'BALDÍOS' ENDURECE O SEU SON

Pantis, proxecto electrónico de Rubén Domínguez, presenta un anticipo do seu segundo disco

Pantis, proxecto electrónico de Rubén Domínguez, presenta un anticipo do seu segundo disco
Rubén Domínguez, de Pantis. Foto: Prenom.
Rubén Domínguez, de Pantis. Foto: Prenom.  
Rubén Domínguez é unha presenza ubicua na música independente galega. Antes integrante de bandas tan sólidas e intensas como Telephone Rouges ou Cudevaso e agora membro de Chicharrón, Pantis é o seu proxecto individual. Electrónica derivada de certas vías kraut, letras intimistas en galego, a súa última gravación amosa un particular endurecemento sonoro.

Baldíos foi gravado entre 2017 e 2019 en San Vicente do Grove, Compostela, Rabat (Marrocos), Helsinki (Finlandia), Madrid e San Sadurniño. Son sete cancións, dispoñíbeis no seu bandcamp, máis abrasivas que no seu disco debut, Pranto (2016), e coas que anticipa o seu novo dico aínda en preparación. Domínguez fala del como cun traballo “de fragmentos, ensaios e erros previos ao álbum do que foron arrincados, un prólogo necesario”.

pantis - baldíos (cuberta, 2019)Deséñao e publícao Prenom, o selo que promove Domínguez canda Mar Catarina e que tamén se encarga de facturar videoclips para grupos galegos -o último, para Terbutalina. En Baldíos participa a propia Catarina, que achega voces a Senra, e mais Cibrán Tenreiro -batería en Ataque Escampe e membro de Esposa ou Zara-, que achega teclados ao mesmo tema.

O traballo incorpora novas influencias ao repertorio de Pantis, tamén xoga a fracturar as músicas, e cruza La Düsseldorf con James Ferraro. “Estes son os Baldíos, un disco de fragmentos e espazos íntimos, construídos en moitos lugares improbábeis”, di o propio Domínguez nas redes sociais do proxecto.