A obra en sardo que triunfa nos teatros de todo o mundo

A obra en sardo que triunfa nos teatros de todo o mundo

Macbettu é o nome en sardo do Macbeth shakesperiano, o título da adaptación dirixida por Alessandro Serra e levada ás táboas na lingua de Sardeña.


Macbettu_phAlessandroSerra (3) (1)O proxecto ocorréuselle a Alessandro Serra en 2006 e tardou anos en convencer un produtor para encenar Shakespeare nunha lingua que continúa a estar ausente das grandes manifestacións culturais italianas, mesmo na propia Sardeña. Despois de moitos avatares, a obra estreouse en Cagliari en febreiro de 2017 e, a partir de aí, chegou o triunfo: Macbettu gañou o premio Ubu (o premio de maior prestixio do teatro italiano) ao mellor espectáculo do ano, converténdose na primeira obra en sardo en gañar o cobizado galardón.

Logo viñeron xiras extensas por Francia, Bosnia, Xeorxia, Finlandia, Croacia, Polonia, Suíza, Arxentina, Perú, Xapón… onde seguiu colleitando premios e un gran recoñecemento por parte de crítica e público. Estes días puido verse en Portugal, dentro da programación do Festival de Almada, que continúa o seu labor de mostrar o mellor da escena internacional.

Serra (Roma, 1973) nin sequera é sardo: érao seu pai. Pasaba os veráns na casa dos avós e foi alí onde se afixo ao son rouco da lingua sarda. En 2006, volveu para facer unha reportaxe fotográfica sobre a Barbàgia, a zona interior da illa, unha paisaxe que baixa cara ao mar dende as montañas dolomíticas de Oliena, e foi entón cando xurdiu a idea de situar naquel marco o Macbeth shakesperiano.

Dalgún xeito” di Serra “o que me atraía da lingua sarda era a súa fidelidade ás orixes: entras nunha taberna e un catedrático de grego e un pastor están falando no mesmo rexistro. No teatro, traballo coa lingua en tres niveis: o primeiro é o puramente informativo, o que permite contar unha historia e saber de que estás falando. Logo está o nivel musical, a sonoridade propia de cada lingua en particular. Finalmente, está o nivel que eu chamo 'máxico' e que transforma a palabra na cousa que designa: nun escenario iso dáse moi poucas veces. O italiano é unha lingua moi artificiosa, creada por persoas de cultura –ou, se se quere, creada exclusivamente por Dante– e, xa que logo, moi carente neste último nivel lingüístico, que é o que eu quero explotar cando poño en escena un texto”.

O director non quedou exclusivamente no rexistro lingüístico ao adaptar a obra escocesa de Shakespeare á paisaxe mediterránea

O director non quedou exclusivamente no rexistro lingüístico ao adaptar a obra escocesa de Shakespeare á paisaxe mediterránea: tamén fixo unha adaptación cultural que inclúe unha ambientación ateigada de referencias ao mundo dos pastores de Sardeña, ao entroido da illa, aos traxes típicos do mundo rural… E, non obstante, fuxindo con éxito do folclorismo: a súa é unha creación estritamente contemporánea –alicerzada na estética de Peter Brook e Tadeusz Kantor– na que os elementos tradicionais se inscriben coma sinais dunha cultura ancestral que serven de vehículo á mensaxe da obra, non pezas ornamentais que “ambientan” a trama shakesperiana.

Nos ensaios, comezamos por tratar de contar a historia sen palabras, só a través de imaxes: iso permitiunos reducir o texto ao esencial, ao que non se pode deixar de dicir para acceder a ese nivel da obra en que o importante xa non é a trama senón a mensaxe inscrita nela”, di Serra. “A sonoridade do sardo axudounos moito nesta tarefa de viaxar cara a un texto espido que fixese parte fundamental do espectáculo”.

Apunta Serra que o teatro sardo segue aínda utilizando o italiano como lingua principal. “Fanse algunhas montaxes en sardo, pero resultan case anecdóticas ao lado da produción en italiano. E estase perdendo unha espléndida oportunidade de empregar un instrumento moi acaído para, por exemplo, a traxedia”.