CONCLUSIÓNS DO ENCONTRO

O Parlamento de Escritoras da AELG ofrece un duro diagnóstico sobre as liberdades civís

O Parlamento de Escritoras da AELG ofrece un duro diagnóstico sobre as liberdades civís
Participantes no Parlamento de Escritoras e Escritores da AELG. Foto: Distrito Xermar.
Participantes no Parlamento de Escritoras e Escritores da AELG. Foto: Distrito Xermar.  

As escritoras e escritores que, o 15 e o 16 de marzo, se xuntaron en Pontevedra para debater sobre identidade, dereitos civís e escrita veñen de elaborar un documento de conclusión en que ofrecen un duro diagnóstico da situación no Estado. O neoliberalismo, a violencia, as migracións ou o esmorecento do galego son algúns dos obxectos da súa ollada crítica.
 


O mencionado texto remata ademais cun chamado de tres puntos: o sobresemento definitivo da causa contra os 19 activistas imputados por ocupar simbolicamente o pazo de Meirás, a liberdade dos presos e presas políticos e o retorno das exiliadas, e a derrogación da Lei Mordaza. “Reflexionamos nun momento de especial gravidade no relativo á vulneración na Galiza e no Estado español de dereitos culturais, sociais e políticos”, afirma a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, organizadora do encontro.

Estruturado en seis mesas e con participantes chegados de Portugal, Euskadi ou Catalunya, nelas tratouse unha especie de estados xerais da sociedade e o papel de escritoras e escritores nela. “O neoliberalismo é unha nova racionalidade política, unha nova subxectividade, que succionou a soberanía dos pobos”, analizou o debate titulado Liberdades civís e dereitos nacionais, que atendeu o caso concreto de Ómnium Cultural, a asociación catalá cuxa directiva Clàudia Pujol interveu nas discusións.

Feminismos. Identidades felicitouse de que en Galiza exista “unha escrita feminista consolidada”, reclamou “ter en conta” a tradución na configuración dela e a “construción dunha nova masculinidade que refugue a violencia, a agresividade e a non expresión das emocións”. Desposesión da terra e da identidade ocupouse das migracións contemporáneas e, de maneira tanxencial, da precariedade constitutiva das novas relacións laborais: “Existe unha xeración moza que non pode realizar na propia terra un proxecto laboral, familiar nin vital”.

Sobre as diferentes faces da violencia e o seu carácter estrutural, o parlamento avanzou algunhas hipóteses. A máis dura, a seguinte: “Asistimos a unha actualización das formas de violencia por parte do Estado que fai concluír que esta violencia é institucional e está institucionalizada”. “Non existe un sistema literario galego suficientemente normalizado”, asegurou a palestra Lingua e patrimonio cultural, que alertou sobre “unha cultura institucional encuberta tras unha falsa liberdade que desactiva unha cultura rica e viva”.

A situación da lingua galega atravesou non poucas das discusións. E as perspectivas das autoras e autores non son nada amábeis. “Na vida cotiá, o galego oral e o escrito vai camiño de selo só en contextos cerimoniais. Ou esiximos o cumprimento estrito das leis sobre os dereitos lingüísticos e participamos activamente no uso normal na sociedade ou axiña o galego será, na práctica, unha lingua morta”, afirmaron.

A preocupación pola homoxeinización dos imaxinarios culturais foi o eixo da sexta mesa redonda, Cultura, medios de comunicación e poderes. “En Galiza cómpre resaltar que se está inviabilizando a posibilidade de que haxa unha industria cultural galega por circunstancias relacionadas cunha lingua e unha cultura minorizadas e polo desinterese dos poderes maioritarios”, sintetizou.

O Parlamento de Escritoras da AELG contou co apoio do Concello de Pontevedra e da organización de dereitos de autor Cedro. Os nomes dos participantes nos diferentes debates pódense consultar nesta ligazón: https://www.aelg.gal/actividades/parlamento-de-escritorases/2019/3/15/parlamento-de-escritorases-identidade-e-dereitos-civis-desde-a-escrita



x