DO 27 DE SETEMBRO AO 1 DE NOVEMBRO

O Outono de Teatro de Carballo estrea 17 obras na Galiza e enfoca o teatro social

O Outono de Teatro de Carballo estrea 17 obras na Galiza e enfoca o teatro social
'Hamlet', da Companhia do Chapitô, unha das obras estrela que se verá na edición número 28 do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Foto: FIOT.
'Hamlet', da Companhia do Chapitô, unha das obras estrela que se verá na edición número 28 do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo. Foto: FIOT.  
Trinta e oito espectáculos dos que 17 son estreas -nove absolutas e oito na Galiza- conforman o núcleo da 28ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) en Carballo. Entre o 27 de setembro e o 1 de novembro, a cidade bergantiñá será a capital escénica do país. “O máis relevante da escena galega e estatal contemporánea, ademais de propostas internacionais chegadas de Portugal e Israel”, indica a organización.

Que é a asociación cultural Telón, coa colaboración do Concello de Carballo. O ciclo tamén ofrecerá “múltiples accións de dinamización cultural, exposicións, encontros con artistas, teatro de rúa, microteatro e un circuíto gastronómico de insipiración teatral con tapas nos bares”. E pezas de Carmen Maura, Teatro Kamikaze, Cándido Pazó, Quico Cadaval, Álvaro Tato, Tito Asorey, Carolina Román ou a Companhia do Chapitô.presentación FIOT

O teatro social centra o FIOT 2019, “Queremos xerar reflexión e conversa sobre o mundo actual e a realidade líquida na que vivimos”, sinalan os promotores, “propoñemos subir ao escenario individuos e colectivos que a sociedade mantén nas marxes, nas periferias, a quen negan indentidade e o espazo que lles corresponden”. En concreto, refírense á muller, a mocidade, a exclusión social, as violencias machistas, a identidade ou “a loita coa ruptura de lindes inxustamente marcados”.

Todo tipo de linguaxes escénicas sucederán sobre as táboas dun Outono carballés que divide a oferta por seccións: Programa de Sala, OTNI, Rúa dos Contos, Teatro de Rúa ou o certama Microescenas Metro Cadrado. Entre as pezas en que organización deposita máis esperanza atópanse as seguintes:

Jauría, de Kamikaze Producciones (13 de outubro). “Impactante e desgarrador espectáculo de teatro documento sobre o xuízo de La Manada”, dirixida por Jordi Casanova e dirixida por Miguel del Arco.

La Golondrina, de La Zona (20 de outubro). “Conmovedora historia escrita polo xenial dramaturgo Guillem Clua co terrorismo e a homofobia como pano de fondo”. Protagoniza Carmen Maura.

Fariña, de Unodez Producións (1 de novembro). Baseada no libro xornalístico de Nacho Carretero sobre o despregamento do narcotráfico na Galiza dos anos 80 e 90, protagniza Xosé Antonio Touriñán e “porá o broche de ouro ao festival”.

Medida por medida, de Producións Teatrais Excéntricas (4 de outubro). Esta obra “achegará William Shakespeare á irreverencia e frescura do seun director”, que é Quico Cadaval.

O electo, de Contraproducións (25 e 26 de outubro). Trátase dunha “aguda comedia que aborda a vocación política” e que dirixe Cándido Pazó.

Hamlet, de Companhia do Chapitô (27 de outubro). “É unha comedia visual e física na que a recoñecida compañía portuguesa despregará todo o seu humor e creatividade á vez que desafía o enxeño do público”.

Control Freak, de Kulu Orr. É unha das estrelas da sección Obxecto Teatral Non Identificado (OTNI), “inclasificábel espectáculo de humor intelixente e tecnoloxía punteira no que o israelí demostra as súas habilidades rompendo as fronteiras artñisticas”.

A.K.A. (Alson Known As), de Flyhard Produccions. “Unha obra valente e comprometida coa linguaxe adolescente e a procura da identidade”.

Recoñecemento a Patricia de Lorenzo
O Outono de Teatro nomeara Xograr de Outono a Patricia de Lorenzo, membro da compañía Chévere. Con este galardón, o festival recoñece “personaldades ou entidades que destacan pola súa promoción e desenvolvemento do teatro na Galiza”. Ao tempo haberá unha homenaxe a quen tamén fora Xograr de Outono, o actor recentemente finado Celso Parada, cunha exposición sobre os 30 anos de Teatro do Morcego, a súa compañía.

Venda de entradas
A venda de entradas para o 28º Festival Internacional de Outono iniciouse o 13 de setembro coa posta a disposición do público dos abonos do Programa de Sala. A partir da sexta feira 20 será posible adquirir individualmente as entradas para os diferentes espectáculos do FIOT que precisan de billete para poder acceder aos mesmos, como son Programa de Sala, Rúa dos Contos ou OTNI. Toda a información sobre descontos e prezos de cada un dos espectáculos pódese consultar no propio web do FIOT, www.fiot.gal.

Nota: imaxe da presentación do FIOT 2019 a pasada semana. Foto: FIOT.