O que en verdade somos

O que en verdade somos
O 'Dicionario dos seres míticos galegos' é un deses libros que inventa mundos. Ou máis ben rescátaos. Porque o volume, publicado hai agora dúas décadas, foi talvez a primeira recollida sistemática de mitoloxía galega desde a Xeración Nós. 

O inconsciente dunha sociedade maniféstase de xeitos diversos, en lugares inauditos, a destempo ou por sorpresa. Tamén a súa memoria colectiva. A cultura fantástica popular, anónima e de orixe perdida no tempo, é territorio propicio a eses encontros. E unha das súas cartografías máis detalladas, o Dicionario dos seres míticos galegos, publicado hai agora dúas décadas por Xerais e obra de Antonio Reigosa, Xosé Miranda e Xoán Ramiro Cuba.

Catrocentas páxinas ilustradas por Lázaro Enríquez sintetizaron anos de traballo de campo, investigación bibliográfica e pescuda comparada. O resultado, cinco edicións despois –a última en 2008–, é tamén un autorretrato da Galiza. “O que en verdade somos, por baixo das capas que logo nos foron poñendo, está aí, nesa cultura popular e fantástica”, considera o escritor Xosé Miranda (Lugo, 1955) en declaracións a este semanario. É o paradoxo do folclore, cuxa colleita iniciaron en Europa os románticos alemáns e franceses á procura de lexitimación nacional. “Pensaban que no folclore estaba a esencia da nación, pero cometeron un erro. Non hai nada menos nacional que o folclore”, entende. Nas súas pescudas descubriu, ou ratificou, “a existencia dunha cultura común europea previa á romanización”.

Catrocentas páxinas ilustradas por Lázaro Enríquez sintetizaron anos de traballo de campo, investigación bibliográfica e pescuda comparada

Por este océano de sabedoría popular ocultada moveuse Antonio Reigosa (Mondoñedo, 1958), que nos 80 xa recollía información no Equipo Chaira canda Xoán Cuba. Aínda hoxe o abraia “a absolutamente extraordinaria capacidade de imaxinación colectiva” da Galiza subalterna, a que rexistraron no Dicionario. A galería de personaxes e historias fantásticas, o “sistema mitolóxico completo” que reuniron, faino dubidar, divertido, das relixións monoteístas. Ao cabo, o pobo creou un mecano de crenzas que rexían a vida enteira.

m5_CulturaFS

“Sistema mitolóxico”

“O sistema mitolóxico atinxe toda a existencia”, explica a Sermos, “ a meteoroloxía, os cocos dos nenos, o mundo dos demos, os remedios máxicos…”. E a morte, sobre todo a morte, que ao seu ver une a ollada popular galega coa doutras nacións do arco atlántico. A condición de finis terrae ou, o que é o mesmo, de fronteira do mundo dos vivos, é a razón última. A proliferación de santuarios na beira do mar, un síntoma.  

Xente cativa, alicornos, sereas, chupasangues, olláparos, rabenos, vakners, lurpias, negrumantes, trasgos de varia procedencia, agoireiras, bruxas, lobishomes, fadas, cans do urco, homes lagarto, cabalos da fiaña, innúmeras variantes da estadea, cachafellos, xigantes. Os habitantes deste inmenso submundo sobreviviron no maxín de xeración e xeracións. Alí os foron buscar Reigosa, Miranda e Cuba. É Miranda quen asegura que “aínda están vivos”. “O problema non é tanto que non haxa quen conte como que non hai quen escoite”, di. Refírese aos contidos do Dicionario de seres míticos galegos. Porque en todo caso a literatura oral non vai morrer: “Cambia, cóntanse outras cousas. Nós quixemos fixar esta cultura fantástica antes de que mudase definitivamente”.

Estes exploradores viaxaron ás fontes. Ás vivas e ás de papel. Antonio Reigosa menciona “os clásicos”, dos que salienta Vicente Risco, experto nos demos e un dos autores dos estudos sobre o folclore da Terra de Melide no Seminario de Estudos Galegos. Ou Antonio Fraguas, coñecedor dos rituais e agoiros da morte. Ou Taboada Chivite. Ademais, a mitoloxía comparada valeu como proba das analoxías entre o que se contaba na Galiza e o que se contaba en Asturies, en Euskadi, na Europa atlántica. A pan de millo, é dicir, fisicamente, recolleron noticias en Abadín, Begonte, Chantada, Palas de Rei, Cangas, A Pastoriza, Vilalba, Mondoñedo, A Fonsagrada, Paradela ou A Pontenova. “O que lle dá riqueza”, opina Reigosa, “é este traballo de campo”.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 367 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]