A EDICIÓN MÁIS COMPLETA DO CLÁSICO DE NOVONEYRA

Inesgotábeis 'Eidos'

Inesgotábeis 'Eidos'
O poeta Uxío Novoneyra.
O poeta Uxío Novoneyra.  

Novoneyra nunca puña o ramo a Os Eidos. Libro en proceso, aberto, unha das experiencias poéticas máis intensas do século XX, seguiu traballando nel durante décadas. Rescribindo, depurando, reordenando. Agora, a case vinte anos da morte do autor, Chan da Pólvora publica a máis completa edición do crucial ciclo de poemas.


“Da voz popular á poesía moderna, un salto ao abismo, da copla ao haiku, do ancestral ao profundo para ir máis alá”, sintetiza a poeta Olga Novo no limiar -A nena de Vilarmao e o mestre do Courel- o tránsito que Uxío Novoneyra (1930-1999) efectuou na súa obra, aparecida por primeira vez en 1955. “A nena [...] comprende a palabra de Novoneyra adelgazada, retorcida e fina como a la nos dedos da fiandeira”, engade.

 

A introdución de Novo, dez páxinas en que se debruza na súa relación co poeta do Courel, é unha das novidades que incorpora a versión de Chan da Pólvora. Ademais, este Os Eidos inclúe un glosario -As cores do ucedo- elaborado por Emilio Araúxo a partir de 15 anos de conversas co escritor. Eis a vía de incursión no extraordinario pensamento poético de Novoneyra. “[Na poesía galega] vexo polo menos un fracaso terrible do que eu quixera na poesía. Eu quixera deliteraturizar a poesía”, chega a afirmar.

 

A malinterpretación paisaxística

 

Porque a de Novoneyra era palabra en acto, insitutición fundante dun espazo autónomo que, con todo, non esquecía outras ordes. Nada máis fóra do seu facer que a presunta pureza. “Cando entrega Os Eidos 2 á editorial Galaxia”, fai memoria o seu fillo e responsábel da fundación co seu nome, Uxío Novo Rei, “engade o Vietnam Canto, a Letanía de Galicia e o Mundo Laxeiro. Non quería que o usasen como libro paisaxístico”.

 

Estes poemas “políticos de vangarda”, xunto cos dous volumes de Os Eidos e unha escolma de 30 caligramas sobre versos do traballo, completan unha edición ao coidado de Antón Lopo, Luís Cochón e Elba Rei. “Para el, os caligramas tiñan independencia dos poemas”, explica Novo Rei sobre ese lugar inaudito conquistado por Novoneyra en que confluían escrita e pintura. Influenciado polas investigacións das tradicións poéticas orientais, o seu trazo manuscrito convertía o verso en mancha e a mancha en iluminación.

 

De “clásico” alcuma o fillo Os Eidos. Determinante para poetas de xeracións poesteriores como a propia Olga Novo (1975), Lupe Gómez (1972) ou Antón Lopo (1961), o libro leva “máis de dez edicións”. “O meu pai sempre daba os dereitos dos libros para iniciativas que lle interesaban, porque é un libro que sempre se vende -está nas bibliotecas, nos centros de ensino- e así as apoiaba”, di Uxío Novo. É o caso, continúa, da Biblioteca de Mesopotamia, a colección de Chan da Pólvora que o acolle.

 

“Trátase dunha experiencia única de colaboración entre concellos”, afirma Lopo, impulsor da biblioteca, “para consolidar un espazo literario de identidade común no interior de Galiza, na Ribeira Sacra”. O monllo de relatos de Ánxel Fole Contos de Mesopotamia abriu a serie que recolle Os Eidos. Unha antoloxía de poemas do monfortino Lois Pereiro (1958-1996).



x