O poeta Emilio Araúxo reescribe Beckett

O poeta Emilio Araúxo reescribe Beckett
O escritor irlandés Samuel Beckett.
O escritor irlandés Samuel Beckett.  

Emilio Araúxo é un escritor contraditorio. Secreto e prolífico, discreto e admirado, laborioso e dotado de paciencia rural, vangardista e apegado ao testemuño dunha destrución, os seus libros documentan como se extingue unha civilización: a do campesiñado europeo. No seu último libro, Mal mor (Axóuxere, 2018), emprega Samuel Beckett para se concentrar “na relación dunha anciá do rual co seu vivir cotián”.
 

Mal vu mal dit (1981) é a base sobre a que Araúxo (Coles, 1946) reconstrúe, a dicir dos seus editores, “unha reflexión que convive coa descrición nun intento de pór en xogo un artefacto que camiñe entre o dicir oral e a palabra literaria”. “Aquí. Aquí onte non poder. Non poder moito. Non poder. Algo. Algunha cousa. De que está descansada aínda se vai facendo”, comeza Mal mor.

Segundo explican desde Axóuxere, a obra “dálle voz a unha figura que ben podería ser representativa dun arquetipo aínda vixente no noso medio, o dunha forma de vida case en extinción”. O traballo de Emilio Araúxo -poeta, etnógrafo, filósofo, fotógrafo- céntrase xustamente en rexistrar esa gran mudanza. De “testamentaria” ten cualificado a súa propia poética, que se desprega polos máis diversos xéneros.

Antes de Mal mor, publicou Seica si (Chan da Pólvora, 2017), un estremecedor libro de poemas, e Chancras (Toxosoutos, 2017), compilación de variacións fotográficas arredor duns zocos. Ademais, é un dos grandes investigadores nos entroidos tradicionais, que se lle revelaron despois de, mentres se formaba en París, descubrir A cultura popular na Idade Media e no Renascimento, de Mijail Bakhtin.



x