Os libros do feminismo

Os libros do feminismo
[Imaxe: SG]
[Imaxe: SG]  

O pasado 8M aínda deixa sentir os seus efectos, tamén no editorial. Abundan as publicacións sobre feminismo, algunhas centradas xustamente no gran paro de 2018. Mais o movemento de emancipación da muller e os seus libros posúen tradición de longa data. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 337 de Sermos Galiza.


mini1Como en todo movemento sociopolítico, tamén no feminismo a práctica precede a teoría. Pero ambas instancias acaban por se retroalimentar. As multitudinarias manifestacións galegas do 8 de marzo de 2018 -a de Vigo foi histórica- poden funcionar a xeito de proba. Meses despois, textos, análises e ensaios feministas poboan os catálogos editoriais. Mais os textos do feminismo galego non apareceron, nin moito menos, o ano pasado.

A novelista Inma López Silva coordinou a achega monográfica ás mobilizacións Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo (Galaxia, 2019). Ecléctico e plural como a propia vaga feminista en curso, oito mulleres non necesariamente activistas e de extracción social diversa expoñen a súa relación con estourido nas rúas. “Este é un libro sobre unha revolución que agromou o día en que millóns de mulleres saíron á rúa e levaron consigo as fillas e as nais”, conclúe o limiar do volume. Tamén colectivo é #Nãomekahlo. Feminismo além das redes (Através, 2019), do grupo brasileiro do mesmo nome e á procura da “autonomía feminina”.

Foi xustamente a editorial Galaxia unha das que tomou nota da mudanza na temperatura social coa apertura da colección Feminismos. Deu saída a tres volumes a finais de 2018: De Inma López Silva, Chámame señora pero trátame como un señor; de Chis Oliveira e Amada Traba, á[email protected]; e de Carme Adán, Feminicidio.  

Futuro anterior

Este relativo boom ten, como adoita suceder, raíces. O pasado impulsa o futuro. A propia Adán, profesora de filosofía, investiga a materia desde hai anos e en 2003 publicou Feminismo e coñecemento (Espiral Maior), sobre o labor teórico das feministas interesadas na tecnoloxía. Mais no núcleo do feminismo galego contemporáneo e das súas exposicións escritas hai un nome fundamental: o de María Xosé Queizán. Organizada na pioneira Asociación Galega da Muller, Queizán daba ao prelo en 1977 A muller en Galicia (Ediciós do Castro). “Partindo da tese nacionalista da colonización do país”, explicou anos despois, “as mulleres galegas sofren unha dupla opresión, como femias e como galegas”.

A este volume iniciático seguírono títulos referenciais e a miúdo polémicos como Recuperemos as mans (Do Cerne, 1980), Escrita da certeza. Por un feminismo optimista (Espiral Maior, 1995) ou Rosalía de Castro e o poder sexual (Xerais, 2017), no se cadra máis sostido esforzo teórico e analítico do feminismo galego. Non o único, por suposto, como amosan as páxinas da revista fundada pola propia Queizán, A festa da palabra silenciada.

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 337 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]



x