CON XOSÉ Mª LEMA E ALEXANDRE NERIUM

Organizan unha ruta que percorre os escenarios da novela “Costa do Solpor”

Organizan unha ruta que percorre os escenarios da novela “Costa do Solpor”
Costa da Morte
Costa da Morte  

A praia da Arnela, Cabo Vilán, o porto de Fisterra... Unha iniciativa turístico-literaria percorrerá os escenarios da novela Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema, uns espazos de alto interese paisaxístico. O gueiro da ruta será o propio autor.


Baixo o nome Ruta Costa do Solpor este sábado, 17 de outubro, terá lugar un percorrido turístico-literario para coñecer os escenarios da novela Costa do Solpor, de Xosé Mª Lema, obra finalista do Premio Xerais de Novela 2011 e Premio da Crítica Galicia 2014 de Creación Literaria. O propio autor será que actúe de guieiro e o poeta fisterrán Alexandre Nerium, recitará pezas súas que inspiraron pasaxes importantes da obra.

A ruta, organizada polo Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte (SEMESCOM), en colaboración coa Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG), levará as persoas participantes ao pazo de Boallo, á Casa do Camiño; á visión dos “espidos peitos da muller enfesta” e da “montaña Vermella”, o porto de Fisterra, a fortaleza de San Carlos, a casa natal do Crego Sabio, a praia da Arnela, o monte Cachelmo, a furna da Buserana, Vilasumisa, o cabo Vilán, a “Area Escorredía”, o Penal do Veo, a Serra das Penas Rubias, Valverde, os Coídos Xemelgos. os valados litorais...

O percorrido, que se realizará na súa maior parte en autobús cun tramo a pé de 3,5 km, terá o seu comezo na praza do Concello de Vimianzo ás 10h, con regreso ao redor das 20h. Fican prazas dispoñibeis. Máis información en [email protected].