, a fotografía e os pequenos detalles fan de catalizadores para transportar o público a ese fantástico lugar, ansiado por urbanitas para tomar un respiro (temporal), que semella ancorado noutro tempo: a aldea. Como cortan o pan, a maneira de facer torradas na cociña de ferro, de mover os ferros, como renxen as camas, esas sabas que case se pode ulir a humidade, os camiños enchoupados en lama ou esa cancela no medio do monte feita con dous somieres soldados. Unha auténtica viaxe sensorial a través da imaxe e o son.

Mención aparte merece o ollo de Mauro Herce (director de fotografía tamén de Mimosas) para captar, non só a marabilla paisaxística do Courel (que xa puidemos ver en todo o seu esplendor en Trinta lumes de Diana Toucedo) se non tamén como logra penetrar nas fendas labradas da faciana de Benedicta, aprehender a pureza xenuína dos animais –esas vacas merecen un Mestre Mateo, como mínimo– ou como transmite a beleza hipnotizadora e arrepiante do lume.

Xunto coa asombrosa escena dos eucaliptos caendo de maduro, a brutal e interminábel escena do incendio foi un dos maiores retos de produción do filme de Oliver Laxe. Nesta secuencia todo é verídico. Na preestrea en Compostela no Curtocircuíto, confesaban que parte do equipo tivo que sacar o título de Peón en Incendios Forestais para poder rodar escenas en lumes reais. O resultado final é dun realismo abraiante. Hai unha sensación de perigo auténtico. Non hai trampa nin cartón. E se hai, non se aprecia.

Por certo, debería ser obrigatorio que Amador e Benedicta asistiran a todas as proxeccións para falar o remate un ratiño co público. Coido que engrandece aínda máis, se cabe, esta espectacular achega de Oliver Laxe que tanto recoñecemento mundial está a ter: Premio do Xurado en Cannes na sección “Un Certain Regard”, Premio San Sebastián-Guipuzkoa Film Commission, preseleccionada para os Premios do Cine Europeo ou o recente Premio Especial do Xurado no Festival de Cine Internacional de Ourense.

Pero o máis xenial de todo é que nunca un filme galego (e en galego) tivera tanta expectación tanto fóra como na casa. Oxalá sexa un punto de inflexión e que, por fin, o cinema galego comece a valorarse na Galiza ao mesmo nivel do que é valorado no estranxeiro.

O que arde

(Galiza-Euskadi-Luxemburgo-Francia 2019, 89 min.)

Dirección: Oliver Laxe

Guión: Santiago Fillol e Oliver Laxe

Fotografía: Mauro Herce

Elenco: Amador Arias, Benedicta Sánchez, Inazio Abrao, Elena Mar Fernández, Iván Yáñez, Álvaro de Bazal, Luís Manuel Guerrero, David de Peso, Nando Vázquez, Nuria Sotelo, Rubén Gómez Coelho