JUAN DURÁN

"As orquestras públicas teñen necesariamente que cubrir unha cota de música galega"

"As orquestras públicas teñen necesariamente que cubrir unha cota de música galega"
Juan Durán
Juan Durán  Foto: Alberto Bandín

Acaba de gañar o premio Reino Sofía de Composición, máis un logro nunha traxectoria que ten feito del todo un clásico da música culta galega. María Obelleiro entrevistouno para o Fora de Série do Sermos312. Eis un avanzo da conversa.

 


Considerado como o máis importante compositor galego da súa xeración e o de maior proxección internacional, Juan Durán (Vigo, 1960) estrea o 11 de outubro no auditorio do Escorial, en Madrid, Whispers in the Dark, a obra coa que gañou o premio Reina Sofía de Composición Musical, un prestixioso recoñecemento a unha excelsa obra de música de cámara, vogal, sinfónica e escénica. Ten no seu haber arranxos e orquestracións de música galega e as súas obras interprétanse ao longo do mundo. Dentro da súa produción destacan a cantata Cantiga Finisterrae para múltiples voces, con texto de Miguel Anxo Fernán-Vello, a reconstrución da ópera de Marcial del Adalid Inés e Bianca e O arame, a segunda ópera escrita en galego. Entrevistámolo cando se van facer dez anos da estrea desta última.

 

-O arame é a primeira ópera escrita en galega do século XXI, con trazos identitarios moi salientábeis.

 

-Na Galiza só se representaron dúas óperas, isto hai que matizalo. Houbo algún caso de fragmentos, ou versión con piano. Con escenografía e orquestra, houbo dúas, O Mariscal, en 1929, e O arame en 2008. Rodríguez Losada, o compositor de O Mariscal, era un grandísimo arquitecto, non vivía da composición, igual que eu non vivo, ninguén vive da composición. El formulou a historia de Pardo de Cela e seguramente estaría encantado de facer un enorme cadro escénico, na praza de Mondoñedo, con coro, cando lle cortan a cabeza... e como non tivo medios, colleu a parte máis íntima da historia: no calabozo, cando está preso. Eu fun falar con Lourenzo [Manuel Lourenzo, autor do libreto] para ver como podiamos facer e collín o mínimo: dous cantantes, dous bailaríns, unha pantalla, dous artistas ambulantes, unha orquestra

 

-Por que existe un descoñecemento da música clásica galega?

 

6 (1)-Con carácter xeral, hai unha imposición mediática a nivel universal da música pop a partir da Segunda Guerra Mundial, dun tipo de música comercial, de masas. No caso de Galiza, ti dis música galega e a xente no que pensa, con todo o meu respecto, é en Luar na Lubre, Milladoiro, Susana Seivane... Quen construíu a música galega? Igual que houbo un rexurdimento nas letras, houbo un rexurdimento na música. A música esixe un esforzo grande e o elemento identitario na Galiza é a lingua, non a música. De Juan Montes, compositor lucense autor de Negra sombra, apenas se sabe, e por que coñecemos Negra sombra? Pola música. A música é o vehículo para que as letras dos poemas se coñezan porque o que se canta non se esquece, por iso os nenos cantaban as táboas de multiplicar. Cantamos e coñecemos Negra sombra grazas á música de Juan Montes, e de Juan Montes non se fala. Dentro do ámbito clásico hai unha imposición: temos claro que hai unha serie de compositores, fundamentalmente do século XIX, o gran século da música, que son os pais: Bach, Beethoven, Mozart, casualmente son alemáns. As programacións que fan as orquestras e grupos de cámara, tamén na Galiza, adoitan ser ao redor destes autores.


-A que se debe?

-A darlle a garantía ao público de que non se vai fallar. Son poucas as actividades que hai nese ámbito, entón vaise ao seguro: facer unha sinfonía de Mozart ou de Beethoven. Apostar polo de aquí? Esa é a clave. Propúñasme facermos esta entrevista perto do Palacio da Ópera da Coruña, dicíasme que me era familiar. Si, eu teño estreado obras no Palacio da Ópera, mais téñome amosado moi crítico coa programación que fan as orquestras. Cada ano, cando sae a programación fago unha estatística e é incríbel: dúas obras de autores galegos no mellor dos casos, ou ningunha.

 

-Por que non hai máis programación de autores galegos clásicos e vivos?

 

-Supoño que polo autoodio, por ir sobre seguro e pola idea de que o de fóra é mellor. Hai exemplos magníficos. En 2000 fixemos a reconstrución da ópera Inés e Bianca, de Marcial del Adalid, o libretista era un colaborador de Verdi e está sen estrear. Poñela enriba do escenario custa cartos. Todo este tipo de cultura custa cartos, aquí o tema da billeteira é complicado, mais iso tamén acontece cos museos. Se non poñemos cartos para a música sinfónica, non os poñamos para museos. Unha orquestra é moi cara: unha semana da Real Filharmonía custa 80.000 euros. Ás veces, páganse sumas importantes para traer grandes directores ou grandes cantantes, mais non se inviste suficientemente na música clásica galega. A música galega non pode ser unha cuestión anecdótica na programación, ten que haber un proceso de normalización, como pasou coa lingua.

 

[A íntegra desta entrevista tela no Sermos312, disponíbel na nosa loxa e nos puntos de venda habituais]



x