ENTREVISTA A VÍCTOR F. FREIXANES

“Os países serios teñen unha soa ortografía. Podemos discutila, modificala... mais hai só unha ortografía”

“Os países serios teñen unha soa ortografía. Podemos discutila, modificala... mais hai só unha ortografía”
[Imaxe: RAG] Víctor F. Freixanes
[Imaxe: RAG] Víctor F. Freixanes  

Posúe o don da palabra. Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) ocupa desde 2017 as páxinas dos xornais como presidente da Real Academia Galega, mais a súa traxectoria levouno a facelo antes na súa faceta de editor e de escritor. Tamén exerceu desde moi novo como xornalista, profesión na que contribuíu a formar centos de alumnas e alumnos da facultade de Ciencias da Comunicación da USC. Nomeado profesor ad honorem, vén de reeditar a súa primeira novela de ficción O triángulo inscrito na circunferencia. Eis un extracto da conversa, publicada no número 338 de Sermos Galiza.


mini2Como percibe a situación que vive o galego?

Detectamos que o coñecemento da lingua existe, o que non existe son espazos de uso e socialización, sobre todo na xente nova, algo que nos preocupa moito. Temos que escoitar as mozas e mozos e implicalos en iniciativas de dinamización lingüística.

E nesa falta de socialización, canto influíu o decreto do plurilingüismo?

Fixemos unha primeira exploración hai anos e agora o seminario de sociolingüística, que coordina Henrique Monteagudo, está finalizando un estudo de campo para ver cales son as consecuencias do decreto. Podo ofrecer a impresión dalgúns datos dos que dispoño. Para unha segunda análise escollemos o concello de Ames, onde percibimos que hai moitísimos pais e nenos que falan galego na casa, mais cando os pequenos van á escola pérdeno. Algúns din que o perden porque se decatan de que o galego non serve de nada. É aí onde hai que actuar. Hai que demostrar na práctica que en galego podemos estar na modernidade. Se non entramos na nova modernidade, desaparecemos como o azucre en auga. A lingua forma parte esencial da nosa identidade e iso non o podemos negociar. O galego non é unha lingua local, está conectada co portugués e co brasileiro.

Falando de diálogo co portugués, que lectura fai da proposta do binormativismo por parte de colectivos como a AGAL?

Falo a nivel persoal, pois a Academia non se pronunciou. Teño moi bos amigos na AGAL e sempre digo que a nosa lingua non está illada no mundo, que está conectada coa gran familia común, de quen somos irmáns e que, se me apuras, son os nosos fillos. Todo vén deste recuncho do noroeste da península. Porén, se queres unha proxección internacional, usa o portugués. Todos podemos estar xuntos nesa viaxe sen a necesidade de perder no camiño a nosa identidade. Dúas ortografías danzando? Os países serios teñen unha soa ortografía. Podemos discutila, modificala... mais hai só unha ortografía.

Ter varias ortografías non me parece unha fórmula, mais aposto por estreitar o coñecemento do portugués e do brasileiro e traballar con esa filosofía, dicirlles ás nenas e aos nenos que grazas ao galego poden entrar nese mundo. Isto resólvese convertendo o galego nunha riqueza, desdramatizando as situacións e fortalecendo as comunicacións multilaterais. Empregar varias ortografías debilitaríanos e confundiría a xente. Hai que ter en conta que unha lingua son os falantes e é moi importante que os falantes se recoñezan nela.

Que responsabilidade ten o Goberno galego na perda do uso da lingua por parte da xente nova após a aprobación do decreto do plurilingüismo?

Non é só a Xunta. A Xunta ten os recursos económicos, a posibilidade de facer un deseño estratéxico para o futuro do idioma e do país e a aplicación exemplar de todo iso. O Plan de normalización lingüística é etéreo. Cando nos convén, falamos del e cando non nos convén, non falamos del. O problema que temos é que non se levou á práctica en todas as súas posibilidades.