'Mimosas', de Oliver Laxe e gañadora en Cannes, estréase esta quinta feira en todo o país

'Mimosas', de Oliver Laxe e gañadora en Cannes, estréase esta quinta feira en todo o país
O director galego
O director galego  

O filme estréase esta quinta feira 5 de xaneiro en 28 salas do Estado. O director coruñés asistirá ás primeiras proxeccións no Cinema Numax, en Compostela, cun primeiro pase ás 18:00h e outro ás 20:30h. 


Mimosas, a última longametraxe do director coruñés Oliver Laxe, chega ás salas dos cinemas do Estado a quinta feira 5 de xaneiro da man de Numax Distribución. O filme apreséntase en 28 salas, entre as que se atopan as galegas Los Cantones Village (A Coruña), Cines Dúplex (Ferrol), Galicine Ponte Vella (Ourense), Multicines Norte (Vigo) e Cinema Numax (Compostela). O propio Laxe presentará o filme en Numax  nas dúas sesión da tarde, cun primeiro pase ás 18:00h e outro ás 20:30h.

Mimosas tivo unha grande acollida, xa que gañou o Gran Premio da Semana da Crítica de Cannes en 2016 e o Premio Especial do Xurado no Festival de Sevilla, certame no que tamén acadou unha Mención Especial ao Mellor Son e Montaxe. Nunha entrevista no Sermos Galiza, o autor coruñés explicou o que supuxo para el gañar o Cannes. “Este premio dalgunha maneira supón, dito dunha maneira máis fría, que empezo a ser máis hexemónico, e esa hexemonía tradúcese en liberdade para min”.

Mimosas

Partindo das novelas de cabalería, os relatos orientais, Pier Paolo Pasolini, o cine independente americano ou Werner Herzog, Laxe tece un western espiritual que prefire chamar eastern, ao estar gravado nas montañas do Atlas marroquí e beber da filosofía sufí. Para o autor coruñés, Marrocos é un país especial. “Ten unha enerxía moi intensa, é un país no que tes que posicionarte eticamente en todo momento. Ademais gústanme os países nos que aínda existe unha forte tradición. Como artista de vangarda que penso que son, pois intento facer presente a tradición, que é o que sempre fixo a vangarda. Paréceme que ese choque entre tradición e modernidade é moi poético e a min sérveme como artista para entender mellor tanto o pasado como o presente como o futuro do ser humano. Aquí seguen estando presentes todos os arquetipos universais. En calquera caso, vexo certa continuidade entre unha certa Galiza dos meus ancestros e un certo Marrocos máis rural que aínda existe hoxe en día. Vexo unha transición nos valores máis fundamentais”, explicou ao Sermos. 

En canto á procedencia do seu interese polo sufismo, respondeu que “a min interésame moito o esoterismo en xeral. Paréceme que o materialismo empobreceu moito o mundo. Se ben, a institución relixiosa en calquera latitude é certo que atormentou o ser humano durante moitos séculos, sen embargo, a desaparición do xesto relixioso que veu dado pola secularización, si que empobreceu moito o noso mundo (… ). Dalgunha maneira eu síntome sensíbel ao esoterismo, teño unha conciencia clara do mundo das formas sutís ou espirituais, como lle queiras chamar. Como tantos outros, simplemente non teño medo de falar diso. E a miña posición como artista lexitímame para atacar o tema. De algunha maneira, a reacción positiva que tivo a miña película alégrame, porque facer hoxe en día, nun contexto de cinismo contemporáneo e de esoterismo vacuo, unha proposta como a que fixen era moi complicado, e sorteamos tanto un perigo coma outro. E penso que estou contento por iso”. 

Máis actividades

O sábado 14 de xaneiro, ás 11:30h Oliver Laxe, tamén e Numax, protagonizará unha masterclass, dentro da sección Os Ollos Verdes, baixo o título de ‘Mimosas, unha música de pasos e de libros’. 



x