MANUEL PORTAS, ESCRITOR

“Este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados sexan fagocitados pola moda do momento”

“Este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados sexan fagocitados pola moda do momento”
Manuel Portas
Manuel Portas  

Arredor da morte do protagonista da novela, un nacionalista ex-militante, desenvólvese a nova novela do escritor Manuel Portas, Amor en alpargatas (Xerais) que se presenta o vindeiro día 26 en Compostela. 


Con Denso recendo a salgado sorprendeu no panorama literario en 2010. Desde entón, non deixou de sumar títulos a súa veloz traxectoria literaria. Virían a seguir Un dedo manchado de tinta e Faneca brava, novas novelas que consolidaban a súa veloz carreira como escritor. Agora engade Amor en alpargatas, como as outras publicada por Xerais, unha novela na que insiste na súa vontade da literatura como goce mais que tamén, confesa, lle gustaría que dera para pensar. A presentación será o 26 de febreiro no Airas Nunes de Compostela e contará coa presenza da crítica literaria  Dolores Vilavedra, o escritor Bieito Iglesias, o editor Manuel Bragado e o propio autor. 

-En Amor en alpargatas a morte do protagonista convida a facer balance da súa vida, un nacionalista ex-militante en Compostela. Algunhas referencias, lugares, momentos... son identificábeis, que toma da realidade para construír a súa novela?

A literatura pode ser, como o cine, de ciencia ficción ou máis apegada á realidade, máis verosímil. A novela non corresponde a unha biografía concreta nin era iso o que se pretendía, agora ben, hai elementos que soan a realidade porque estamos a falar dun país concreto, dunha xeración precisa -dez anos por riba do meu tempo- e cunha experiencia vital nese mundo nacionalista que pode ter detalles tirados de biografías diferentes, sen ser ningunha existente. 

"A novela non corresponde a unha biografía concreta nin era iso o que se pretendía, agora ben, hai elementos que soan a realidade porque estamos a falar dun país concreto, dunha xeración precisa"

-A vida dos personaxes xira ao redor dese protagonista que, singularmente, ten un papel privilexiado na novela. 

Noutras novelas optei máis ao protagonismo colectivo, á sinfonía que é a propia realidade porque na literatura xogo na liga do realismo mais xa en Faneca Brava a protagonista feminina erixíase como centro. En Amor en alpargatas xogo cun personaxe principal que tamén cede protagonismo nas súas historias de amor. Todo parte do seu enterro, no propio cemiterio, e nun período de tempo que non vai máis alá de vinte minutos mais que, a través do flashback recompón a súa biografía. 

-“Non hai tempo para o orgullo. O país non pode agardar por feridas particulares. Vaille a vida”. escribe na novela.  Que hai do autor nesa confesión do protagonista?

O que expresa ese monólogo o protagonista en solitario na súa casa é unha reflexión moi estendida no mundo nacionalista, en persoas que están desactivadas e ven o que está a pasar con ollos perplexos. Sen vontade de se converteren en elementos activos, a distancia das estruturas organizativas e o paso do tempo fan que se sexan, en certa medida, observadores privilexiados que se preguntan cal é o futuro e non tanto do nacionalismo senón do pais. Nese punto de vista cuestionen tamén o nivel de irresponsabilidade que fai que, nun momento tan crucial para a historia, sigamos a discutir polos marcos das leiras. Xa non vale aquilo de “xa o diciamos nós”, a tal altura é miope e non contribúe a nada. Compre moito diálogo e este país non se pode permitir o luxo de que os sectores máis avanzados podan ser fagocitados pola moda do momento. 

-Por que decide escribir sobre algo tan próximo? É consciente da polémica que pode xerar a novela?

Cando un escribe non se despersonaliza e se as historias nacen é porque interesan. Escribo por pracer mais tamén inflúe a ética e a maneira de pensar. Este é un tema que preocupa a boa parte da intelligentzia deste país. Inflúen, claro está, os demos particulares, os pesadelos, as obsesións... Como di Benedetti, podería escribir sobre os peixiños brancos que van comer os negros, mais poríame da parte dos negros. A persoa que escribe é permeábel á sociedade. Non se pode facer unha literatura Mac Donalds. A novela pode, cando menos, levar a pensar e se iso acontece, eu estou satisfeito. Mais a literatura é literatura e o primeiro obxectivo é que se goce con ela. 

-Como noutras novelas, Compostela ten un forte protagonismo. Por que volve converter a cidade en escenario privilexiado da súa obra?

En Un dedo manchado de tinta as distintas historias caracterizábanse polo seu compostelanismo. Sempre está presente porque é unha cidade literaria, un espazo con personalidade diferente. Está por facer aínda a gran biografía literaria da cidade. Tal vez algún día...

"A literatura está demasiado chea de figuras e a xente normal ten dereito a verse reflectida nas obras. Cada historia ten un prisma, un olor, un sabor, que a fai diferente e o reto está en captar eses recendos particulares". 

-En 2010 publica a súa primeira novela Denso recendo a salgado e desde entón van xa catro. A que se debe ese ímpeto na escrita?

Sempre gocei da literatura como ávido consumidor, mesmo nos tempos de dedicación á cousa pública non deixaba de ler. Chega un momento en que decides que vai sendo hora de pasar á escrita. Desde que escribira o ensaio Lingua e sociedade na Galiza non volvera publicar un libro e era xa tempo de apostar por un proxecto estético. Ademais pásoo ben e é a miña maneira de, por así dicilo, esgotar as miñas capacidades expresivas. 

-Catro novelas e, polo que vexo, moitos proxectos na cabeza. Demorou mais, é mostra da ansia que tiña de se converter en escritor?

Un está todo o día creando, en cada mirada, en cada situación, nalgunha pequena noticia do xornal aparecen historias que tiran, ás veces impresionantes e con protagonistas anónimos que son mesmo superiores literariamente á propia narrativa. A literatura está demasiado chea de figuras e a xente normal ten dereito a verse reflectida nas obras. Cotián e anónimo non significa vulgar. Cada historia ten un prisma, un olor, un sabor, que a fai diferente e o reto está en captar eses recendos particulares. 

-Nas catro novelas adivíñase a súa vontade de estilo, con varios elementos. Un deles e buscar ese goce da literatura no que insiste?

O escritor escribe para si mais non pode esquecer que o feito literario remata cando alguén le. Na construción dunha literatura propia a creación de lectores é imprescindíbel. Se escribimos obras pesadas, os lectores van fuxir da nosa literatura. Temos que conseguir que gocen. A literatura non está para ser estudada senón para pasalo ben. Se queremos que a nosa literatura se consolide temos que conseguir que se lea e non por militancia. Iso é a normalidade á que temos que aspirar. 

-A procura da sinxeleza é tamén un obxectivo na súa práctica literaria?

A escrita hai que mimala, tocala e retocala, mais a xente ten que sentir o regusto no padal cando le. A escrita ten que ser sinxela mais os escritores estamos para estirar o idioma, para ver até onde chega. Unha das prosas máis elaboradas da nosa literatura é a de Castelao e sorprende ver, poño por caso,o manuscrito de Os vellos non deben de namorarse e toparse coa cantidade de tachados e cambios que fixo. A sinxeleza é produto dunha elaboración extrema, vén do pulimento, de estar permanentemente na procura da expresión. A lingua ten que fluír coma un río e para iso precisa pasarlle brillo.



x