Tres obras de Ovidio Murguía e un guecho de cabelo rosaliano

Tres obras de Ovidio Murguía e un guecho de cabelo rosaliano
Relicario cun guecho de cabelo de Rosalía. No pequeno sobre que o garda hai un debuxo dunha muller que se di que  sería unha moza de Ovidio deseñada por el mesmo.
Relicario cun guecho de cabelo de Rosalía. No pequeno sobre que o garda hai un debuxo dunha muller que se di que sería unha moza de Ovidio deseñada por el mesmo.  

A Deputación da Coruña entregoulle hoxe á Fundación Rosalía e á súa Casa-Museo novas pezas da súa propiedade: tres lenzos pintados por Ovidio Murguía e un guecho de cabelo de Rosalía, que formarán parte da nova museoloxía que será inaugurada o vindeiro día 15 de xullo. 


A Deputación da Coruña xa cedera importantes pezas do seu patrimonio á Casa-Museo como o cadro de Brocos e destacadas pezas do mobiliario da familia Castro-Murguía, e agora vén de trasladar do Pazo de Mariñán á Casa Museo as últimas pezas que atesoura relacionadas coa poeta: tres óleos do periodo de formación de Ovidio Murguía, o fillo pintor de Rosalía, e un guecho do cabelo da autora. 

Estas pezas incorporaranse á nova proposta museolóxica que se inaugurará o vindeiro día 15 de xullo, aniversario do pasamento da poeta, e tamén da apertura da Casa-Museo en 1972, da que se cumprirán 45 anos. Dirixida expositivamente por Pepe Barro, o financiamento desta renovación correu tamén por conta da Deputación coruñesa, aínda que o acondicionamento estrutural da Casa-Museo que o fixo posible foi financiado previamente pola Xunta. 

Estas pezas incorporaranse á nova proposta museolóxica que se inaugurará o vindeiro día 15 de xullo, aniversario do pasamento da poeta, e tamén da apertura da Casa-Museo en 1972, da que se cumprirán 45 anos

A vicepresidenta da Deputación, Goretti Sanmartín, destacou a relación intensa coa Fundación Rosalía de Castro, con quen colabora tamén na musealización do seu andar superior, nun ano de especial significación en que se fai o 180 aniversario do nacemento da escritora. Ademais, Goretti Sanmartín insistiu en que “o destino natural destas obras de Ovidio Murguía é precisamente a casa en que habitou a familia”. Nese sentido, mostrou tamén a súa satisfacción ao contribuír a reforzar a Casa de Rosalía como “un lugar de referencia para galegos e galegas e tamén de proxección da nosa escritora, sen dúbida, o valor máis universal da nosa cultura. A casa é un dos lugares máis visitados de Galiza e queremos facer o posíbel para que sexa un espazo de privilexio e dignidade para difundir a obra e a figura de Rosalía". Pola súa banda, o presidente da Fundación Rosalía afirmou que “as achegas da Deputación nestes  útimos anos, e esta en concreto, supoñen un salto cualitativo extraordinario para Casa de Rosalía, xa que o patrimonio expositivo da Fundación con todas estas obras de Ovidio medra de xeito importantel”. 

A historia do guecho

Este guecho de cabelo pertenceu a Gala, a filla máis lonxeva de Rosalía e Murguía. Tal e como se contou na presentación, había tres relicarios con cadanseu guecho: este que agora estará a disposición do público na Casa-Museo; outro que custodia a Real Academia Galega; e un terceiro que estaba no Centro Galego na Habana e que Neira Vilas trouxo e depositou no Castro de Sargadelos. Non se coñece o seu paradoiro actual. 

En canto aos cadros cedidos de Ovidio Murguía ("A Feira de Santa Susana", "Paisaxe de inverno no Sarela" e "Amor durmido. Retrato de Gala durmida"), trátase de tres óleos da etapa de formación de Ovidio Murguía que tamén foron mercados pola Deputación aos herdeiros de Gala Murguía. E veñen complementar o cadro "Árbore do monte", obra da etapa final, que xa se pode ver na Casa-Museo. 

Grazas a esta achega na Casa-Museo xa se pode facer un achegamento cumprido á obra deste fillo de Rosalía que faleceu de tuberculose aos 30 anos en 1900.