REEDICIÓNS, BIOGRAFÍAS E ESCOLMAS POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Os libros de Fraguas

Os libros de Fraguas
Fraguas, Otero Pedrayo e Mosquera en 1947. Foto: Museo do Pobo Galego.
Fraguas, Otero Pedrayo e Mosquera en 1947. Foto: Museo do Pobo Galego.  

Protagoniza o Día das Letras e, porén, Antonio Fraguas foi máis ca un escritor. Dedicouse sobre todo a distintas variacións da ciencia etnográfica. Rexistrou costumes populares e cantigas tradicionais, percorreu santuarios e viviu romarías, trazou xeografías do pequeno e rescatou historias esquecidas. E é tamén obxecto da usual inflación de títulos aparecidos polo 17 de maio.   
 


Biografías dirixidas a diferentes grupos de idade, escolmas de ensaios e artigos e mesmo a reedición dalgún título publicado polo propio Fraguas (Cotobade, 1905 – Compostela, 1999) ocupan as novidades editoriais. É Romaría e santuarios (Galaxia) un dos volumes máis significativos dos recuperados este ano. Orixes e características históricas adobían esta “guía útil para o coñecemento dunha parte importante do patrimonio espiritual galego”.

Do tempo e dos astros (Galaxia) recolle dúas investigacións, O culto aos mortos (1931) e Preocupación polo tempo e os astros na cultura popular (1975), cuxo arco temporal permite entornar, ademais, a constancia intelectual do autor. O Cantigueiro de Cotobade (Galaxia) é un monumental traballo de folclore: 1.106 coplas e cantigas colleitadas no seu municipio natal. A reedición inclúe un cedé en que o dúo Oradaladou -Carlos Quintá e Sonsoles Penadique- musican unha pequena escolma dese material.

Dous textos dos anos 70 sobre historia local da capital de Galiza conforman Notas compostelás (Consorcio de Santiago/Galaxia), A vida colexial compostelá. Os homes e as institucións (1975) e A Sociedade Amigos da Arte de Santiago de Compostela. Apuntamentos para a súa historia (1974). Membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos, depurado do ensino público polo franquismo, fixo despois parte do galeguismo do interior que optou pola reconstrución cultural e renunciou á militancia política.

Integrado en todas as institucións culturais oficiais, do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento ao Consello da Cultura, da Real Academia ao Museo do Pobo, algúns destes centros rescatan as súas pescudas. É o caso da Academia, que dispoñibiliza en formato dixital o seu discurso de ingreso o 8 de maio de 1956: As coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro e Cotobade. Roseiras e paxariños nas cantigas dun serán.

O Consello fai o propio con Primeiros estudos etnográficos (1930-1932). Volume facsimilar pendurado na Rede, contén os “primeiros catro textos que don Antonio Fraguas deu ao prelo sobre os temas que logo marcarían a súa actividade divulgadora e investigadora”. Publicáronse orixinalmente en Nós. Boletín Mensual da cultura galega cos epígrafes O entroido nas terras do Sul de Cotobade, O culto ós mortos, Do folk-lore de Armeses-Listanco e As lêndas da Fonte Pormás. Antonio Fraguas. A cultura como forma de vida é o libro colectivo anual que a Universidade de Santiago dedica ao homenaxeado nas Letras.

Por fóra da propia obra de Fraguas atópanse os recontos biográficos. A de Malores Villanueva, Mestre da memoria (Galaxia) é o único dirixido ao lectorado adulto. O mestre bo, o bo mestre (Xerais), de Héctor Cajaraville, abriu o ano Fraguas e procura a escola como ámbito de difusión. O mesmo acontece con As vidas de... Antonio Fraguas (Galaxia), de Xosé Antón Neira Cruz, quen propón unha biografía novelada.

A talvez máis distinta das achegas a este Día das Letras 2019 sexa a de Xoán Curiel en Canta, miña pedra, canta (Galaxia), un libro disco enfocado ás cativas e cativos a partir dos cantigueiros populares elaborados por Fraguas.