EIRA DAS MOURAS

Orientalismo, celtismo, obsesión de Vicente Risco

Orientalismo, celtismo, obsesión de Vicente Risco
[Imaxe: SG] Vicente Risco
[Imaxe: SG] Vicente Risco  

Máis unha entrega da sección mensual na que cada mes escribe o arqueólogo e museólogo Felipe-Senén, que nesta ocasión trata a influencia de oriente na Galiza e sobre Vicente Risco, “un engaiolado cos orientes”. Escribe ademais sobre as temáticas que avivan a fantasía que sustenta a base de tradicións orientais galegas. Eis un extracto da peza, publicada no número 341 do semanario Sermos Galiza.


1“Orior” en latín significa nacer... dela deriva “oriente”. E a partir do Oriente reorganízase a rosa dos ventos cos seus puntos cardinais, aínda que varía en función da situación de cada país. Pois velaí que “Occitania” foi no medievo boa parte desa Provenza da quen tanto temos herdado na Galiza nos anos das cantigas. Sempre cómpre un referente afastado, como o día ten a noite ou a alborada o solpor... Así é que esta nosa Fisterra, estremeiro occidente do Vello Mundo, por onde se pon o sol é tamén “Oeste” con certa carga retranqueira que lle vén dando o escritor Manolo Rivas, entre estrañeza, maxia, sombras e neboeira que nos envolve. Ao fin e ao cabo Galiza é “unha cultura de occidente” como filosofaba Otero Pedrayo no seu derradeiro libro co mesmo título, resumo do sentimento galego.

Neste noso Occidente temos como referente o Oriente clásico, por onde asoma a alborada. Dialéctica, filosofía que se envolve neste labirinto de pedra, onde a Omega se enfronta á Alfa ou un santo sartego cun santo berce. Velaquí tamén como, entre a Caótica Terra érguense ao Ceo Cósmico os cruceiros, coa Morte no anverso e a Maternidade no reverso, apoiados pola representación do Sol e da Lúa... Así que si, “orientarse” é buscar o camiño, o “Oriente”, tanto no senso xeográfico como tamén no histórico cultural. Pola contra “occidentalizarse” e seguir a moda de occidente, tendencia hoxe, cos seus vicios e virtudes, a pé de cada día.

Varias civilizacións orientais comparten principios comúns nos que prevalece o enigma, até hai pouco sumidas en ancestrais tradicións, fronte á inestabilidade occidental... Oriente é o berce da Historia Sagrada, do Paraíso Terreal, o Xardín do Edén, así pois como a psicodélica base de inspiración na arte.

Influencias

No Oriente do “Crecente Fértil”, o dos ríos Nilo, Tigris, Éufrates, Xordán, organizando o reparto das augas, naceu o Verbo, a palabra e con ela a Lei, as xerarquías de casta e rango, de sabios, os deuses e as relixións... e tanto que caracterizou influentes civilizacións, desde fins do século VI o islamismo fronte a xudeus máis antigos e cristiáns, cruzadas peregrinacións desde o Occidente por medio... Do século VI a.C. coñecemos o Kamasutra hindú, libro sobre os xeitos de facer o sexo; formámonos nas fantasías persas de As mil e unha noites, polas que soubemos de Aladino, da lámpada máxica, de alfombras voadoras, de Alibaba, de abracabras e outras maxias que, entre sedas, incensos, haréns, odaliscas, encantadores de serpes, magos e meigas, abrían o maxín ao infinito... Asuntos ampliados polas viaxes do diplomático de ascendencia galega Adolfo de Ribadeneyra, como un noso Chatoubriand, entre tantos, de Pierre Loti, a Salgari... atraídos polo imán e a tradición de Oriente.

[Podes ler a peza íntegra no número 341 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x