Oliver Laxe gaña premio en Cannes cun filme rodado en árabe

Oliver Laxe gaña premio en Cannes cun filme rodado en árabe
Fotograma de 'Mimosas'
Fotograma de 'Mimosas'  

Outra boa nova que nos trae o Novo Cinema Galego. O director galego Oliver Laxe vén de acadar o primeiro premio (Grand Prix Nespresso ) da 55ª edición da Semana da Crítica do Festival de Cannes 2016 coa súa segunda longametraxe, 'Mimosas', un filme rodado en Marrocos.


Na segunda participación no Festival de Cannes de Oliver Laxe e da produtora galega Zeitun Films -tralo seu paso polo festival no 2010 con 'Todos vós sodes capitáns', Premio FIPRESCI desa edición-, o director galego volve ser galardoado en Cannes, nesta ocasión co Premio Principal (Grand Prix Nespresso) da Semana da Crítica.

Este premio foi creado en 1962 polo Sindicato francés da Crítica de Cinema e a Semana da Crítica de Cannes ten servido de plataforma de despegue a talentos como Bernardo Bertolucci, González Iñárritu, Ken Loach ou Wong Kar Wai. 

'Mimosas' é unha coprodución entre Zeitun Films (Galiza), La Prod (Marrocos) e Rouge International (Francia) e con vendas internacionais a cargo de Luxbox. A súa rodaxe levouse a cabo en Marrocos, en diferentes localizacións como as montañas nevadas do Anti-Atlas, o Lago Ifni, os vales de Tamalloute ou as Gargantas de Achaabou, paraxes duras, áridas, mais tamén de grande beleza, e que fan da natureza non só un mero decorado para 'Mimosas', senón que a converten nun dos principais protagonistas do filme.

'Mimosas' estrearase comercialmente en Francia no outono deste mesmo ano, tendo a súa data de estrea en Galiza pendente de confirmación.

'Mimosas', un conto épico sobre a fe, relata a historia de Ahmed, Said e Shakib na súa loita por atopar o camiño a Sijilmasa, lugar onde teñen a encarga de dar sepultura ao corpo dun honorable mestre sufí. 


 



x