LONGA OVACIÓN DO PÚBLICO AO PRIMEIRO FILME EN GALEGO DO FESTIVAL

Oliver Laxe estrea en Cannes a súa homenaxe ao rural galego

Oliver Laxe estrea en Cannes a súa homenaxe ao rural galego
De esquerda a dereita, os actores Amador Arias, Benedicta Sánchez e o cineasta Oliver Laxe na estrea de 'O que arde' no Festival de Cannes este 21 de maio. Foto: Numax Distribución.
De esquerda a dereita, os actores Amador Arias, Benedicta Sánchez e o cineasta Oliver Laxe na estrea de 'O que arde' no Festival de Cannes este 21 de maio. Foto: Numax Distribución.  

O cineasta Oliver Laxe chegou a Cannes acompañado dos dous protagonistas de O que arde, o seu último filme. Benedicta Sánchez e Amador Arias son actores non profesionais e encarnan esta historia rodada no monte galego e en galego. A terza feira, 21 de maio, estreouse na sección Un Certain Regard e colleitou unha ovación de varios minutos das máis de mil asistentes.
 


o que arde en cannes 2

Na presentación do filme na sala Debussy, Laxe salientou que se trataba da primeira obra en lingua galega proxectada nas 62 edicións do Festival de Cannes. E dedicoulla a toda a xente que, como a súa propia familia, tivo que emigrar. El mesmo naceu en París en 1982. Ao seu carón, o director do certame Thierry Fremaux sinalaba que se trataba dun “filme español pero feito lonxe de Madrid”.

O que arde rexistrouse nos Ancares. Elexía e homenaxe ao mundo rural, relata en 85 minutos a historia de Amador Coro e a súa nai. Coro acaba de saír de prisión despois de ser condenado por provocar un incendio. As relacións humanas e o paseniño ritmo cotián da montaña, a cultura campesiña que se esvae e os desaxustes producidos polas mudanzas, valéronlle á peza de Laxe unha prolongada e emocionante ovación das 1.068 persoas presentes.  

O que arde compite en Un Certain Regard, unha das principais seccións dun dos principais festivais de cinema do mundo, na que se verán ademais filmes de Albert Serra, Lorenzo Mattotti, Monia Chokri ou Bruno Dumont. O xurado fórmano as actrices Nadine Labaki (presidenta) e Marina Foïs, a produtora Nurhan Sekerci-Porst e os cineastas Lisandro Alonso e Lukas Dhont.

o que arde en cannes 3

Con guión do propio Oliver Laxe e mais de Santiago Fillol, O que arde é unha coprodución galega, francesa e de Luxemburgo e conta co apoio público de Agdic, TVG e Deputación de Lugo. Chegará ás salas comerciais contra final de ano e distribuiráa no Estado español a cooperativa compostelá Numax.

Laxe xa obtivo en Cannes o premio Fipresci da Quincena dos Realizadores co seu debut en longametraxe, Todos vós sodes capitáns (2010). Con Mimosas (2016) fíxose co Gran Premio da Semana da Crítica.

Nota: arriba, na parte esquerda da imaxe, Oliver Laxe, Benedicta Sánchez e Amador Arias posan para os fotógrafos no Festival de Cannes. abaixo, diríxense ao público asistente á estrea de O que arde na sala Debussy. Fotos: Numax Distribución.