Paco Rocha retrata as facianas dos gandeiros, non os tractores

Paco Rocha retrata as facianas dos gandeiros, non os tractores
Paco Rocha
Paco Rocha  

O fotógrafo Paco Rocha (Compostela, 1978) quixo amosar o retrato dos gandeiros e non os seus tractores. Levou o seu estudo á rúa e conxelou as expresións de 26 deles. “Dábame rabia que nos quedasemos só coas imaxes das máquinas e non coa xente”. 


Paco Rocha publicou durante a tractorada un álbum de fotos na súa páxina de Facebook con 26 retratos de gandeiros cunha roda de tractor detrás. Só dicía isto: “Eu non teño tractor, pero podo plantar un estudio no medio da avenida. Eu non podo regalar leite, pero podo regalarvos estas fotos. Grazas a [email protected] [email protected] e as súas familias por esta grandiosa lección de defensa común”.

Estas 26 fotos foron compartidas por centos de persoas e deron a volta á Internet galega. Amosaban a imaxe da dignidade dun sector en pé de guerra. “A idea era verlles a cara. Ver tractores está ben, pero o importante é a xente que vive diso e a verdade é que non os vemos tanto. Eles merecían darse a coñecer”, afirma Rocha, un reputado fotógrafo que ten mesmo exposto no Centro Galego de Arte Contemporánea. “Eu vin aquela protesta tan ben montada e dábame rabia que nos quedasemos só coas imaxes das máquinas e non coa xente”. 
 
“Nós temos estudo na Avenida de Lugo, por onde estaban os tractores e, nun momento dado, vin na súa actitude unha forma de reflexarme. Foi o meu xeito de sumarme á protesta. Vin aquela roda de tractor e saquei o estudo á rúa. Xusto simboliza o que eu quería”, di o compostelán. 

“É xente coma ti e coma min”

Rocha foi facendo as imaxes nos buratos libres que lle deixou o traballo “até que marchou o tractor que me serviu de fondo”. “É xente coma ti e coma min, non somos tan distintos”, -afirma-, “eu son un puto pringado autónomo e eles son exactamente o mesmo”. 

Preguntámoslle se fará algunha exposición coas imaxes e confesa que aínda non o pensou. “Sería fantástico, pero está claro que unha institución non a vai pagar. Os temas reivindicativos non chos merca ninguén”. “De todos os xeitos”, relativiza, “hoxe cun álbum de Facebook chegas a máis xente que se o pos nun museo”.